A fin da desnutrición infantil custa "unha quinta parte" do rescate á banca española

Un neno de sete meses, tras ser tratado contra a desnutrición © Unicef

"O meu fillo xa non come area". É a frase que escoitou Gonzalo Fanjul nun centro de saúde de Kiffa, ao sur de Mauritania. Quen a pronunciaba era a nai dun neno recuperado grazas a un tratamento que o nutriu, que o librou de graves enfermidades e mesmo da morte e que custa só 42 euros. Esa frase foi a escollida por Fanjul para titular o informe que elaborou para Unicef sobre "a batalla global contra a desnutrición infantil", un documento que recolle as grandes dificultades da rexión africana do Sahel pero tamén un "caso de éxito", o de Mauritania, un país que logrou reducir nun terzo a desnutrición da súa infancia en menos de vinte anos. Que o resto de territorios afectados pola desnutrición infantil poidan solucionar o problema ten un custo: uns 10.300 millóns de dólares, calcula Unicef.

A dimensión deste investimento é aínda máis ilustrativa calculada en euros, moito máis coa comparación que presenta a propia Unicef. O "custo de poñer fin á desnutrición en cada país do planeta" é duns 8.000 millóns de euros ou, o que é o mesmo, "unha quinta parte do que ten previsto empregar a Unión Europea no rescate dos bancos españois". Pero o conxunto de axudas oficiais en todo o mundo a este cometido está lonxe de acadar o importe necesario. Ben ao contrario, esta axencia da ONU especializada na infancia estima que os diversos gobernos só achegan "unha quinceava parte" do necesario. Entre os gobernos doadores ocupou ata agora un lugar destacado o español, pero a polítíca de recortes "ameaza importantes intereses estratéxicos" nesta loita contra a fame.

O tratamento completo contra a desnutrición aguda custa 42 euros por neno ou nena

É por este motivo que, aproveitando o Día Internacional da Infancia, Unicef chama o conxunto dos poderes públicos internacionais a manteren este "investimento xusto, rendible e eficaz", especialmente en rexións como o Sahel, onde catro millóns de nenos e nenas están "en risco de desnutrición aguda" e 300.000 morren por esta causa cada ano. "A vida dos nenos está nunha ruleta de riscos e vulnerabilidade" por factores como a estrema seca e o encarecemento de máis dun 150% de alimentos coma o millo. Por isto son especialmente preocupantes as "incertezas" sobre o "compromiso financeiro dos países doadores". 

Porque atallar a desnutrición custa cartos pero aínda custa máis non facelo. Nomeadamente, Unicef calcula que o "custo global" da desnutrición infantil é de entre 20.000 e 30.000 millóns de dólares ao ano e lastra entre dous e tres puntos "o crecemento nacional". No caso de Mauritania, por exemplo, esta "plaga" supón unha rémora de ata o 75% no seu crecemento económico, di o informe. Do mesmo xeito, explica o documento, "a falta de educación e a perda de oportunidades derivadas de episodios infantís de desnutrición reducen ata un 20% os ingresos na vida adulta". Pola contra, "o efecto de cada dólar investido" en rematar coa desnutrición "ofrece retornos económicos para o páis de ata 16 dólares".

Unicef ofrece estes datos e realiza o chamamento a "controlar os recortes" nun contexto no que 6,9 millóns de menores de 5 anos morren en todo o mundo por causas que se poderían previr. Do mesmo xeito, os mesmos cálculos establecen que entre 170 e 180 millóns de nenos e nenas están desnutridos en todo o mundo. En continentes como África, os niveis de desnutrición crónica están próximos ao 40%. Nun contexto de abondosa información sobre o tema o autor do estudo realiza unha elocuente reflexión: "A interpretación das estatísticas resulta distinta se un pensa que cada un destes nenos podería ser o seu fillo".

 

Unha nai mauritana alimenta o seu fillo © Unicef

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.