A Xunta gastou no lume do Pindo 14 veces máis do que investira no espazo dende 2009

O Monte Pindo, despois do incendio © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Cando en setembro de 2013 ardeu o Monte Pindo, os colectivos sociais que levaban anos reivindicando a declaración do espazo como parque natural denunciaron de contado o abandono ao que o Goberno galego levaba anos sometendo ao lugar. "O Monte Pindo é o paradigma perfecto do lume iniciado por un chisqueiro pero alimentado por anos de desidia política sen precedentes; nunca antes se pedira con tanta insistencia e durante tanto tempo á Xunta que actuase sobre un espazo natural en concreto, e non se fixo absolutamente nada, o único que nos deron foi a espalda", sinalaba Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Nos días posteriores a ese incendio puxéronse tamén de relevo, ao igual que noutras zonas queimadas, os elevados custes xerados polos traballos de extinción e os necesarios labores de recuperación posterior, que sen dúbida implicaban un gasto público moi superior ás accións de prevención e coidado -non realizadas pola Xunta- e que poderían ter evitado a catástrofe.

O Goberno galego negouse durante máis dun ano a facilitar esta información e só accedeu a facelo despois de que a Asociación recorrerse á intermediación do Valedor do Pobo, que insistentemente lle recordou á Xunta a súa obriga de remitila

Pouco despois do incendio, en novembro de 2013, a Asociación Monte Pindo Parque Natural, solicitoulle oficialmente á Xunta que fixese públicos os gastos totais dos traballos de extinción e recuperación, e tamén os investimentos realizados no lugar dende a chegada de Alberto Núñez Feijoo ao poder. O Goberno galego negouse durante máis dun ano a facilitar esta información e só accedeu a facelo despois de que a Asociación recorrerse á intermediación do Valedor do Pobo, que insistentemente lle recordou á Xunta a súa obriga de remitir estes datos. En total, tres páxinas escasas cunha información moi xeral e con moito menor detalle do esixido.

En calquera caso, os datos oficiais revelados pola Xunta permiten establecer unhas conclusións que confirman as críticas e denuncias previas dos colectivos defensores do espazo. O Goberno galego gastou ao redor dun millón de euros na extinción e na recuperación do Monte Pindo. Desa cantidade 538.439 euros corresponden ao operativo público de extinción do lume, que "non serviron para salvar un só metro cadrado do espazo natural protexido, mais apenas para protexer do lume os núcleos que corrían perigo de desastre. Só a choiva e as barreiras naturais posibilitaron finalmente días despois o control do incendio", lembra a Asociación Monte Pindo. Outros 251.466 euros foron destinados ás empresas privadas que traballaron na extinción, nomeadamente Inaer Galicia S.L. e os seus medios aéreos e brigadas aerotransportadas.

O Goberno galego gastou ao redor dun millón de euros na extinción e na recuperación do Monte Pindo

A Asociación preguntou tamén polas medidas adoptadas posteriormente ao incendio. Porén, estas non aparecen desglosadas no informe. A entidade preguntaba concretamente polo custe do dispositivo de lanzamento de palla desde helicopteros, cualificado de "ridículo e insuficiente". A Xunta facilita unicamente o custe xenérico dunha "encomenda de xestión á empresa pública SEAGA" por valor de 553.651 euros, pero sen detallar cales foron esas actuacións nin onde se desenvolveron. A Asociación estudará "se a administración vulnera a legalidade ao negarnos este dato pois entendemos que a petición de información era moi clara".

Monte Pindo Parque Natural denuncia que a Xunta "non gastou un só euro en indemnizar ou resarcir de ningún xeito á veciñanza cuxas propiedades, vivendas e explotacións sufriron danos a consecuencia da acción directa do lume"

Monte Pindo Parque Natural denuncia que a Xunta "non gastou un só euro en indemnizar ou resarcir de ningún xeito á veciñanza cuxas propiedades, vivendas e explotacións sufriron danos a consecuencia da acción directa do lume". E lembra que o PP "negárase asi mesmo a tramitar a declaración de zona catastrófica e activar sendos planos especiais para a recuperación do espazo degradado e para o desenvolvemento socioeconómico da zona".

En canto aos investimentos realizados no espazo entre 2009 e 2013, a Xunta só confirma unha actuación: un desbroce de 74 hectáreas (o Monte Pindo ten preto de 2 mil) desenvolvido entre os anos 2010 e 2011, por valor de 79.065 euros.

A Xunta só confirma unha actuación entre 2009 e 2013: un desbroce de 74 hectáreas (o Monte Pindo ten preto de 2 mil), por valor de 79.065 euros

A Asociación conclúe que "a cadea dos acontecementos vén dar completamente a razón á veciñanza despois de 5 anos de loita e demostra que o Parque Natural si representaba e segue a representar unha solución para este espazopois obriga a dispoñer dun orzamento anual, planos de actuación, corpos de vixilancia e conservación e órgano de dirección". O PP votou en varias ocasións en contra da declaración do espazo como Parque Natural, a pesar de que esta declaración figuraba entre as súas promesas electorais nos comicios municipais entre 2003 e 2011.

Engaden que "non podemos cuantificar a priori o custo exacto de crear ese Parque Natural, pero sen dúbida ese millón de euros que a Xunta dilapidou improvisada e inutilmente serían máis que suficientes para declaralo e dotalo dunha estructura eficiente". "O abandono ao que a Xunta someteu o Olimpo Celta tantos anos si resultou ser un negocio absolutamente ruinoso desde o punto de vista económico, social e medioambiental", rematan.

"Non podemos cuantificar a priori o custo exacto de crear ese Parque Natural, pero sen dúbida ese millón de euros que a Xunta dilapidou improvisada e inutilmente serían máis que suficientes para declaralo e dotalo dunha estructura eficiente"

A Asociación Monte Pindo Parque Natural vai presentar unha denuncia contra varios altos cargos da Xunta de Galicia ante a Unión Europea "por ter permitido baixo a súa xestión a destrución case total dos valores naturais que xustificaron nos seu día a incorporación do espazo denominado LIC Carnota-Monte Pindo na Rede Natura 2000". "O PP debe asumir a súa responsabilidade política por ignorar durante 3 longos anos a quen lle alertaba do que finalmente pasaría, o que nunha sociedade avanzada suporía a dimisión ou o cese flagrante de todos os cargos políticos implicados, pero tamén e sobre todo deben aceptar a responsabilidade legal, pois o seu goberno é responsábel único e directo da xestión do Monte Pindo, e por tanto de todo o que pasa nel", din. 

Masa forestal perdida no Pindo e a súa contorna CC-BY-SA Praza Pública
O Monte Pindo, antes e despois do incencio © Asociación Monte Pindo Parque Natural
Carta remitida polo Valedor á Asociación Monte Pindo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.