Na mañá deste pasado mércores unha columna de tractores dirixíase a Santiago. Tras lograren arrincar acordos de suba de prezos con Carrefour e Gadisa, os gandeiros que se mobilizan novamente case dúas semanas trasladaban a presión cara a Alcampo, con quen xa estaban a negociar, e sobre todo cara a DÍA, a distribuidora que mesmo chegou a denunciar os profesionais durante as protestas do pasado verán. Así, os vehículos agrarios volveron bloquear o centro loxístico de DÍA no complexo Mercagalicia de Compostela mentres, no Parlamento, Alberto Núñez Feijóo atribuía ao seu Goberno a mudanza de actitude das empresas. Apenas doce horas despois da chegada dos tractores, DÍA tamén cedía. Pouco despois, tamén o facía Alcampo.
Segundo o presidente da Xunta non foron os bloqueos dos hipermercados en plena campaña de Nadal os que lograron que as multinacionais alimentarias mudasen a súa postura. A distribución actúa, asegurou, porque "a Xunta de Galicia está abrindo expedientes" nun contexto no que "utilizando a marca Galega 100%, os prezos respéctanse". A versión presidencial contrasta coa da propia empresa, que nun comunicado emitido dende Madrid no serán do mércores admitían que viña de chegar a un acordo "cos gandeiros".
DÍA e Alcampo acordan subir dous céntimos o prezo do leite para que este aumento repercuta nos gandeiros
Tras manter unha xuntanza con "representantes" do sector para pactar liñas que "contribúan á sostibilidade" do mesmo, DÍA anunciou un "principio de acordo" con tres piares esenciais. Un deles é o incremento de dous céntimos por litro de leite "recollido en Galicia por todos os subministradores" de DÍA que, asemade, será aplicado con data do pasado 1 de decembro. "De maneira obrigatoria", aseguran, este incremento debe "se trasladado por parte do provedor aos gandeiros galegos".
Feijóo asegura que os pactos chegan grazas á Xunta, pero novamente se produce tras unha mobilización do sector
Asemade, a mentres se pon en marcha o novo contrato homologado, os responsables de DÍA aseguran estar dispostos a aplicar "un sistema de contratación que proporcione unha maior estabilidade", a comezar por que, cando menos, os gandeiros saiban canto se lles recolle e o prezo que van recibir "con temporalidade trimestral". Adicionalmente, a compañía asegura que adquira o "compromiso de traballar de maneira conxunta cos seus provedores na identificación da procedencia e orixe do leite", isto é, en amosar ás claras nas súas tendas se se trata ou non de leite galego.
No caso de Alcampo, o acordo -que con case total seguridade será ratificado, como os demais, pola asemblea gandeira- supón tamén un incremento de dous céntimos no prezo do leite recollido aos subministradores da cadea francesa en Galicia e que será aplicado con data de 1 de decembro. Ademais, tamén se compromete a empresa de distribución a identificar con claridade a orixe galega do leite nos seus produtos.
A moblización gandeira chegou logrou acordos con cinco grandes cadeas de hipermercados e cun centro doutra gran empresa en Lugo
Supón este un novo éxito da mobilización gandeira, que chegou a acordos con cinco grandes cadeas de hipermercados (Alcampo, Carrefour, DÍA, Eroski e Gadisa), así como co centro que a multinacional E. Leclerc ten en Lugo.
Malia ás afirmacións de Feijóo, mesmo DÍA admite implicitamente a influencia da mobilización gandeira no seu cambio de postura, agardando que, coas novas condicións, a asemblea gandeira decida "retirar o bloqueo do almacén para poder traballar con normalidade e dar cumprimento aos devanditos compromisos". Despois da súa belixerancia dos últimos meses -cara ao sector, pero tamén cara parte dos medios de comunicación galegos que, como este diario, informaron das protestas dos gandeiros-, DÍA indica que, "dende o absoluto respecto ás normas do libre mercado" está a apostar "polo sector lácteo galego", apoiando "a sostibilidade e rendibilidade de toda a cadea produtiva".