A lexislatura do 15M

Asemblea do 15M na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

Domingo 15 de maio de 2011. Nos días e semanas anteriores viñera sendo compartida a través das redes sociais a convocatoria de manifestacións, impulsadas por Democracia Real Xa! e outros grupos. Inesperadamente para moitos, comezando pola meirande parte dos medios de comunicación e as grandes organizacións políticas, as marchas foron masivas en toda España. Tamén en Galicia, con milleiros de manifestantes en cada cidade. Ese día deu comezo un movemento que foi sufrindo metamorfoses estruturais e estratéxicas, ao que se lle esixiron padriños e un programa concreto, ao que se lle esixiu que tomase forma electoral, que primeiro foi desprezado e despois atacado e que, sobre todo, serviu nos últimos anos para dúas cousas.

A primeira, para fixar unha nova axenda de prioridades na política e na contestación social, elevando ao primeiro plano a demanda de prácticas democráticas máis intensas e horizontais, de transparencia e limpeza na xestión; e tamén unha reivindicación xeral de democratización da economía e da defensa do estado de benestar que se concretou nunha intensa loita polo dereito á vivenda e contra os desafiuzamentos, pola sanidade e o ensino públicos, contra o pagamento da débeda e pola fiscalización das relacións entre poderes públicos e privados. A segunda, a xeración dun espazo político novo, anteriormente existente pero máis diluído, fragmentado e débil, no que moitos e moitas se atoparon con persoas afíns, con movementos sociais e tamén con formacións políticas -preexistentes e novas- que confluíron nun movemento de ruptura, ás veces cunha concreción electoral e outras non.

Catro anos, unha lexislatura completa nos concellos e, cunha diferenza duns meses, no Goberno central. Neste tempo o 15M tivo uns efectos notables na política galega. Dificilmente se podería entender a formación e o éxito en 2012 de Alternativa Galega de Esquerdas sen o impulso social que significou o 15M. O mesmo podemos dicir do nacemento de Podemos pouco antes dos comicios europeos de 2014 e o seu crecemento nos meses seguintes. E os efectos do 15M chegan, de forma máis ou menos explícitas ata as actuais mareas e candidaturas de unidade nas cidades e vilas galegas.

 

Reaccións das candidaturas

Este venres 15 de maio de 2015, catro anos despois, de novo no medio dunha campaña electoral municipal, organízanse algúns actos que conmemoran a efeméride e son, precisamente, as mareas e candidaturas de unidade as que expresan a súa ligazón con este movemento, o mesmo que os círculos de Podemos. 

Xulio Ferreiro destacou o 15M como un movemento "fundamental" para entender a Marea Atlántica “a pesar de que non cabe nunhas siglas, é patrimonio da xente”

Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, destacou este mesmo venres o 15M como un movemento "fundamental" para entender a Marea “a pesar de que non cabe nunhas siglas, é patrimonio da xente”. “Hoxe, catro anos despois de gañar o sentido común da xente, o espírito do 15M está empezando a gañar as institucións, hai unha marea de ilusión á que cada día se suma máis xente", sinalou. Confiado nunha vitoria electoral da Marea Atlántica o 24M, conclúe que “da arrogancia de hai unha semana, o PP pasou ao desconcerto máis absoluto, non nos sorprende ese desconcerto: non entenderon Nunca Máis, non entenderon o 15M e tampouco entenden agora que a xente desafíe o poder coas súas propias mans".

Así mesmo, Marea Pontevedra celebra hoxe o "aniversario do día da rebelión social" e faino coincidir coa organización dunha consulta aberta, este venres e sábado, "para definir as liñas centrais para as posibles alianzas postelectorais" da candidatura. A Marea instalará urnas na Praza da Peregrina para que calquera cidadán ou cidadá escolla "5 propostas prioritarias" entre once opcións (entre as que se atopan a paralización da A57, a non renovación do convenio coa praza de touros, a xestión directa e pública da auga e do lixo, un plan de emerxencia social contra pobreza ou a recuperación integral da fachada litoral da ría). As cinco máis votadas converteranse "nun compromiso de obrigado cumprimento para as concelleiras e concelleiros da Marea".

