Os días 21 e 23 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Bosques, Cousas de Raíces lanzou a primeira campaña de Deseucaliptización Simultánea de Galicia. Ao redor de 360 persoas voluntarias participaron nun total de 11 accións en Cerdedo-Cotobade, Pontevedra, A Coruña, Mondariz, Ponteareas, Agolada, Caldas de Reis, Melón, Ponte Caldelas, Vigo e Lousame.
A organización da segunda Deseucaliptización Simultánea, que terá lugar o sábado 8 de xuño, xa está en marcha cunha chamada á participación de voluntarios e voluntarias. As Brigadas Deseucaliptizadoras impulsadas por Verdegaia están a organizar catro accións en Ferrol, Lousame, Cenlle e Cotobade, en colaboración con entidades veciñais e comuneiras, como a CMVMC de Froxán, Montescola, Asociación Veciñal de Lentille, CMVMC de Rebordelo.
Todas as intervencións realizaranse pola mañá e as organizacións e persoas anfitrioas ofrecerán un xantar de albaroque a todas as voluntarias participantes. O límite para anotarse en cada unha das intervencións é o mércores 5 de xuño, sendo imprescindible para planificar a loxística das accións e comidas.
As catro accións
- O Calexón en Valón (Ferrol). É unha área moi castigada polas repoboacións de eucaliptos, o abandono das actividades tradicionais e as obras de acceso ó porto exterior de Ferrol. Á vez trátase dun lugar moi visible por atravesalo a estrada que conduce ás praias de Doniños e san Xurxo, o que pode darlle máis repercusión e visibilidade á actuación das brigadas. A zona de intervención é unha parcela de titularidade privada de case 1 hectárea, na que se queren recuperar os valores ambientais e paisaxísticos.
- Área Conservada pola Comunidade de Froxán (Lousame). Os traballos na Comunidades de Montes de Froxán, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente, centraranse desta volta en consolidar a eliminación de rebrotes de eucalipto e arrincado de novos eucaliptos nacidos de semente nun hábitat de bosque de ribeira.
- Montes de Lentille (Cenlle). O obxectivo é frear a a invasión de mimosa (Acacia dealbata) que sofre a comarca. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érbedos, etc.).
- Montes de Rebordelo (Cotobade). Os traballos centraranse nunha zona que sufriu o desastre ambiental da vaga de lumes de outubro de 2017