"A loita polas pensións debe ser unitaria; é importante dabondo e o obxectivo é común"

Concentración de pensionistas en Vigo © Marea de Vigo

"Un xubilado non é un trapo, non ao 0,25%". Esta era unha das pancartas que este luns portaban os xubilados e xubilados que acudiron a unha nova mobilización reclamando unhas pensións dignas e a equiparación das mínimas ao salario mínimo interprofesional. Desta vez foi na praza de Obradoiro de Santiago, onde arredor dun cento de persoas acudiron convocadas pola Plataforma de Pensionistas de Santiago. Horas despois, na Coruña, unha marcha impulsada por Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas) desprazábase até as portas do pazo municipal, onde se debatín iniciativas de PSdeG e Marea Atlántica a favor do colectivo. 

A Plataforma de Pensionistas de Compostela mobilizouse este luns en Santiago; Modepen fíxoo na Coruña

Son as mobilizacións que seguen ás xa celebradas o pasado 22 de febreiro, tamén organizadas por Modepen, ou as posteriores do colectivo de pensionistas da CIG ou dos sindicatos CCOO e UGT. Catro convocatorias en apenas tres semanas de cadanseus organizadores e con reivindicacións practicamente idénticas. Nesta ocasión, a Plataforma de Pensionistas de Santiago resúmeas en catro: "rexeitamento ao 0,25% de suba e reivindicación dun incremento acorde ao do IPC anual, a petición de que as pensións públicas vaian a cargo do orzamento do Estado, recuperación dos dereitos socioeconómicos dos pensionistas e que a idade de xubilación sexa aos 65 anos e que se incrementen e equiparen as pensións mínimas vixentes ao salario mínimo interprofesional".

Nas últimas tres semanas houbo varias manifestacións de pensionistas con cadanseus organizadores e revidindicacións case idénticas

Foron as mesmas reivindicacións presentadas recentemente nunha moción na corporación municipal de Santiago e que foi aprobada cos votos a favor de Compostela Aberta, BNG e PSdeG, coa abstención do PP. Falamos con Manuela Fraguela, portavoz do colectivo compostelán, que pide "unidade" e avoga porque as diferentes convocatorias acaben xunguindo nunha única e unitaria. 

Non hai demasiadas mobilizacións de pensionistas diferentes e de distintos convocantes?

Ese é un problema. Están as convocatorias das plataformas, nas que as persoas deciden non delegar a súa opinión nin a súa reivindicación en partidos ou sindicatos. Xurdiron espontaneamente, sobre todo de xente que sen estar afiliada a organización ningunha quere ter voz neste problema. Eu creo que aquí non sobra ninguén, ao contrario. Cantos máis sexamos, mellor, e os partidos e centrais sindicais seguen a ter o seu espazo para facer as convocatorias que lles parezan, ás que moita xente acode tamén. Penso que as formacións políticas e os sindicatos deberían ser menos belixerantes coas plataformas e amosarlles o seu apoio. Por que non?

"Os partidos políticos e os sindicatos deberían ser menos belixerantes coas plataformas e amosarlles o seu apoio"

Que lles pide?

Pediríalles que intenten superar as súas propias convocatorias porque hai xente que vai a todas, ás dos sindicatos e ás das plataformas. En cambio, á inversa non ocorre. Isto pode provocar que se pense que as plataformas só están conformadas por xente desencantada da política, cando non é así. Isto non é positivo para ninguén. 

Cre que se deberían unificar as convocatorias, lograr mobilizacións apoiadas por todos os colectivos?

Así debería ser. En Galicia xurdiron plataformas, no noso caso a partir dunha convocatoria nas redes sociais na que non se sabía nin quen a convocaba. Foi a partir de aí cando decidimos organizarnos e seguir adiante con mobilizacións cada pouco tempo. Logo está Modepen, entidade xa consolidada hai tempo e con representación na Coordinadora Estatal, pero moi respectuosa con que cada colectivo funcione como queira. Desde a Plataforma de Pensionistas de Compostela apoiamos as súas convocatorias do vindeiro 17 de marzo, como xa fixemos coas anteriores do 22 de febreiro, porque é algo normal. O que non sabemos é por que non o fan así sindicatos e partidos políticos. Creo que a cuestión é importante dabondo como para que todos fixesemos un esforzo, para que as concentracións fosen unitarias. Se nós imos ás concentracións deles, non sei por que eles non poden vir ás nosas nin as apoian. 

"Pódese pensar que nas plataformas só hai xente desencantada da política cando non é así"

Pois as reivindicacións son practicamente idénticas...

Claro, porque teñen que ser, isto non é unha cuestión partidista. Teñen que entender que hai xente que está máis cómoda nunha mobilización que non sexa de partido, pero as reivindicacións son as mesmas e aquí ninguén está a inventar nada. A realidade é igual para todos e todas porque a preocupación é común e o obxectivo é compartido: saír á rúa e que o Goberno pense dúas veces á hora de desmantelar o sistema público de pensións. Hai experiencias de desmantelamentos varios na sanidade, no ensino... Deberíamos estar todos. 

Todos?

Isto é tamén polo futuro dos fillos e dos netos, por iso nos gustaría ser capaces de involucrar á xente nova, de aí que pensemos en modificar os horarios e organizar mobilizacións ás tardes. 

"Estas mobilizacións son tamén polo futuro dos fillos e dos netos, por iso nos gustaría involucrar á xente nova"

Semella que, agora mesmo, vostedes están a ser un exemplo para a xente nova, se cadra menos mobilizada logo duns anos moi activos.

O único que me dá algo de medo diso é que poida haber quen empregue isto de maneira interesada, como querendo enfrontar a xente nova coa máis vella. A xente nova está moi preocupada e é consciente da problemática, con traballos precarios ou en paro. A min cústame entender que se chegase a esta situación lamentable, con contratacións por días e horas... Pedirlles que tamén se preocupen polo de mañá? Pois si, pero eu entendo que eles estean máis preocupados pola súa situación. Se nos apoian, nós encantados porque non queremos que isto se vexa como unha cuestión peseteira por parte dos pensionistas. O importante é que os intentos interesados de división non funcionen. Só faltaba que pais e fillos discutisen polas mobilizacións!

Que reclama, daquela?

Que todos os que queiran e poidan, apoien. Aquí tócanos a todos: aos que estamos xubilados, porque diso depende o noso ingreso mensual, aos que están sen traballo ou en precario porque a este paso non van poder nin cotizar, a toda a xente nova porque non podemos tragar o anzol este de que coas pensións privadas se vai solucionar isto. Tal e como está o mercado laboral, quen pode garantir que vai ter un salario que lle vai dar para pagar un plan privado que lle resolva a situación? Unámonos todos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.