A oposición incide na prevención e valorización do monte tras o anuncio do plan de extinción de incendios da Xunta

'Plantación' simbólica de eucaliptos no Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

O PSdeG pide un novo Plan Forestal, En Marea frear a eucaliptización e o BNG envía unha carta a Feijóo para “sentar a dialogar de xeito urxente”

Tras a presentación este venres aos medios de comunicación das que a Xunta considera as novidades máis significativas do seu plan de extinción de incendios para este ano, e á espera de que o documento íntegro sexa desvelado o próximo xoves, catro días antes do inicio do período de máximo risco, os partidos da oposición responderon co lanzamento de diversas iniciativas incidindo na prevención e valorización do monte. Tamén diversos colectivos veñen de emitir un comunicado reclamando “a deseucaliptización urxente de Galicia”.

Este sábado, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, visitou en Adai, no Corgo, a feira anual organizada pola asociación de criadores de rubia galega. Alí incidiu na necesidade de que a Xunta apoie a gandería de calidade como medio para “frear o proceso de eucaliptización actual e rebaixar polo tanto o risco de incendios”. “A día de hoxe grazas as políticas da Xunta temos un rural que é pasto dos eucaliptos e polo tanto do lume”, dixo Villares.

O propio venres, o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, no marco dunha xornada de traballo sobre o sector forestal con diversos colectivos organizada pola súa formación no Parlamento de Galicia, reclamou a elaboración dun novo plan Forestal “transparente e consensuado”. O actual está a ser incumprido de xeito reiterado polos sucesivos gobernos galegos. Segundo Leiceaga, a prevención resulta “vital” para “se non impedir que se produzan, cando menos evitar a propagación dos lumes para evitar situacións como a que se viviu en Portugal esta pasada semana”.

Desde o BNG, este sábado a formación informou de que a súa portavoz, Ana Pontón, vén de remitir unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pedíndolle “sentarse a dialogar” de xeito “urxente” para mellorar a situación forestal de Galicia. Na misiva, salientan os nacionalistas “fai fincapé nas similitudes de Galiza co país veciño, cun medio rural abandonado e o descontrol das plantacións de eucalipto e piñeiro”.

Varios colectivos reclaman “a deseucaliptización urxente de Galicia”

Por outra parte, as asociacións ecoloxistas ERVA, Luita Verde e A Ría Non se Vende, e o colectivo en defensa do patrimonio A Rula, emitiron un comunicado no que salientan que “a deseucaliptización de Galicia é unha tarefa urxente”. Entre outras cuestións, reclaman a “ reversión dos plantíos de eucalipto efectuados nos últimos cinco anos en terras agrarias e sustitución por frondosas autóctonas con fins produtivos” e o “establecemento dun mínimo dun espazo natural protexido e libre de eucaliptos e espécies invasoras en cada parroquia galega, que funcione como reserva de bosque nativo, de xeito que se acade un mínimo dun 10% de superficie total protexida”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.