A metade dos dependentes recoñecidos en Galicia non reciben prestación ningunha

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

"Unha situación crítica tras os recortes sufridos, que están a supoñer a ruptura do sistema tal e como fora concibido na súa orixe". Así cualifica UGT-Galicia o que están a pasar as persoas en situación de dependencia no país. O sindicato fai balance nun informe dos prexuízos que as decisións levadas a cabo polos gobernos do PP neste ámbito están a causar en milleiros de persoas. Así, destaca que, desde que "se impuxeron os recortes" no ano 2012 "vía decretazo", en Galicia hai 5.363 persoas menos con dereito a atención, mentres que o número de dependentes que realmente perciben a prestación baixa en 2.150.

"A situación da dependencia é crítica; os recortes supoñen romper co sistema tal e como fora concibido"

Os últimos recortes comunicados aos dependentes, e que supoñen unha redución de 257 euros de media na prestación de cada un deles, supoñen unha "ameaza" da que advirten os expertos pero que non parece ter en conta a Xunta.

A central sindical lembra que logo das modificacións do calendario na aplicación da Lei de dependencia, na actualidade só teñen dereito á prestación e servizos aquelas persoas que acrediten un grao III ou II e as persoas con grao I e nivel II que estiveran efectivamente atendidas antes do 1 de xaneiro de 2012 (como consecuencia da entrada en vigor do Real decreto lei 20/2011), xa que a partir deste momento suspéndese a súa incorporación.

Así, e segundo os datos máis recentes publicados polo Imserso -a 31 de maio de 2014- en Galicia rexistrábanse un total de 81.237 solicitudes, derivándose de aquí 79.588 ditames de grado e nivel. Deste total, tan só 37.957 están percibindo unha prestación efectiva. Xa que logo, menos da metade. Para UGT, estes datos "evidencian a importante diferenza que se produce en Galicia entre o número de persoas que teñen recoñecido o seu grao e nivel, mediante ditame, e aquelas que efectivamente están sendo beneficiadas das prestacións do sistema", con 41.631 persoas pendentes da súa resolución de programa individual de atención (PIA).

Máis da metade dos dependentes recoñecidos en Galicia non reciben prestación ningunha

Por iso, para UGT este "embalsamento de usuarios pendentes desta valoración insostible", incluso superior ao número total de beneficiarios de prestacións na atención á dependencia, debe ser tamén denunciable polo que demandan "unha maior e mellor dotación en canto aos equipos de valoración". E isto únese aos importantes recortes dos que tamén alertan.

"Pasouse dun modelo de protección social a un sistema asistencialista"

Segundo o sindicato, e ante os duros recortes sufridos, "pasouse dunha modalidade de protección social a un sistema meramente asistencialista no que a universalidade no acceso e a atención ás persoas de xeito integral e integrado queda limitado polos axustes impostos".

"O Goberno, practicamente, paralizou a aplicación da Lei, coa redución do nivel mínimo de protección, a diminución das contías a percibir polos beneficiarios, a redución da intensidade da protección e o incremento do copagamento do beneficiario"insiste o sindicato, que destaca que as reformas e recortes impostos polo Goberno "limitaron o acceso ás prestacións, sobre todo nunha autonomía como Galicia na que xa existía unha gran lentitude na aplicación inicial da Lei como fora concebida".

"A Xunta non só non pode permitir isto, senón que está obrigada a incrementar os servizos públicos", reclama UGT

"Todo isto é un auténtico mazazo aos dereitos das persoas en situación de dependencia e, por extensión, á gran conquista nesta materia en todo o período democrático", insisten desde a central, que lembra que a Xunta "non só non pode permitir isto", senón que "está obrigada a incrementar os servizos públicos", tendo en conta que o país ten a maior porcentaxe de maiores de 65 anos no Estado (23%) e só igualada por Castela e León.

O sindicato denuncia tamén que non están a producir de oficio as revisións de graos e niveis para aqueles dependentes que xa reciben prestacións, polo que a súa cobertura non mellora tendo en conta que o proceso de deterioro deste tipo de doentes adoita ser progresivo. "Estas demoras sucesivas provocoa que ás veces a prestación do servizo chegue despois do falecemento", lembra.

Na actualidade hai 7.000 coidadores non profesionais menos que hai dous anos

Na mesma situación de precariedade atópanse os medios. Na actualidade hai 1.591 persoas subscritas ao convenio especial de coidadores non profesionais de persoas dependentes. Hai dous anos, eran 7.000 máis: 7.596. A redución foi do 79%, polo que hai que lembrar que coa nova normativa, en 2012, o coidador pasa a asumir pola súa conta o 85% da cota da Seguridade Social e en 2013 suprimiuse definitivamente a bonificación.

"Isto en Galicia supuxo un importante golpe para mulleres maiores de 55 anos que eran cuidadoras informais", asegura UGT-Galicia, que aclara que sempre apostou por unha "rede de servizos públicos de calidade que atenda a todos os que o necesiten pero entendendo que ata que este rede non estea totalmente implantado, o outro tipo de prestacións ían ser as máis utilizadas no sistema".

O sindicato insiste en que "a tendencia debe ser garantir a prestación pola vía do servizo público", algo que non coincide coa realidade. Segundo datos do Obsevatorio de Atención á Dependencia, o copago do usuario é o valor que se incrementa constantemente en todo o período de aplicación da Lei, incrementándose en máis do dobre desde 2010. A achega do usuario ao custo total desde 2009 subiu dun 10% a un 34%. En consecuencia: menos beneficiarios e menos gasto por beneficiario. As familias con renda máis alta con máis e mellores servizos e os de rendas máis baixas con menores e, nalgúns casos, informais coidados.

Galicia, á cola en número de prazas residenciais

A situación de Galicia é áinda peor de ter en conta o ratio de prazas residenciais por cada cen persoas maiores de 65 anos. No caso das públicas, non chega ao 1%, situándose así o país na cola.  O país está nos últimos postos, cunha ratio do 0,64%, só superada por Ceuta, Valencia, Cantabria ou Murcia e moi lonxe do 2,99% de Extremadura e, incluso, afastada do 1,13% de media estatal.

Se esta información a pasamos a atención residencial sen atender a se se trata de residencias públicas ou privadas, Galicia tamén se mantén á cola cun 2,87%, por debaixo só están Canarias, Murcia ou Ceuta. A medida estatal sitúase no 4% e hai autonomías que chegan ao 7%.

Galicia non chega ás tres prazas residenciais por cada cen persoas maiores de 65 anos

Acompañado disto, e a partir de 2012 coa aplicación do decreto de recortes, tamén comezou unha elevada destrución de emprego no sector, incumprindo así outra das previsións da Lei. Tan só se conseguiu o 38,1% do emprego proxectado. Entre 2007 e o 2012 a cifra aproximada de empregos xerados en todo o Estado, segundo datos do Observatorio foi de entre os 150.000 e os 200.000. A partir de 2012, o que se aprecia é "unha perda de emprego e un empeoramento da calidade do que se conserva, cunha redución significativa das xornadas dos contratos que se manteñen".

O cálculo era crear 300.000 empregos en España e 22.000 en Galicia, pero non se chegou nin ao 40% das previsións. O que se fixo foi, ademais, orientar o que quería ser unha prestación profesional aos coidados familiares.

Vivenda dunha persoa en situación de dependencia CC-BY Wikinoticia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.