A UE, vixiante ante a mina de Corcoesto

Galerías da antiga mina subterránea de Corcoesto Dominio Público Praza Pública

A Comisión Europea de Medio Ambiente advirte de que estará vixiante co proxecto mineiro a ceo aberto de Corcoesto e que exixirá á empresa Edgewater o cumprimento pleno da lexislación comunitaria en materia ambiental. Fíxoo nunha resposta á plataforma Salvemos Cabana, que solicitara ao comisario europeo, Janez Potocnik, que avaliase o devandito proxecto ao entender o colectivo que se contradicía directamente coa resolución do Parlamento Europeo do 20 de abril de 2012 defendida polo seu propio departamento, na que pide os estados membros "que velen por unha aplicación plena e adecuada da lexislación da UE en materia de medio ambiente".

A UE aclara que analizará con detalle o proxecto de Corcoesto "para garantir o pleno cumprimento da lexislación europea"

No escrito remitido a Salvemos Cabana, a Comisión aclara que xa solicitou ás autoridades españolas "información detallada sobre o proxecto mineiro", así como "sobre o cumprimento do devandito proxecto coa lexislación ambiental da Unión Europea" e que analizará de xeito exhaustivo toda a documentación remitida "para garantir o pleno cumprimento da lexislación europea".

Desde a plataforma -e tamén segundo aseguran varias fontes expertas na lexislación medioambiental comunitaria- crese que o proxecto de Mineira de Corcoesto / Edgewater "é incompatible coa Directiva Marco da Auga", que establece un marco de acción comunitario no ámbito de política de augas e que naceu en orixe "coa vocación de garantir de protección do recurso hídrico e promover un uso sostible que garanta a dispoñibilidade deste recurso indispensable a longo prazo".

Salvemos Cabana está convencida de que a mina "é incompatible" coa Directiva Marco da Auga da UE

Tal e como aclara Salvemos Cabana, o obxecto da devandita directiva europea é establecer un marco para a protección das augas, "previndo a deterioración adicional e a protección e mellora dos ecosistemas acuáticos, así como dos ecosistemas terrestres dependentes e a redución da contaminación dos cursos fluviais superficiais e subterráneos", algo que para a plataforma "non é en absoluto compatible co uso de 1.100.000 litros de auga potable por día no proceso de recuperación do ouro ou no desvío dunha canle fluvial como o do río Lourido". Ademais, tamén lembra que se coñecen tres estudos científicos independentes publicados en prestixiosas revistas internacionais que certifican que a antiga actividade mineira realizada en galería a pequena escala e hai cen anos "está a contaminar sen remedio o río Anllóns cuns niveis de arsénico inasumibles que alcanzan os 850 quilos anuais vertidos ao esteiro fluvial".

Salvemos Cabana insiste en que a Comisión Europea debería valorar "se un proxecto como o da mina de Corcoesto é un ideal de sostibilidade que poida servir de referencia aos estados da Unión".

 

O PP di que a mina "é beneficiosa" para a comarca

O anuncio da Comisión de Medio Ambiente da UE chega xusto no momento no que a empresa mineira Edgewater atópase en Bruxelas para defender ante as autoridades europeas o polémico proxecto, xunto con cargos políticos dos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco e dous profesores universitarios, todos eles apoiados por un dos lobbys industriais máis importantes do continente, a Asociación Europea de Industrias Mineiras (Euromines).

O PPdeG volve apoiar a megaminería en Corcoesto malia o rexeitamento unánime da oposición

E a comunicación chega tamén no mesmo día no que o PPdeG volveu apoiar a mina a ceo aberto de Corcoesto, cuxo proxecto contou co rexeitamento unánime de todos os grupos da oposición, que apoiaron unha iniciativa do BNG para pedir a anulación da declaración de impacto ambiental para este proxecto.

Os votos do grupo maioritario, o PPdeG, permitiron rexeitar esta iniciativa, xa que segundo o deputado desa formación Aurelio Núñez Centeno "a mina é beneficiosa e ten o apoio da maioría" da poboación. Ademais, destacou que o proxecto para a extracción de ouro da mina no municipio coruñés de Cabana de Bergantiños conta coa declaración ambiental "correspondente" e sinalou que se a normativa variase ou se a empresa incumprísea o seu partido sería o primeiro en "non apoiar" o proxecto.

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.