Dende o comezo do mes de outubro exponse na Cidade da Cultura A derradeira leición do mestre, o cadro co que Castelao simbolizou a represión exercida polo Franquismo e, nomeadamente, a que sufriu o profesorado, un dos colectivos máis golpeados polos sublevados. A propia mostra lembra esta represión, que acabou coa vida de 100 mestres e mestras en Galicia, e que tamén supuxo a depuración (inhabilitacións, traslados, sancións...) para varios centos. A revista Sarmiento vén de publicar un número monográfico dedicada a analizar esta represión, que inclúe varios traballos que afondan no sucedido en cada unha das provincias galega e que poñen cifras e nomes a esta persecución.
A revista, editada de forma conxunta polas tres universidades galegas, inicia ademais unha nova etapa, na que pasará a subtitularse Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación coa entrada de expertos e expertas lusas no comité asesor e publicación de traballos de Portugal e doutros países da Lusofonía. A publicación inclúe a relación completa dos 100 mestres e mestras asasinados polos franquistas tralo golpe de Estado de xullo de 1936, cos seus nomes, idades e os lugares nos que exercían a súa profesión e foron executados e executadas, unha información tirada na súa maioría das investigacións do grupo Nomes e Voces.
Xosé Manuel Cid destaca a importancia de "poñerlle nomes e voces a toda esta xente, silenciada durante tanto tempo, de destacar as derradeiras leccións de todos eles e de todas elas"
"Buscouse especialmente castigar os mestres, porque eran os que creaban conciencia", destaca Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (Uvigo) e autor da análise da represión na provincia ourensá. Cid detalla que "a represión sufrida polo maxisterio en 1936 foi un proceso meditado e organizado para derrubar todo o que lembrase á escola republicana, tanto o seu soporte ideolóxico, como as innovacións metodolóxicas experimentadas nese curto período de renovación e democratización". E engade que Ourense "foi unha das prazas fortes na consolidación da escola republicana", destacando especialmente o labor de ATEO (Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense), unha "poderosa asociación con conciencia de clase e unha revista vangardista".
Xosé Manuel Cid destaca a importancia de "poñerlle nomes e voces a toda esta xente, silenciada durante tanto tempo, de destacar as derradeiras leccións de todos eles e de todas elas". "Aínda agora atopamos fillos e netos que descoñecían a actividade e a represión sufrida polos seus pais ou avós", di. E subliña a importancia da cuestión de xénero nestas investigacións e da necesidade de estudar "moitas mulleres dobremente silenciadas, que non aparecen nas estatísticas e cuxa represións moitas veces non son coñecidas".
Ademais dos asasinados, un terzo dos mestres e mestras foron inhabilitados, trasladados ou sancionados
"A resposta dos golpistas pódese cualificar de cruel e desproporcionada", di Xosé Manuel Cid, unha represión que acabou coa vida de 15 mestres na provincia e que incluíu outro tipo de castigos para aproximadamente un terzo (529) dos máis de 1700 mestres da provincia. Na Coruña, Lugo e Pontevedra os cálculos realizados polos restantes investigadores e investigadoras que participan neste número de Sarmiento sitúan a represión en cifras semellantes. Entre os asasinados e asasinadas, 39 persoas pertencían á provincia da Coruña, 30 a Pontevedra, 16 a Ourense e 15 a Lugo. A idade media para o conxunto de Galicia era de algo máis de 35 anos.
