A recuada da Xunta mantén intacta a mobilización do sector do mar para a manifestación do sábado

Cartaz da manifestación © Federación galega de confrarías de pescadores

A recuada do Goberno galego, que este martes anunciou a retirada da súa proposta de Lei de Acuicultura obrigado pola presión social e polo rexeitamento unánime do sector, semella que non terá un efecto desmobilizador na manifestación convocada para este sábado en Compostela baixo o lema En defensa do sector do mar. Están contratados ducias de autobuses (50 só nos concellos da ría de Arousa), que chegarán dende todo o litoral galego e a entidade convocantes, así coma colectivos sociais que apoian as súas reivindicacións, deixaron claro nos últimos dous días que a retirada do proxecto de lei era tan só unha das reivindicacións que xustificaban a mobilización.

A manifestación reclama tamén solucións ao problema do cerco e as cotas, a defensa da pesca artesanal e esixe a rexeneración das rías e así o deixaron claro os seus organizadores nas últimas semanas. Porén, de forma sorprendente a conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou este mércores que “tiña entendido que a manifestación convocada para o sábado era contra a Lei de Acuicultura” e que descoñecía se había "outros motivos”. A marcha comezará ás 11.30 na Alameda e rematará na praza do Obradoiro, onde se agarda reunir a máis de 30 mil persoas.

"Temos razóns dabondo para continuar coa nosa convocatoria", sinala a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que agrupa a confrarías e entidades de bateeiros, entre outros grupos. O seu portavoz, Xaquín Rubido, sinalaba este martes que "o que necesitamos é mellorar a lei de pesca, e mellorala en base ás demandas dos sectores produtivos" e salientaba que "este é o momento, máis que nunca, de apertar o acelerador, para afortalar esa unidade, unha unidade que permita un diálogo coa administración nunha posición de forza".

A PDRA afirma que "a liña de actuación política da conselleira e do seu equipo é a de apoiar a peixecultura industrial e buscar o xeito de introducila no noso mar"

A PDRA afirma que "a liña de actuación política da conselleira do Mar e do seu equipo é a de apoiar a peixecultura industrial e buscar o xeito de introducila no noso mar. Se ben é certo que tiramos abaixo a lei de acuicultura, tamén o é que permanece aí toda a andamiaxe administrativa que temos que desmontar. E toda a propaganda institucional a prol da peixecultura intensiva". A plataforma denuncia que "o xesto da retirada do anteproxecto ten unha finalidade inmediata: desconvocar a manifestación e recolocar os apoios dentro do PP, pero o discurso que mantén a conselleira segue a ser o mesmo; a súa liña de actuación non mudou porque hai moitos intereses económicos e persoais -­opacos- arredor dos 486 millóns de financiamento dos fondos europeos". "Entendemos que tanto a conselleira do Mar como o seu equipo carecen xa de credibilidade polos seus continuos enganos ao sector", conclúen.

Tomás Fajardo, presidente da Federación Galega de Confrarías, sinala que "a retirada da lei de acuicultura é só unha das moitas demandas"

Tomás Fajardo, o contestado presidente da Federación Galega de Confrarías, sinala en La Voz de Galicia que "a retirada da lei de acuicultura é só unha das moitas demandas". "Por unha banda está o problema das cotas, das taxas que se impoñen aos profesionais, as dificultades polas que atravesa o colectivo de artes menores. Ten que haber un cambio de rumbo nas Administracións galega e estatal. As cousas deben facerse de outra maneira", engade. De igual xeito, o presidente da organización de mexilloeiros Opmega, Ricardo Herbón, denuncia que hai moitos temas pendentes que "non se abordaron nin nesta lexislatura nin durante a pasada". A Plataforma en Defensa da Ría da Comarca Muros-Noia mesmo pon en dúbida a manobra realizada polo Goberno galego: "xa nos enganaron en demasiadas ocasións" e lembra que a pasada semanas o PP votou no Parlamento en contra da retirada da lei.

As entidades ecoloxistas conclúen que malia a retirada da lei, a Xunta mantén "a idea de entregar as nosas rías e a nosa costa como terreo barato para o negocio das transnacionais acuícolas" e piden a dimisión de Quintana

Tamén manteñen a súa mobilización as entidades ecoloxistas, que a través dun manifesto asinado por unha vintena de colectivos (ADEGA, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega ou a APDR, entre outras) sinalan dez razóns polas que rexeitan a planificación da acuicultura proposta pola Xunta, tanto a que recollía o proxecto de lei retirado coma a práctica política desenvolvida nos últimos anos. Destacan a "filosofía neo-liberal" do proxecto, "pensado para a gran industria acuícola -Stolt-Nielsen e Pescanova- e posiblemente negociado con eles". Ademais, indican que se "elimina a posible intervención dos concellos", se "permite a ubicación de plantas acuícolas en espazos naturais protexidos" e se fomenta unha competición "entre os sectores tradicionais coas multinacionais en base a criterios estritamente económico-financeiros e tecnolóxicos e de aproveitamento máximo do recurso". As entidades conclúen que malia a retirada do proxecto de lei, a Xunta mantén "a idea de entregar as nosas rías e a nosa costa como terreo barato para o negocio das transnacionais acuícolas", e piden a dimisión de Rosa Quintana. 

Pola súa banda, o voceiro do PP en Poio e deputado provincial Ángel Moldes afirmou que "hai partidos que se aproveitan do traballo do sector do mar para sacar rédito político", engadindo que “moito nos tememos que intentarán tinguir tamén a manifestación con bandeiras políticas para vincular o éxito da convocatoria aos propios partidos. É un erro, esta reivindicación nace do propio sector e, como tal, non pode converterse na bandeira política de ninguén”.

 

Sorpresa pola "man tendida" ofrecida por Quintana

Máis ou menos ao mesmo tempo que a conselleira Rosa Quintana anunciaba a través da TVG a retirada da lei, o Goberno galego remitía unha carta a ao redor de 300 entidades sociais, informando da decisión. Nas misivas recoñecíase a "controversia e inquedanza" xeradas no sector pola acción da Xunta e comunicábase a "anulación" do borrador de lei, a súa "retirada da exposición pública" e a decisión de "non iniciar ningún trámite administrativo neste ámbito e con este texto proposto". Ademais, Quintana pedía que se recollese "a man tendida que lle ofrezo para levar adiante todas aquelas actuacións que puideran repercutir positivamente na mellora do futuro do sector".

CC.OO. repróchalle á conselleira que esta carta sexa a primeira "comunicación oficial" que recibe sobre a lei

CC.OO. respondeu o texto de Rosa Quintana con outro escritorepróchandolle á conselleira que esta carta sexa a primeira "comunicación oficial" que recibe sobre unha lei "de grande importancia para as condicións de vida e traballo da comunidade pesqueira galega". Critícalle tamén que o anteproxecto de lei de acuicultura se elaborase "sen o necesario diálogo co sector" e apostando por un modelo produtivo "que pon en perigo o emprego e conseguintemente o desenvolvemento económico e social das comarcas pesqueiras". Ademais, lembra que a oposición á lei de acuicultura "non é o único motivo" da manifestación convocada para o sábado 27 e sinala o obxectivo de que "a xente do mar siga a traballar no mar e a vivir do mar", que "non haxa barcos sen cota nin emprego sen salario" e que se garantan "condicións de traballo dignas".

 

Cartaz da manifestación © Federación galega de confrarías de pescadores

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.