"A estratexia de opacidade do TTIP fracasou"

Ricardo García Zaldívar © Actualidad Universitaria

ATTAC leva máis dunha década cumprindo un papel moi importante de xeradora de ideas para o campo da esquerda e na loita contra o dogma neoliberal e foi, o pasado ano, unha das primeiras entidades en dar a a voz de alarma sobre as negociacións que, en segredo, levaban a cabo a UE e os Estados Unidos para a aprobación do Acordo Transatlántico para o Comercio e o Investimento (TTIP). O presidente da sección española de ATTAC, Ricardo García Zaldívar, doutor en Estudos Territoriais e Urbanos e en Economía, falará este xoves en Compostela dentro do ciclo Recuperar Soberanía, desarmar o TTIP, organizado por ECOAR.

Será na Facultade de Económicas da USC a partir das 19 horas. Antes, este mesmo mércores, García Zaldívar falará na Coruña (no Café Macondo, rúa de San Andrés 106) sobre o Foro Social Mundial 2015, celebrado en Tunisia do 24 ao 28 de marzo. Será a partir das 19.30 horas, nun acto organizado polo Círculo Podemos da cidade.

"A idea que subxace no tratado é que hai que darlle máis poder ás empresas, para que teñan máis beneficios e que deste xeito, por vía da filtración, iso acabará chegando á base da sociedade. Esa é a idea que combatemos dende ATTAC"

Por que debemos opoñernos ao TTIP?

Un movemento social como ATTAC o que pretende é avanzar na batalla das ideas, que perdemos durante moitos anos, dende os noventa, ata configurar un pensamento neoliberal maioritario. Dende este punto de vista, para min o máis grave do acordo é que consolida este modelo e esta ideoloxía. O que o TTIP propugna é que a forma de saír da actual situación de crise e de precarización de capas cada vez máis amplas da sociedades é o modelo das transnacionais, definido en que o mundo é unha xungla e que hai que competir de forma desapiadada. E neste modelo, canto máis poderosas sexan as empresas privadas, mellor lle irá a esa sociedade. A idea que subxace no tratado é que hai que darlle máis poder ás empresas, para que teñan máis beneficios e que deste xeito, por vía da filtración, iso acabará chegando á base da sociedade. Esa é a idea que combatemos dende ATTAC. Despois podemos entrar nos detalles, en que o acordo vai levar a que a poboación coma polos lavados con lixivia, ou que vai permitir a xeneralización do fracking en Europa ou que certas substancias que agora non usamos aquí pasen a ser habituais. Pero por debaixo de todo isto, que serían as consecuencias, subxace a idea que comentaba antes.

"Creo que o vindeiro 18 de abril vaise facer visible nas rúas que hai unha cidadanía que rexeita o acordo. E isto hai un ano era impensable"

Conseguiuse rachar o silencio informativo e o descoñecemento xeral sobre os seus efectos? 

Creo que no último ano temos avanzado moito. Hai uns meses un grupo de organización comezamos a alertar dos efectos deste acordo, do prexuízo que podía provocar na nosa soberanía e na nosa democracia e conseguimos xa alertar a esa parte da cidadanía que se preocupa polo público,  ese sector que ata hai seis anos era moi pequeno en España e que agora é moito maior. Creo que o vindeiro 18 de abril vaise facer visible nas rúas que hai unha cidadanía que rexeita o acordo. E isto hai un ano era impensable.

A súa estratexia de opacidade fracasou. Tivo que chegar unha nova comisaria de Comercio, Cecilia Malström, e mudar a súa estratexia, abrindo algo a man e dando máis información. A súa idea era que este tema pasase sen debate, como unha simple cuestión técnica e que a cidadanía nin sequera tivese información sobre ela. A xente comezou a pensar que se isto se estaba ocultando tanto era porque non era bo, e tiveron que reaccionar. Fíxate que o ISDS, o mecanismo de resolución de conflitos entre empresas e Estados, que lles permite ás transnacionais preitear cos Estados, ten vinte anos, e ninguén dixera nada. E agora o ISDS si está en cuestión, grazas a que os movementos sociais criticamos a perda de soberanía que supuña isto. Pero aínda así, case todo o que sabemos sobre o tratado, sabémolo por filtracións.

"A súa idea era que este tema pasase sen debate, como unha simple cuestión técnica. A xente comezou a pensar que se isto se estaba ocultando tanto era porque non era bo, e tiveron que reaccionar"

É suficiente a resposta social fronte ao TTIP? 

