A violencia machista en Galicia sitúase en 2015 en niveis de récord

Mulleres asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex parellas © Instituto da Muller

María Isabel, Beatriz, Divina, Silvina, Conchi e María José. Seis mulleres asasinadas polas súas parellas en Galicia no que vai de ano (dende maio, en realidade), que se veñen a unir a outras, outros nomes (Adela, María Luísa, María Elena, María Belén, Sara e Mónica o pasado), engrosando unha terrible lista que suma 40 asasinatos na última decáda. As cifras deste 2015 roldan un macabro récord, convertendo este ano nun dos máis negativos dende que hai datos fiables. E, de forma significada na cidade de Vigo, con tres asaninatos machistas nos últimos dous meses. A vindeira fin de semana, o 7 de novembro, unha marcha estatal protestará en Madrid contra as violencias machistas, que conta coa Plataforma Feminsta Galega entre as súas organizadoras, esixíndolles ás forzas políticas que convertan esta cuestión nun "asunto de Estado".

As cifras deste 2015 roldan un macabro récord, convertendo este ano nun dos máis negativos dende que hai datos fiables. E, de forma significada na cidade de Vigo, con tres asaninatos machistas nos últimos dous meses

As cifras de asasinatos son a punta de iceberg doutras estatísticas e doutras realidades e historias persoais. Violencias en distintas intensidades que sofren de forma cotiá milleiros de mulleres. Os últimos datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial revelan que o pasado ano se incrementaron en Galicia as denuncias presentadas por situacións de violencia de xénero. Foron 5.209 denuncias, 14 por día, algo máis que en 2013 pero lonxe das que se rexistraban en 2008, antes do comezo da crise económica: ao redor de seis mil.

As denuncias por violencia de xénero seguen lonxe das que se rexistraban antes da crise

Esa evolución tamén se ve nas cifras relativas ás ordes de protección e afastamento dos maltratadores e supostos maltratadores. En 2014 presentáronse en Galicia un total de 1.327, unha cifra que nos últimos anos permaneu estancada e que mesmo descende con respecto a 2013. O número de ordes efectivamente adoptadas tamén se reduce en Galicia, ata as 829, un 18% menos das 1.011 aprobadas en 2008. As estatísticas derruban ademais algúns falsos mitos, coma o da abundancia de "denuncias falsas" por violencia machista. As causas por denuncia falsa son 0,018% do total de demandas por violencia de xénero.

A Marcha Estatal Contra as Violencias Machistas destaca no seu manifesto que as mortes son "só a punta do iceberg" da violencia patriarcal

A Marcha Estatal Contra as Violencias Machistas destaca no seu manifesto que as mortes son "só a punta do iceberg" da violencia patriarcal. "Nos últimos anos padecemos os recortes sistemáticos nos recursos públicos xerais, nos dereitos sexuais e os dereitos reprodutivos, recortes na interrupción voluntaria do embarazo das menores de entre 16 e 17 anos e recortes nos recursos especializados contra as violencias machistas", denuncian. "A cultura patriarcal culpabilízanos sen que a sociedade, os medios de masas e os poderes públicos se enfronten aos mitos misóxinos e anti-feministas", engade o texto. As convocantes sinalan ques estas violencias "suceden nunha sociedade que tolera a desigualdade e resta credibilidade e autoridade ás mulleres". "O machismo alimenta a nosa desvalorización, a cousificación dos nosos corpos e a falta de respecto ás nosas decisións. Igualmente, estas agresións son inseparables das que sofren as persoas que non responden á masculinidade hexemónica", din.

O manifesto péchase cunha lista de esixencias, comezando pola demanda de que "a loita contra o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado". Pide que "o foco se poña na protección das afectadas, facilitando diferentes saídas que impliquen unha verdadeira recuperación vital, económica e social" e que "os medios de comunicación se comprometan a facer un tratamento adecuado das diferentes violencias machistas". E demanda a loita contra "todas as violencias machistas", incluíndo as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral e a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas.

A Plataforma Feminista Galega xestionou 560 prazas de tren para quen se queira achegar á Marcha contra as Violencias Machistas

Dende Galicia estase a organizar un grupo para a viaxe a Madrid. A Plataforma Feminista Galega xestionou 560 prazas de tren para quen se queira achegar á Marcha contra as Violencias Machistas. A viaxe sairá de Vigo e A Coruña ás 12 da noite do día 6 de novembro, facendo parada en Pontevedra, Vilagarcía, Compostela e Ourense con chegada a Madrid ás 8 horas do día 7. A volta de Madrid está prevista para o día 7 de novembro con saída ás 12 da noite e chegada ás 8 da mañá do día 8.

Mulleres asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex parellas © Instituto da Muller

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.