A poboación de velutina seguirá a aumentar no verán malia preverse un menor impacto

Niño retirado pola empresa Serpa © Serpa

Haberá máis exemplares de avespas asiáticas, máis niños e máis concellos afectados, pero a maior concienciación social, as medidas impulsadas polos apicultores e a reacción das administracións pode compensar o impacto da praga nun verán que se prevé "mellor" en Galicia. A Asociación Galega de Apicultura (AGA) está a finalizar a campaña que nesta primavera -coordinada por investigadores da Universidade de Vigo e coa implicación de 500 abelleiros- prevía capturar e eliminar 30.000 raíñas de velutina, reducir o máximo posible a proliferación da especie e diminuír as enormes problemáticas que causa. 

Ademais, desde a Universidade os investigadores analizan os exemplares capturados coas trampas na busca do mellor sistema e o atraente máis efectivo e selectivo para capturar estes insectos sen afectar outros. Ao tempo, esta é a época clave para a retirada de niños primarios e evitar a expansión da avespa asiática. Son aqueles construídos por unha raíña logo do período invernal e no que pon os ovos que dan lugar á primeira xeración de obreiras que crean logo niños secundarios.  

"Estanse a destruír bastantes niños primarios, a xente coñece mellor os métodos, identifícaos e está máis concienciada", di a AGA

"Primeiro non houbo inverno, logo prolongouse e as temperaturas foron baixas na primavera... Iso provocou que saíran facer os niños máis tarde", explica Xesús Asorey, voceiro de AGA, que asegura que en marzo e abril "non se capturaron moitas fundadoras" pero que é agora en maio e xuño cando se "están a coller moitas", primeiro nas Rías Baixas e posteriormente nas provincias de Lugo e A Coruña. "Estanse a destruír bastantes niños primarios, a xente coñece mellor os métodos, identifícaos e está máis concienciada, por iso pensamos que imos ter bos resultados este verán", insiste. 

Malia que aínda non hai datos definitivos, entre as 3.000 trampas colocadas por AGA e todas as repartidas pola Xunta e diferentes administracións, Asorey advirte de "milleiros de niños" retirados, pero será agora non verán cando se verá se as campañas de información e concienciación incrementan a efectividade dos diferentes sistemas, como así parece que é. "Hai máis medios nos concellos, a xente está implicada e queremos que nos axude na busca dos niños", engade Asorey, que conta como mesmo sociedades caninas están a adestrar os seus animais para poder acceder ás velutinas. 

O aumento de medios, o labor dos apicultores e a maior concienciación social asegura unha mellor resposta á plaga de velutina

"Estamos moitos máis preparados. fixemos delegacións comarcais para atender o tema, formamos un grupo de innovación e os investigadores colaboran na Universidade, o noso obxectivo é frear a expansión da velutina e que non siga evolucionando como até agora", conta Asorey. "Vaise espallando máis pero esperamos que a súa agresividade sexa bastante menor", insiste. 

Coincide nese diagnóstico con Sara Rojas, Doutora en Bioloxía do Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e coordinadora da campaña na busca de mellores e máis eficaces atraentes e trampas. Continúan a analizar e recoller aínda mostras das trampase das raíñas fundadoras apañadas ante unha primavera máis chuviosa e menos calorosa do habitual. "Seguiremos até finais de xuño; a mostraxe vai moi ben porque os apicultores están a facer un gran traballo", di. 

Os expertos prevén que a poboación de velutina se incremente e afecte máis concellos, pero tamén que a súa agresividade sexa menor

A poboación de velutina, como xa advirte, "vai ir en incremento" porque o crecemento deste tipo de especies invasoras "segue un ritmo exponencial". Así, e malia todos os avances, asegura que aumentará o númer de avespas asiáticas "ata que chegu un momento no que chegue ao seu límite máximo de acordo coas condicións ambientais e de recursos". "Haberá un estancamento pero non chegaremos aínda a ese punto", avisa. 

Con todo, indica que "agora hai moitos máis actores que están traballando máis activamente e máis preparados". "As administracións e os apicultores teñen máis medios e a Xunta achega agora un maior número de recursos; a concienciación na sociedade está sendo maior", conta. Todo, insiste, axuda na loita contra a velutina, pero a avesa asiática chegou para quedar e só queda deter o seu crecemento e reducir o seu impacto. 

 

Máis medios e máis implicación

Ante as queixas dos apicultores e de varios concellos moi afectados, a Consellería do Medio Rural estableceu unha colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para que os municipios participen no plan contra a velutina co seu propio persoal. Para facilitarlles este traballo, reparte material para lograr unha retirada efectiva e segura dos niños. 

"Sempre fai falta máis pero a proba de verdade para a Xunta vén agora no verán", explica Asorey, que destaca que o convenio coa Fegamp facilite que bombeiros ou GES poidan retirar os niños alí onde a empresa pública non chega ou non pode. "Algúns resultados debería dar e non imos criticar antes de comprobar os resultados finais", engade. 

No que vai de ano, detectouse a velutina en 120 concellos, pero só antes do verán; en 2015, máis da metade dos municipios foron afectados

Polo momento, e no que vai de ano, a Xunta coñece a existencia de niños de velutina nuns 120 concellos galegos. Ademais, xestionou máis de 1.100 aviso e actuou sobre uns 250 deses niños. Pero estes datos non supoñen case nada ao ser antes do verán. Durante 2015, máis da metade dos concellos galegos foran afectados pola praga da avespa asiática. Nun total de 160 municipios foran detectados niños da vespa velutina, cen localidades máis que ano e medio antes. E son, malia todo, unhas cifras moi optimistas ao basearse tan só nas denuncias que chegan a Medio Rural e non incluír outras moitas localidades onde tamén se detectaron enxames que non foron comunicados.

O número de concellos afectados incrementarase nos vindeiros meses e só queda esperar a que o impacto da vespa asiática, tal e como se prevé, sexa menor e colla a sociedade moito máis preparada. O problema chegou e non se detivo desde que en 2012 se avistasen os primeiros exemplares desta avéspora velutina. Unha especie que provoca a redución da biodiversidade -nomeadamente pola afectación nas abellas-, causa serios prexuízos económicos no sector apícola e froiteiro e crea riscos de picaduras en traballos forestais, así como inseguridade cidadá.

Avespas asiáticas nunha trampa caseira CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.