Algo máis de 24.000 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria non acudiron a clase este xoves. Foron, nomeadamente, 24.113 alumnas e alumnos, case a metade na provincia da Coruña, de 294 colexios e institutos, dos cales 17 "pecharon as súas portas", segundo informa a Consellería de Educación. Ningunha destas decisións sobre a suspensión ou non da actividade docente ou a respecto da apertura ou peche dos centros educativos partiu dunha orde da Xunta que, tras volver delegar en docentes e familias, se viu obrigada no segundo día de alerta meteorolóxica por nevaradas a saír ao paso das críticas por "trasladar as súas responsabilidades" e, sobre todo, pola suspensión parcial dos autobuses escolares, que o mércores realizaron percorridos só de ida e este xoves, só de volta.
A controvertida decisión sobre os buses -foi cuestionada dende a oposición parlamentaria, pero tamén dende sindicatos educativos como a CIG-Ensino e mais polas Anpas Galegas- foi xustificada pola Consellería de Educación e, case ao mesmo tempo, polo presidente da Xunta tras a reunións emanal do seu goberno. A suspensión, sinala o departamento que dirixe Román Rodríguez, decidiuna a Comisión Escolar de Alertas -formada por representantes de Educación, Emerxencias e Meteogalicia, todos dependentes da propia Xunta- e "o feito de facelo en franxas horarias débese á intención" de "facilitar a conciliación da vida escolar e familiar coa medida adoptada".
"É a primeira vez dende que se creou a comisión na que se dá a circunstancia de que o inicio do adverso meteorolóxico se atopa en metade do período lectivo", xustifica Educación, xa que "normalmente" o mal tempo comeza "antes" do inicio das clases. Por todo isto "garantiuse a prestación do servizo de transporte escolar nas franxas horarias nas que non existía risco" coa fin de "polo menos, poder facilitar aos pais unha conciliación parcial". A decisión foi adoptada "cunhas doce horas de antelación", agrega o comunicado oficial, para que "familias e comunidade educativa se poidan organizar co suficiente tempo posible".
Feijóo: "Se podemos levar pola mañá os fillos pero advertimos de que non os podemos levar pola tarde, os pais van decidir se teñen capacidade e autonomía para ir recollelos"
Nun sentido semellante se expresaba Alberto Núñez Feijóo. A intención do Goberno, explicou a preguntas da prensa, foi "compatibilizar" a alerta meteorolóxica "coa conciliación familiar e coas clases e iso non era fácil". Así, detalla, "se podemos levar pola mañá os fillos pero advertimos de que non os podemos levar pola tarde, os pais van decidir se teñen capacidade e autonomía para ir recollelos", indica ao tempo que lembra que só "un terzo" do estudantado é usuario do transporte escolar. En calquera caso, resolve, "fixemos o que nos plantexou a Comisión de Alertas", órgano que forman cargos da propia Xunta.
Feijóo defende, igualmente, que a Xunta non tome decisión ningunha sobre a suspensión das clases. "En Galicia as alertas antes tomábanse de forma xeneralizada", pero actualmente "Meteogalicia está dividindo o territorio en zonas climáticas" e por iso "seleccionamos". "Antes suspenderíamos en toda Galicia", pero "agora suspendemos clases nos lugares onde se considera oportuno e chamamos a atención" sobre que "na franxa horaria da mañá podemos levar os rapaces, pero na da tarde non podemos traelos". "Tentamos -resolve- actuar coa maior dilixencia".
O acontecido con esta alerta meteorolóxica e a xestión de clases e autobuses levou a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, a lembrar a súa demanda de que "se negocie un protocolo de actuación" para fenómenos meteorolóxicos adversos para que "non se traslade a responsabilidade ás direccións dos centros" sobre suspender ou non as clases. "É inaceptábel que ante un tema de seguridade a Consellería non asuma as súas responsabilidades", igual que "non é de recibo que se contemple transporte escolar só de ida e non de volta" e esa suspensión non traia consigo a suspensión da actividade docente.