A “desmobilización” contra as peaxes da AP-9: entre o "éxito" e o silencio de Audasa

Unha peaxe da AP9 Dominio Público Adrián Estévez

Notouse a protesta contra as peaxes da AP-9? Tivo efecto o chamamento a non utilizar estas vías este martes para protestar contra os seus crecentes prezos? Parece que si, se atendemos aos datos dos sensores da DGT, facilitados polos organizadores da iniciativa. Os promotores da desmobilización contra as peaxes "lamentan" que a empresa concesionaria "ignore o malestar dos seus clientes" e se negue a facilitar datos. 

Estes sensores da DGT, situados nos quilómetros 66 e 76 da AP-9, zonas libres de peaxe nas entradas e saidas de Compostela, amosan unha redución media do uso desta vía de ao redor dun 15%: 15,5% menos vehículos menos pola mañá e 13,3% menos pola tarde. As medicións tomáronse nas "horas punta", nos momentos de maior tráfico do dia.

  dia 29 dia 30 diferenza
66 mañá 950 vhs/hora 690 vhs/hora -27%
66 tarde 630 vhs/hora 680 vhs/hora +7,9%
76 mañá 1.200 vhs/hora 980 vhs/hora -18%
76 tarde 800 vhs/hora 710 vhs/hora -11,25%

Os organizadores da protesta cualifican de "auténtico exito" a iniciativa. “Xa o termos demostrado a Audasa a sensibilidade que existe contra a súa política de subir os prezos de forma indiscriminada é un éxito en si mesmo”, manifestou Nacho García, un dos voceiros da plataforma, que salientou, igualmente, o apoio recibido por parte de moitas entidades, coma a plataforma catalá #NoVullPagar. A plataforma denuncia que "a concesionaria Audasa continúa sen dar respuesta ningunha, una falta de sensibilidade cara aos seus clientes que lamentamos profundamente". E salientan que "nin sequera quixo ofrecer datos sobre a intensidad do tráfico rexistrado nos seus diferentes treitos".

Anuncian nova accións para as vindeiras semanas e non descartan convertela nunha "acción reiterativa para todos os martes" ou mesmo amplialo "a algunha semana completa, no mes de novembro"

A plataforma tamén destaca que foron "numerosas" as que ao longo do dia lles indicaron "o incremento do tráfico nas estradas convencionais, nas que se rexistraron importantes retencións". En zonas como Pontedeume, Ordes, Padrón ou Redondela "producironse caravanas". A plataforma expresa que a protesta "non vai quedar nun día simbólico", e que "imos continuar activos mentres Audasa non rebaixe os seus prezos e aplique os mesmos descontos que outras empresas do seu mesmo grupo, Itínere, levan a cabo noutras comunidades autónomas". Deste xeito anuncian nova accións para as vindeiras semanas e non descartan convertela nunha "acción reiterativa para todos os martes" ou mesmo amplialo "a algunha semana completa, no mes de novembro". Engaden que "non estamos dispostos a que Galicia, unha vez máis, siga sendo discriminada, e que os galegos, unha vez máis –e, de novo, no ámbito das comunicacións– suframos este agravio comparativo".

 

A Coruña-Vigo-A Coruña: máis de 40 euros de peaxe

"Non estamos dispostos a que Galicia, unha vez máis, siga sendo discriminada"

Viaxar entre A Coruña e Vigo xa custa máis de vinte euros, só ida, e sen ter en conta o gasto en gasolina. E Audasa, a empresa concesionaria controlada dende hai tres años por un fondo de investimento de Citigroup, tivo no primeiro semestre deste ano uns beneficios de máis de 22 millóns de euros, o que non lle impediu reducir o cadro de persoal en seis persoas ao tempo que incrementaba nun 31% a remuneración aos seus directivos.

A AP-9 é unha das autoestradas que máis beneficios por quilómetro xera para os seus propietarios. En concreto en 2010 obtivo uns 430.000 euros por quilómetro. Esta cifra, por riba da media española, está lonxe da marca de ACESA, concesionaria de moitas das vias catalás, e que nese ano se situou nos 804.000 euros por quilómetro. A diferenza é que a concesión de ACESA rematará dentro de nove anos, no 2021. Mentres que a concesión tantas veces prorrogada de Audase se estenderá até o 2048, completando 75 anos de concesión.

 

O PP quere cambiar a lei para protexer as concesionaria e evitar a "insubmision"

O Goberno incluíu nas súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado medidas para reforzar o pago dos usuarios das autoestradas de peaxe e facer fronte ás campañas de insubmisión

O Goberno incluíu nas súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado medidas para reforzar o pago dos usuarios das autoestradas de peaxe e facer fronte ás campañas de insubmisión. O artigo 29 da lei 8/72 de conservación e explotación de autoestradas xa recoñecía para casos excepcionais, temporalmente e en ausencia de axentes públicos, o carácter de autoridade para o persoal de autoestradas. Agora coa emenda do PP esténdese esa situación e engádese o carácter probatorio das denuncias do persoal da empresa concesionaria. A emenda aos Orzamentos que modifica esa lei asegura que "as denuncias formuladas polo persoal da empresa concesionaria terán valor de medio de proba para acreditar os feitos denunciados".

Nas emendas aos Orzamentos Xerais o PP tamén introduce novas garantías para tentar salvar as empresas concesionarias das autoestradas de peaxe en situación de quebra. Estas sociedades teñen acumuladas perdas que superan os 4.000 millóns de euros e agora por lei asegúranse axudas directas ou garantías para que renegocien a súa débeda cos bancos e evitar así a súa quebra.

Unha peaxe da AP9 Dominio Público Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.