A unión de todo o sector na loita por mellores condicións para os traballadores do mar en Galicia. Foi a primeira escenificación esta fin de semana en Carril (Vilagarcía) pero pretende afianzarse e ser punto de inflexión o vindeiro 27 de febreiro na que pretende ser unha multitudinaria manifestación En defensa do sector do mar. Enmarcada na loita contra a lei de acuicultura -cuxa aprobación foi adiada pola Xunta-, os colectivos convocantes van máis aló e reclaman solucións ao problema do cerco e as cotas, a defensa da pesca artesanal ou a rexeneración das rías.
O sector ve na manifestación do sábado unha primeira "batalla" na loita pola mellora das condicións dos traballadores do mar en Galicia
Neste pasado sábado, confrarías, mariscadoras, ecoloxistas, hostaleiros, empresarios, partidos políticos, concellos, bateeiros ou a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) amosaron unha unidade non tan habitual de cara a chamar á mobilización nunha manifestación que prevén "multitudinaria" e na que esperan xuntar "cando menos 30.000 persoas" na praza do Obradoiro o vindeiro sábado.
A da lei da acuicultura é, para o sector, tan só a primeira "batalla", a que serve de punto de inflexión para a unidade que tamén provocou a loita do cerco. Apostan por defender a frota artesanal, exixir unha mellor repartición de cotas ou o aproveitamento de marcas de calidade como PescadeRías e apostan por manter "durante moito tempo" as forzas xunguidas. Así, advirten que logo da manifestación do 27 non se pecharán "na casa", senón que seguirán "loitando en defensa do motor económico de Galicia". "Que é o noso mar", lembran.
Desde o sector non se fían das promesas do PP de revisar a lei de acuicultura e piden a súa retirada definitiva ante un borrador que puxo en pé de guerra a todos. Para os convocantes, a clave desta inédita unidade é esta "agresión" en forma de borrador normativo por parte da Consellería do Mar e apostan por que a Xunta "retire esta lei para sempre".
O sector 'agradece' á Xunta que lograse unir todos os axentes pola "agresión" que supón o proxecto da lei de acuicultura
En rolda de prensa, lembraron que a lei de acuicultura é unha "descarada" aposta por métodos intensivos e por abrir as portas a multinacionais que poñen en perigo os labores "tradicionais" nas rías ou impulsa modelos como as gaiolas de salmón. A esixencia é que o Goberno galego "tombe por completo" a normativa e que mellore a actual Lei de pesca. De non ser así, nin sentará a negociar. E a mobilización, segundo din, tan só acaba de comezar.
O sector está convencido de que o PP decidiu aparcar a posible aprobación desta lei ata a celebración das elección ao Parlamento galego, previstas para o outono (se non se produce un adianto). O prexuízo electoral que os populares poderían sufrir, sobre todo en moitos concellos do litoral da Coruña e Pontevedra, sería grande, nun momento en que a mobilización social contra esta norma segue crecendo. De feito, os propios concelleiros populares están apoiando as mocións que, tanto en concellos coma na propia Deputación de Pontevedra, esixen a retirada do proxecto. Pódese pensar que o Goberno galego non esperaba atopar un rexeitamento tan unánime no sector a raíz deste asunto, e que confiaba no control que en moitas ocasións exerceu sobre as propias confrarías, nas que -en moitos casos- figuran persoas afíns aos populares. Pola súa banda, Quintana negou en declaracións aos medios que a paralización na tramitación respondese á proximidade dos comicios.