A Universidade da Coruña cancela unhas xornadas sobre prostitución por "non poder garantir a seguridade do debate"

Biblioteca da Facultade de Socioloxía da UDC, nunha imaxe de arquivo © UDC

Finalmente a Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña non acollerá as Xornadas sobre traballo sexual que estaban previstas para os vindeiros 19 e 20 de setembro, coa intervención de mulleres que exercen a prostitución, profesoras e membros de ONG, entre outras intervencións. Tras semanas de controversia, a UDC decidiu cancelar a súa celebración nas instalacións académicas por "non poder garantir a seguridade do debate".

"O forte rexeitamento, fustigación e crueldade que estamos a sufrir, as falsas informacións e os comentarios recibidos fannos prever a imposibilidade de garantir a seguridade do debate nin a súa calidade académica", subliña a UDC

A polémica en torno ás xornadas desencadeouse a través das redes sociais, cando colectivos abolicionistas iniciaron a acción #UniversidadSinProstitución, que incluíu reclamacións ao reitorado da UDC para que vetase o encontro ao considerar que favorece o "proxenetismo" e é favorable ao exercicio da prostitución. Mentres, as organizadoras das xornadas e a propia universidade as encadraban no "debate académico" sen que isto implicase apoio á prostitución, destacaba a UDC. 

Outras voces dende o feminismo e o mundo académico desmarcáronse do que observaban como un acto de "censura". Estoutra postura manifestouse tamén a través das redes sociais e mediante un manifesto de mulleres do mundo académico baixo o título Polo dereito a debater na universidade e en todas partes.

As xornadas continuaron na axenda da Facultade de Socioloxía da UDC ata este mércores, cando a institución académica emitiu un novo comunicado anunciando a cancelación. "O forte rexeitamento, fustigación e crueldade que sobre este tema estamos a sufrir nas redes sociais, as falsas informacións que distorsionan a realidade e os comentarios recibidos fannos prever a imposibilidade de garantir a seguridade do debate nin a súa calidade académica", lamentan a respecto dunhas xornadas "propostas por unha alumna do Mestrado Oficial de Políticas Sociais na especialidade de Xénero".

Fragmento do programa das 'Xornadas sobre traballo sexual' canceladas na Facultade de Socioloxía da UDC CC-BY-SA Imaxe divulgada pola organización das xornadas

"A Universidade -di a UDC- é un espazo de libre circulación de ideas, foro natural para o debate, libre de censuras e prohibicións" e o equipo reitoral así o "defende". Pero "nesta ocasión non se reúnen as condicións necesarias" e por iso "nos vemos obrigados a rexeitar, conxuntamente coa Facultade", a realización das xornadas, confirma. "Esperamos -agregan- que no futuro se poida debater sobre este e calquera outro tema co respecto que merece unha institución de educación superior".

"Rexeitamos calquera tipo de discriminación e explotación da muller, en especial a prostitución como clara expresión de explotación sexual"

Como no primeiro comunicado ao respecto, a UDC destaca tamén neste que o conxunto da institución se "aliña plenamente cos obxectivos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero". "Rexeitamos -evidencian- calquera tipo de discriminación e explotación da muller, en especial a prostitución como clara expresión de explotación sexual" e por iso "os feitos demostran o compromiso da Universidade da Coruña co feminismo" mediante un "compromiso incuestionable" canalizado a través da Oficina para a Igualdade de Xénero e o Centro de Estudos de Xénero e Feministas, salientan.

A organización non desbota celebrar as xornadas noutro emprazamento

A UDC, enfatizan, considera "sempre a prostitución como unha forma de violencia de xénero", e tamén considera que "a universidade debe ser un ámbito de liberdade para contrastar distintos puntos de vista, cómpartanse ou non". "Esa é a postura que adoptamos e adoptaremos na Universidade da Coruña" e por iso "todos os debates deben ter cabida" coa "necesaria serenidade e respecto ao discrepante". 

No caso concreto da prostitución, "o debate da regulamentación ou aceptación como traballo sexual (a ONU e Amnistía Internacional recoñéceno como tal) e de como se protexen os dereitos das persoas que, lamentablemente, sobren esta explotación sexual está no movemento feminista". "Este debate -conclúen- non é exclusivo da universidade, senón da sociedade, e debe ter un foro aberto no que poder tratalo co acougo que agora falta". A organización das xornadas, pola súa banda, non desbota seguir adiante con elas noutro emprazamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.