"A Xunta decide: A mina ou nós"

Manifestación en Xinzo contra o proxecto mineiro © Plataforma veciñal Corno do Monte

Centos de persoas volvéronse manifestar este sábado Xinzo contra o proxecto de instalación dunha mina de feldespatos na comarca. O 27 de cada mes é día de feira e é a xornada escollida para amosar o rexeitamento da comarca á mina. Foino o mes pasado e os responsables da plataforma veciñal Corno do Monte anuncian que o farán tamén o mes que vén.

A marcha contou con representación de todos os axentes sociais, culturais e políticos da bisbarra, así como o apoio da Rede Contra a Minaría destrutiva na Galiza ContraMINAacción e do Sindicato Labrego Galego. Algunhas das faixas e consignas máis repetidas foron “A mina ou nós”, “Na Limia non á Mina”, “Quen queira feldespatos que vaia a Castellón” ou “A Xunta decide: A mina ou nós”. Anunciouse que "non imos parar ata que na nosa zona non quede ningua posibilidade de minas de ningún tipo, xa que non chega con quitar este proxecto de agora, hai que cambiar a lei de minas e a do solo para que estas burradas non poidan pasar".

Na marcha tamén se informou dos resultados da xuntanza que un grupo de veciños mantivo coa subdirectora xeral de Minas. Os veciños rexeitaron algunhas das propostas que, segundo contan, lles fixeron: dende mercar terras noutras zonas ata optar polo regadío ou convivir coa mina a escasos metros das terras de cultivo: "todos a vivir de señoritos a Santiago, que eses non teñen problemas nin de regadio, nin de fincas, ni de impostos, nin da chuvia". Denuncian que "alguén que vai decidir sobre as nosas vidas non sabe nin onde estamos nin de que vivimos, 150 km ata Santiago marcan a diferencia entre os que contan e os que non importa o que pase con eles, porque para eles solo somos catro gatos". 

"Vós queredes que se coñeza A Limia polas suas minas ou polas suas patacas? O que prefira as patacas xa sabe onde ten que estar tódolos 27 de cada mes"

E concluíron: "vós queredes que se coñeza A Limia polas suas minas ou polas suas patacas? O que prefira as patacas xa sabe onde ten que estar tódolos 27 de cada mes, eiquí diante do museo do entroido. Se non loitamos agora, os nosos fillos non terán polo que loitar, xa teran a maleta feita. A decisión e vosa: ou perdemos todo o que temos, ou loitamos polo noso".

 

Manifestación en Xinzo contra o proxecto mineiro © Plataforma veciñal Corno do Monte
Manifestación en Xinzo contra o proxecto mineiro © Plataforma veciñal Corno do Monte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.