A picadura dunha avespa velutina provoca a morte dun home alérxico no Ortegal

Avespas asiáticas nunha trampa caseira CC-BY-SA Praza Pública

Unha picadura de avespa asiática provocou o pasado martes a morte dun veciño do concello de Cariño alérxico ás nespras. O home, de 67 anos, segundo confirmou Praza, sufriu a picada deste insecto mentres ollaba como outras persoas recollían mazás dunhas árbores froiteiras, obxectivo agora destas vespas velutinas invasoras que están a provocar múltiples problemas na comarca de Ortegal e en moitas outras de Galicia. O home sufrira xa un episodio de alerxia semellante hai anos tras ser trabado por un exemplar autóctono, pero desta vez non puido sobrevivir. 

O home de 67 anos, alérxico ás avespas, non puido sobrevivir logo da picadura dun exemplar dos milleiros que supoñen a praga na comarca

Veciños contan que hai xa varios días que alertaron da presenza de varios niños de importantes dimensións na zona onde o home recibiu a picadura, pero que ninguén acudiu a retiralos, unha circunstancia que non é a primeira vez que ocorre. O Concello de Cariño, a través do seu alcalde José Miguel Alonso Pumar, reclama á Xunta que imulse un plan conxunto para o Ortegal e A Mariña -as dúas áreas máis afectadas- e chama a atención sobre o feito de que a abundancia destas vespas fai moito máis probable que acontezan sucesos coma estes.

A picadura desta avespa asiática non é máis prexudicial que a doutra para un alérxico, pero a enorme cantidade delas e a súa presenza en cada vez máis lugares está a causar demasiados problemas en moitas comarcas do país. Atacada con remedios caseiros pola cidadanía, segue a provocar importantes problemas no sector apícola e froiteiro, nos traballos forestais, así como inseguridade cidadá. No Ortegal, o novo obxectivo destas vespas velutinas son as árbores froiteiras, invadidas en moitos casos por esta praga de insectos, que picaron xa varios veciños que apañaban nas mazás nos últimos meses. Neste setembro, un corzo que falecera no monte foi tamén atacado por unhas nespras que parecen insaciables e un veciño do municipio de Ortigueira acumulou máis de 10.000 exemplares recollidos a través de trampas no seu negocio desde o pasado verán. 

Segundo os últimos datos da Xunta, son xa 125 os concellos galegos afectados pola avespa velutina, coa presenza de niños que poden alcanzar ata os 25 metros de altura e milleiros de exemplares no seu interior. O Baixo Miño, a Mariña, o Ortegal e as zonas da Coruña e Ferrol son as máis afectadas. Hai tan só unhas semanas, Medio Rural Medio recoñeceu que recibira máis de 4.100 avisos por niños da avespa asiática no que ía de ano, pero tanto estes avisos, como o número de municipios afectados e a súa incidencia é, segundo os expertos, moito maior da que se conta. 

A AGA (Asociación Galega de Apicultores), cuxos voluntarios son moitas veces os encargados de retirar niños ou intentar eliminar os enxames, levan meses reclamando medios, solucións axeitadas e unha acción coordinada coa Xunta, á que acusa den "inacción" e mesmo de levar a cabo solucións que, ou non son realizadas como se debería ou non son suficientes por falta de persoal e maquinaria. Os operarios enviados pola Administración, en moitos casos nin teñen o material axeitado nin veñen ás horas máis acaídas, xa que a retirada de enxames polo día provoca que as raíñas que escapan creen máis nos arredores. O problema multiplícase. 

Máis de 40 concellos uníronse xa para pedirlle á Xunta solucións á praga da avespa asiática

O Concello de San Sadurniño, unha das localidades máis afectadas, acolleu o pasado 28 de agosto unha xuntanza entre concellos e representantes da AGA co obxectivo de coordinar medidas que freen o avance da avespa asiática. Á reunión asistiron 18 municipios que acordaron elaborar un documento que resumise as principais demandas e ao que puidesen sumarse no futuro outros consistorios. Nas últimas semanas uníronse a estas demandas máis de 40 municipios, desde Ribadeo ata Muros, e cada día están chegando comunicacións novas a favor dunha postura común na batalla contra a velutina. Unha batalla que pasaría en primeiro lugar por manter un encontro urxente con Medio Rural -solicitado xa en xuño pola AGA- para levar adiante unha serie de medidas que axuden a combater a praga e a mellorar a xestión do seu control.

Os municipios piden máis medios, máis coordinación, máis información e unha loita "preventiva" e seria contra a velutina

No documento pídese que se rectifique o protocolo da Xunta para que as retiradas se fagan só de noite, que se reduza a burocracia, que se aumenta a coordinación entre administracións, que desde o Goberno se dea maior información da incidencia da velutina e da praga que afecta Galicia ou que se leven a cabo campañas divulgativas entre os veciños. 

Ademais, reclaman o incremento das axudas e creación de liñas de subvencióndestinadas a cubrir os custos do traslado de colmeas a áreas libres da praga ou mesmo compensacións pola perda de enxames -e cuxas achegas podería provir dos fondos Feader-, unha loita "preventiva", o reparto de máis trampas (que deberían usarse só en primavera e outono) e atraentes, así como a investigación continuada da problemática e das posibles solucións. 

Avespas asiáticas nunha trampa caseira CC-BY-SA Praza Pública
Avespas asiáticas nun niño © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.