Unha vez máis Israel impediu a chegada a Gaza da Flotilla da Liberdade. O Marianne de Gotemburgo foi asaltado polo exército israelí en augas internacionais, nunha acción "limpa e sen vítimas", segundo as autoridades xudeas. A embaixada española confirmou a primeira hora da mañá que non hai feridos.
O buque, no que viaxan activistas de distintos países, entre eles a galega Ana Miranda, ademais de xornalistas, está nestes momentos sendo escoltado cara ao porto de Ashdod, onde se prevé que chegue a última hora da tarde ou xa no comezo da noite. Unha vez alí, en principio, se lles ofrecerá ser deportados. Se os activistas e tripulantes rexeitasen ser deportados, serían trasladados a un centro de detención próximo ao aeroporto.
O buque, no que viaxan 20 persoas, entre eles a galega Ana Miranda, está sendo escoltado cara ao porto de Ashdod, onde chegará nunha horas. Os tripulantes serán posteriormente interrogados e deportados
Ademais de Miranda, viaxan no barco Moncef Marzouki, activista polos Dereitos Humanos e expresidente da Tunisia; Robert Lovelace, profesor universitario canadiano; así coma o político palestino Bassel Ghattas, integrante do Parlamento israelí. A situación de Bassel Ghattas é a que máis preocupa, dado que non pode ser deportado. Ademais, figuran xornalistas de Rusia, Marrocos, Noruega, Israel, Nova Celandia e Suecia e seis tripulantes, de nacionalidades sueca, norueguesa e canadiana.
Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, que se mantén en comunicación directa co Ministerio de Exteriores, expresoulle ao Goberno español a súa "preocupación" e a súa demanda de que todos os pasaxeiros e tripulantes "sexan inmediatamente deportados" e de que o trato que reciban sexa "acorde ao dun país civilizado". Ademais, o BNG defenderá este martes na Xunta de portavoces do Parlamento unha Declaración Institucional para que a cámara galega manifeste a súa "repulsa ante estes graves feitos" e afirme "o seu recoñecemento das reivindicacións do pobo palestino e o seu dereito á autoderminación" para gozar de “liberdade, paz e democracia nun Estado soberano e independente"; demandará igualmente do Executivo central que recoñeza o Estado palestino sobre as bases das fronteiras anteriores a 1967, “tal e como establece a resolución aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 2012”, votada favorabelmente por España.
A Armada israelí, que viña seguindo de preto o barco dende unha distancia de 140 millas coa costa palestina, abordouno ao redor da unha da madrugada, cando se atopaba a 100 millas. Os responsables da III Flotilla, que buscaba romper o bloqueo marítimo imposto por Israel aos habitantes de Gaza dende hai oito anos, acusan a Israel de "cometer un acto de pirataría en augas internacionais". "Non só condenamos os crimes israelís e a impunidade coa que actúa tanto en Gaza coma no resto do Mediterráneo, senón a complicidade daqueles gobernos que co seu colaboracionismo sustentan e financian a ocupación de Palestina".
Se os activistas e tripulantes rexeitasen ser deportados, serían trasladados a un centro de detención próximo ao aeroporto
Hai uns días, en previsión deste desenlace, os activistas que viaxan no Marianne de Gotemburgo gravaron cadanseu vídeo para denunciar a acción israelí e demandar a solidariedade da cidadanía "para denunciar que non hai liberdade de movementos en Gaza" onde tampouco "poden entrar barcos de fraternidade e solidariedade", como di Ana Miranda na súa mensaxe.
Están convocadas concentracións en Compostela, Vigo, A Coruña, Ourense e Pontevedra
En protesta contra esta acción do exército israelí e en solidariedade cos activistas detidos e cos e coas habitantes de Gaza este luns están convocadas concentracións en Compostela (20.30 na praza do Toural), Vigo (20, MARCO), A Coruña (20, Obelisco), Ourense (20.30, praza do Ferro) e Pontevedra (falta concretar hora e lugar).
BDS-Galiza lembra que o pasado 23 de xuño se dirixiu ao presidente daXunta, Alberto Núñez Feijóo, e á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, para lles transladar o seu "temor" perante "o perigo que a actitude ameazadora de Israel pudese significar para a integridade moral e física das persoas que integran esta misión solidaria" e reclamarlles ás autoridades galegas "instasen os responsábeis do Ministerio de Asuntos Exteriores a adoptar as medidas necesarias para garantir a seguranza da cidadá galega e do resto das persoas que fan parte desta misión humanitaria". Unha petición que, destacan "nin Núñez Feijóo nin Rojo tiveron a ben responder". A entidade insiste en "reclamar protección para todas as persoas que viaxaban a bordo do Marianne" e insta as autoridades galegas "a actuar de urxencia perante o Ministerio de Asuntos Exteriores español para que sexan tomadas as medidas necesarias para garantir a integridade da nosa concidadá Ana Miranda".
Carta de Netanyahu
O primeiro ministro israelí Binyamin Netanyahu difundiu publicamente unha carta dirixida aos tripulantes do barco asaltado, unha misiva que os soldados tiñan orde de lles entregar tamén en man, publica Haaretz. No texto, Netanyahu escribe: "Benvidos a Israel, parece ser que vos perdestes. Quizais queriades navegar ata un lugar que non está lonxe de aquí, Siria, onde o Exército de (Bashar) al Asad está matando o seu pobo cada día e ten o apoio do réxime iraní asasino". O primeiro ministro israelí afirmou que "esta frota non é nada máis que a demostración da hipocrisía e as mentiras que só axudan a organización terrorista de Hamás e ignoran todos os horrores da nosa rexión".
Netanyahu declara que "non hai peche en Gaza, e es benvido a transportar, a través de Israel, calquera subministro humanitario. O bloqueo do mar é de conformidade co dereito internacional, e recibiu o apoio do secretario xeral da ONU"
Na súa carta Netanyahu declara que "non hai peche en Gaza, e es benvido a transportar, a través de Israel, calquera subministro humanitario. O bloqueo do mar é de conformidade co dereito internacional, e recibiu o apoio do secretario xeral da ONU". "Se os dereitos humanos foran realmente importantes para ti" -continúa- "non estarías navegando en solidariedade cun réxime de terror que executa, sen xuízo, os residentes de Gaza, e usa os nenos de Gaza como escudos humanos". "Se vostede viñese a Israel, quedaría impresionado pola única democracia no Medio Oriente, que respecta a igualdade para todos os seus cidadáns, e a liberdade de relixión por todas as confesións. Un Estado que opera en conformidade coa lei internacional co fin de proporcionarlles aos seus residentes unha seguridade vital e aos seus fillos o crecer en paz e serenidade".