A 'loita da draga' das mulleres de Pontevedra no ano 1965, un exemplo para as novas loitas medio ambientais

A loita da draga no río Verdugo © Do gris ao violeta

Hai uns meses o Concello de Pontevedra puxo en marcha unha iniciativa de divulgación da memoria histórica na que tres coñecidas tiktokers galegas difunden nesta rede social a súa visión sobre a loita antifascista de diversas mulleres pontevedresas. Esta semana un celebrado vídeo de Laura Franco estivo dedicado á coñecida como 'loita da draga', unha protesta levada a cabo en plena ditadura franquista polas mulleres de Ponte Sampaio, Arcade e Paredes contra a draga da Ría de Pontevedra, uns feitos moi coñecidos na cidade e na comarca pontevedresa, pero non tanto no resto de Galicia, e que Laura Franco explica con retranca e humor.

“Todos temos pelexar polo noso. Agora a xente está pelexendo en contra de Ence e que como non se solucione aínda imos ter que contactar coa xente daquela e que veñan as mulleres da loita da draga facer algo aquí”

A tiktoker pon o énfase na “intelixencia” daquelas mulleres que conseguiron embarrancar as barcas da draga tirándolle pedras e que se protexeron das forzas de seguridade extendendo unha bandeira de España no solo como barreira, posto que os axentes tiñan prohibido pisala e atravesala. Ademais, liga aquela loita á que agora se libra contra ENCE: “Todos temos pelexar polo noso; agora a xente está pelexendo en contra de Ence e que como non se solucione aínda imos ter que contactar coa xente daquela e que veñan as mulleres da loita da draga facer algo aquí”. Laura Franco conclúe: “Vaslle dicir ti ás mulleres de Pontevedra cando teñen que protestar?”.

@laurafranco111

Oli neniiiiis! Qué opinades desto? 😱❤️

♬ sonido original - Laura Franco

A draxe do río Verdugo supuña un gran prexuízo para a actividade pesqueira e marisqueira, que daquela constituía a base da economía destas parroquias

No ano 1965 o réxime decidiu dragar o final do río Verdugo co obxectivo de obter area do seu fondo para empregala na construción en Vigo. Nese tempo unha parte importante da poboación das parroquias próximas a estas ribeiras vivían da pesca e do marisqueo e a dragaxe supuña un gran prexuízo para a súa actividade.

“Había uns señores que viñan sacar area do río. Peroxa non lles chegou con sacar de aquí [a zona da ponte e da Pedra Insuíña] senón que empezaron a ir río arriba. Entón empezou a vir toda a lama e os muros caían e o mariñeiro quedaba sen nada, porque aí arriba está a cría. Entonces non quedaba nada”, relata Carmen, unha muller que viviu os feitos en primeira persoa e que lemos no especial que dedica a estes feitos a web Do gris ao violeta, do Concello de Pontevedra.

O 29 de outubro de 1965 ao redor de 100 mulleres e nenas de Ponte Sampaio, Arcade e Paredes uníronse para guindar centos de pedras ao río, co obxectivo de “embarrancar” as lanchas que ían dragar e que contaban coa protección dun gran número de gardas civís. Destácase que "a maior parte dos veciños e veciñas apoiaban a protesta, pero só unhas poucas se puxeron á cabeza mentres outros colaboraron deixando facer”. Cóntase que algunhas mulleres finxiron estar embarazadas metendo roupa debaixo da saia para, dese xeito, intimidar máis aos axentes.

O 29 de outubro de 1965 ao redor de 100 mulleres e nenas de Ponte Sampaio, Arcade e Paredes uníronse para guindar centos de pedras ao río, co obxectivo de “embarrancar” as lanchas que ían dragar e que contaban coa protección dun gran número de gardas civís

Despois de guindar as pedras xuntáronse todas no lado do río de Ponte Sampaio, onde había máis xente. Alí cantaron o “Cara el sol” e estenderon unha bandeira de España no chan, obrigando á Garda Civil a cadrarse diante dela, pois daquela era un mandato para os axentes, lemos na web Do gris ao violeta. Depois de horas de espera, cando xa chegara a noite, os traballadores das lanchas marcharon e deixaron alí as embarcacións.

"As protagonistas din que esa xornada foi unha festa, aínda que tamén pasaron medo, moito medo", destaca a web Do gris ao violeta. En todo caso, conseguiron o seu obxectivo e non se volveu extraer area desa zona, polo que a loita foi todo un éxito.

Outra da imaxes que recolle a loita da draga no río Verdugo © Do gris ao violeta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.