A redacción do Diario de Ferrol posiciónase contra o artigo homófobo publicado no xornal

Artigo publicado no Diario de Ferrol o pasado domingo Dominio Público Praza Pública

"Estoy hasta el culo de la celebración del día del orgullo gay. Día en el que gays y maricallos; lesbianas y machorras; bisexuales, trisexuales, transexuales, hermafroditas, (y bestialistas si entran), se corren jolgorio con despelote en vías públicas de ciudades y pueblos por doquier...". Así comeza o artigo de opinión de J.L. Patiño, titulado "Hasta el culo", publicado o pasado domingo por Diario de Ferrol. Un texto, difundido o luns na edición dixital do xornal, e que polo seu carácter homófobo comezou a viralizarse de inmediato, provocando unha onda de indignación en toda España que obrigou á dirección do Diario á súa retirada da web.

Tamén reaccionaron os e as xornalistas da súa redacción, que difundiron un comunicado no que rexeitan "calquera manifestación que supoña un atentado contra a dignidade das persoas" e "a expresión das ideas cunha linguaxe insultante e evidente falta de respeto por quen pensa diferente". "Lamentamos e avergoñámonos de calquera artigo que poida fomentar o odio dende as nosas páxinas (...) reivindicamos un xornalismo construtivo que contribúa na medida que lle corresponde a vivir nunha sociedade mellor", engaden. Os traballadores e traballadoras conclúen o comunicado lamentando "que se escribira o artigo e aínda máis que se publicara". "Pedimos desculpas e esixímosllas tamén ao autor do texto", din.

J.L. Patiño é un colaborador habitual do xornal. Neste artigo tamén pide un "día heterosexual" e chega a propoñer unha bandeira heterosexual: "bandera que, a falta de otro diseño, y sobre fondo blanco, luzca un pito y un chichi atravesados por flecha de Cupido, sobre campo de gules". Os restantes artigos publicados por Patiño no Diario de Ferrol poden consultarse na web, facéndose unha idea do seu estilo e das súas filias e, sobre todo, fobias.

Artigo publicado no Diario de Ferrol o pasado domingo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.