Marea Pontevedra celebra hoxe o "aniversario do día da rebelión social" e faino coincidir coa organización dunha consulta aberta

Tamén Ourense en Común se pronunciou este venres sobre o cuarto aniversario do 15M, subliñando que "hai hoxe 4 anos algo cambiou en todas nós. Aprendemos a non quedar caladas, a non ter medo, a camiñar xuntas para cambiar as cousas, a valorar a nosa dignidade. A enerxía encheu as prazas, e fíxose alí máis pola democracia do que fan algúns políticos profesionais durante toda a súa vida. A herdanza de todo aquilo segue viva no noso espírito, e aínda que queda moito traballo por facer, algúns xa non dormen tan ben. Os ‪‎programas participativos‬ dunha chea de plataformas municipalistas son o novo comezo"

De igual xeito, Lugonovo salienta que "aqueles 'tolos e tolas' quixeron cambiar de novo o mundo e comezaron por Sol. Alí plantaron as súas tendas de campaña e ... estamos seguros que alí xurdiron moitas das mareas, plataformas, movementos veciñais que catro anos máis tarde concorren ás municipais e autonómicas de toda España".

Ourense en Común: "Hai hoxe 4 anos algo cambiou en todas nós. Aprendemos a non quedar caladas, a non ter medo, a camiñar xuntas para cambiar as cousas, a valorar a nosa dignidade"

Así mesmo, tamén dende os círculos de Podemos en varias cidades galegas, este venres lémbranse aquelas manifestacións, como por exemplo o de Compostela: "un 15 de maio de hai xa catro anos un berro de indignación percorreu as nosas vidas, algúns espertaron. Volvamos ás prazas, volvamos ás rúas, sigamos espertando". Ou o de Vigo: "Tal día coma hoxe, hai 4 anos, en Vigo reunímonos na farola de Urzaiz, fartos dos enganos da sociedade política, pedindo dereitos que eran nosos, pedindo un goberno que defenda os cidadáns e non as grandes multinacionais". E, engaden dende a cidade olívica: "Podemos non é o 15M, e o 15M non é Podemos, pero non se entendería a Podemos sen o 15M. Dixéronnos cando estábamos nas prazas 'preséntate ás eleccións se queres cambiar algo'. Pois ben, aquí estamos agora".

 

 

Actos de conmemoración

Lugonovo: "Estamos seguros que alí xurdiron moitas das mareas, plataformas, movementos veciñais que catro anos máis tarde concorren ás municipais e autonómicas de toda España"

Indígnate Pontevedra e Movilízate Pontevedra celebran a cuarta edición de Pontevedra Pregunta, que quere ser "un espazo para a cidadanía, onde poder facer un debate de verdade político e non un mitin". Estruturado en dúas entregas, comezará este venres ás 19.30 na Facultade de Belas Artes coa presenza de Iván Puentes (PSdeG-PSOE), Pilar Dopazo (Compromiso por Galicia) e María Biempica (Tod@s por Pontevedra); e o sábado no Teatro Principal á mesma hora con Anabel Gulías (BNG), Guillermo Casalderrey (Marea) e Alfonso Rodríguez (Ciudadanos). O PP foi o único partido de rexeitou participar no acto. Ademais, o cuarto aniversario do 15M celebrarase este venres pola noite no bar Naveiro e o sábado ás 12.30 cunha asemblea aberta no Campiño de Santa María.

Podemos Vigo: "Podemos non é o 15M, pero non se entendería sen o 15M"

De igual xeito, en Ourense, o movemento 15M da cidade organiza un acto este venres ás 19 horas na Praza Maior, un acto no que conformaron a súa participación Anova, Podemos e Ourense en Común.

Pontevedra acolle hoxe e mañá varios actos con motivo do cuarto aniversario do nacemento do 15M Dominio Público Indígnate Pontevedra
Tamén en Ourense se organiza un acto este venres Dominio Público 15M Ourense
Cartaz nunha manifestación do 15M en Ourense Dominio Público Praza Pública
Asemblea do 15M en Vigo CC-BY-NC-SA Imagen en acción
Asemblea do 15M na Coruña CC-BY-NC-SA Maribolheras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.