Entre os asasinados e asasinadas, 39 persoas pertencían á provinca da Coruña, 30 a Pontevedra, 16 a Ourense e 15 a Lugo. A idade media para o conxunto de Galicia era de algo máis de 35 anos
En Lugo, entre 1936 e 1942 María Jesús Souto detectou un total de 1835 resolucións depuradoras, cun total de 477 sancionados (con separación, suspensión e/ou traslado de escola), como recollen Antón Costa e Uxía Bolaño. Na Coruña nese mesmo período Narciso de Gabriel contabiliza máis de 850 sancións para mestres e mestras, ao redor dun 30% do total, cunha incidencia máis elevada en case todos os concellos costeiros, especialmente de Ribeira e Laxe e de Ferrol a Mañón. En Pontevedra, Anxo Serafín Porto e Raquel Vázquez Ramil recollen 100 mestres separados do servizo, 33 traslados fóra de Galicia, 195 traslados dentro de Galicia, 179 inhabilitacións ou 176 suspendidos e suspendidas temporalmente de emprego (en períodos de ata dous anos).
"Un profesorado novo, comprometido coa educación"
"A República foi algo así como a luz contra as tebras. E por iso, ergueuse esa gran violencia contra o profesorado", escribe Antón Costa
Cid salienta os avances que nos anos da República se producira no mundo do ensino, coa apertura de milleiros de escolas, nomeadamente na zona rural (en Galicia creáronse só no primeiro bienio 1931-33 1.228 escolas, das 9.620 creadas en todo o Estado), a chegada de mestres e mestras novas e tamén doa dignificación da profesión á que se lle incrementaron notablemente os seus salarios. "Os mestres responderon con mentalidade de auténticos funcionarios públicos, ao servizo da cidadanía. A Revolución Francesa de 1789 aquí chegounos tarde. Non foi unha revolución violenta, senón que foi unha revolución pacífica, unha revolución nas conciencias", explica. E cita a Antón Costa para significar a reacción do franquismo contra os docentes: "A República foi algo así como a luz contra as tebras. E por iso, ergueuse esa gran violencia contra o profesorado, cara a dispoñer, por outra parte, dun profesorado, no peor dos casos dócil, cando non activamente implicado nos valores do Novo Estado".
En Galicia creáronse 1.228 escolas só no primeiro bienio 1931-33, das 9.620 creadas en todo o Estado
Neste senso, o traballo que encabeza a revista é unha análise xeral da represión franquista contra o profesorado realizada por M.ª del Carmen Agulló Díaz, que sinala que "a ditadura franquista, desexando deslexitimar as políticas educativas republicanas, converteu o maxisterio primario en obxectivo prioritario da súa acción represiva, para o que articulou unha tupida rede de mecanismos destinados a purgalo e esixir responsabilidades. A depuración, co seu duplo carácter punitivo e preventivo, tivo o seu inicio de xeito inmediato ao golpe militar e durou ata a finalización da ditadura".
A partir do 18 de xullo de 1936 iniciáronse diferentes procesos represivos. Algúns, directos, pasaban polo asasinato e a eliminación física dos mestres e mestras. Outros, de tipo administrativo, incluían a súa depuración, promulgándose ordes emanadas de organismos diversos, buscando destituír os docentes considerados de esquerdas. Algunha destas ordes alertaban de que estes docentes eran culpables dun “ideario perturbador de las conciencias infantiles, así en el aspecto patriótico como moral" e chamaban a perseguir "toda manifestación de debilidad u orientación opuesta a la sana y patriótica actitud del Ejército y pueblo español, que siente a España grande y única, desligada de conceptos antiespañolistas que sólo conducen a la barbarie”.
A Ditadura "converteu o maxisterio primario en obxectivo prioritario da súa acción represiva, para o que articulou unha tupida rede de mecanismos destinados a purgalo e esixir responsabilidades"
Finalizando o primeiro ano de guerra, José M.ª Pemán, presidente da Comisión de Cultura e Ensino, dirixiuse aos vogais das diferentes comisións depuradoras para definir a depuración como “sacra misión” e lembrando que debían ser separados do servizo aqueles mestres que “han contribuido a sostener y propagar a los Partidos, ideario o instituciones del llamado ‘Frente Popular’”, aos que denominaba “los hijos espirituales de catedráticos y profesores que, a través de instituciones como la llamada ‘Libre de Enseñanza’, forjaron generaciones incrédulas y anárquicas”.