Creo que chega un momento en que a xente cansa de saír á rúa, pero eu estou de acordo con Susan George en que podemos gañar a batalla contra o TTIP. E por exemplo non son tan optimista en que poidamos gañar outras loitas, coma mudar as políticas económicas que está aplicando a troica.  Houbo un momento de manifestacións continuas, e por exemplo as mareas acadaron importantes vitorias en Madrid e noutros lugares. Agora semella que a intensidade das mobilización é menor, e poderíamos interpretar que a saúde dos movementos sociais está empeorando, e que a súa forza é menor. Pero eu non o vexo así. Creo que, de feito, a receptividade da sociedade cara a estas visións críticas é cada vez maior, e iso reflíctese nas enquisas de intención de voto de Podemos e outras forzas políticas que buscan un cambio.

Creo que ademais nos últimos anos moita xente dos movementos sociais deu o paso de entrar en organizacións políticas. Agora un campo e outro están máis en relación. E iso é o que fai que todo ese campo social sexa máis sensible e se active con máis facilidade cando se lle explica un tema coma o TTIP. Estámolo vendo cos sindicatos españois, contrarios ao TTIP, mentres que outros sindicatos importantes de toda Europa si que cren que o tratado pode ter beneficios para o emprego. Creo que os promotores do TTIP (por exemplo Ignacio García-Bercero, un dos negociadores principais) están preocupados porque ven que a sociedade civil está descubrindo que as cousas non son como llas contan. Ollo, a parte da poboación que é sensible a este tema é aínda minoritaria, pero é moi superior á que había hai só uns meses.

"O que fai falla é que a sociedade civil sexa máis poderosa, pero co obxectivo de forzar un cambio da situación dende os gobernos"

O número de folgas en 2014 foi o máis baixo en moitos anos, tamén se reduciu moito o número de manifestacións. Arrefriou a mobilización social? Pode supor iso unha debilidade do movemento de cambio? 

É imposible manter á xente na rúa permanentemente. Non lle podes pedir á xente que se manifeste todas as semanas, un día pola lei mordaza, outro pola sanidade pública, outro polas preferentes... Creo que Podemos entendeu moi ben que era o momento de pasar de aí á dar a batalla polas institucións. O que fai falla é que a sociedade civil sexa máis poderosa, pero co obxectivo de forzar un cambio da situación dende os gobernos. Fíxate en Grecia: Syntagma funcionou durante moito tempo, pero Syriza tivo que gañar o Goberno para loitar dende aí. A vitoria do PSOE en 1982 veu precedida dun movemento semellante. Non son pesimista, pero creo que isto non vai cambiar nun ano. Non creo que vaiamos ver un cambio radical da sociedade española en termos políticos e sociais, pero si imos ver unha sociedade distinta, na que a sociedade civil terá máis peso.

"O FSM xa non é o evento masivo que foi, pero segue servindo para definir as prioridades dos movementos sociais, para centrar os nosos debates e articular as loitas a nivel global"

Participaches no FSM celebrado en Tunisia a finais de marzo. Que valoración fas?

Eu ía ao FSM coas expectativas baixas. En Tunisia houbera un foro magnífico hai dous anos, no que aínda se percibían os ecos das primaveras árabes, pero en ATTAC somos conscientes de que os foros sociais mundiais non son xa os grandes eventos de comezos da pasada década. Thatcher e Reagan impuxeran o seu TINA (There Is No Alternative), e Porto Alegre demostrou, ao igual que en España o 15M, que si había alternativa a esa sociedade de mercado. O FSM xa non é iso, pero segue servindo para definir as prioridades dos movementos sociais, para centrar os nosos debates e articular as loitas a nivel global. Por exemplo, a débeda converteuse -xunto co cambio climático- no tema clave, e é posible que España acolla en setembro unha Conferencia Europea sobre a Débeda. O FSM de Tunisia tivo erros de organización, pero o importante é que aí nos xuntamos 50 mil persoas, con máis de 1.200 mesas, obradoiros e actividades. E o importante é que o Foro segue vivo, e no 2016 haberá FSM en Montreal, e haberá tamén encontros temáticos en Atenas e Porto Alegre. Como espazo de encontro e debate entre os movementos sociais de todo o planeta é insubstituíble.

Ricardo García Zaldívar © Actualidad Universitaria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.