O decreto 19/2016, polo que se aprobaba a oferta de emprego público de prazas de persoal funcionario e laboral da administración autonómica para o ano 2016, recollía a convocatoria de 188 prazas de persoal laboral no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF): 60 condutores de autobomba, 20 vixilantes fixos, 20 emisoristas, 44 peóns e 44 peóns condutores. Porén, un ano despois do seu anuncio -produto dun acordo entre a Xunta e os sindicatos- estas prazas non foron aínda convocadas, contribuíndo a incrementar a precariedade laboral que domina o dispositivo de loita contra o lume, que segundo as centrais sindicais afecta ao 40% do persoal.
CIG e CSIF esixen o cumprimento do acordo asinado en setembro de 2016 entre a Xunta e os sindicatos sobre os bombeiros forestais
Este mércores, o delegado da CIG en Medio rural en Pontevedra, Xesús Dorado, e o representante do CSIF, Juan Carlos Rivas, demandaron en rolda de prensa a convocatoria da Oferta Pública de Emprego correspondente ao 2016 como persoal laboral. Dorado esixiu o cumprimento do acordo asinado en setembro de 2016 entre a Xunta e os sindicatos sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade, onde se recollía explicitamente a redución da taxa de precariedade ou temporalidade, mediante as correspondentes ofertas públicas de emprego para prazas de persoal laboral, previo a calquera proceso de funcionarización que se puidera acometer neste ámbito.
Agora mesmo forman parte do dispositivo entre 1.800 e 1.900 traballadoras e traballadores, dos que preto de 800 non teñen a condición de fixos
Dorado reiterou, ademais, a denuncia do incumprimento por parte do Goberno galego das súas propias publicacións. O representante da CIG acusou a Xunta de "alimentar a precariedade na propia administración pública". Neste senso, lembrou que agora mesmo forman parte do dispositivo entre 1.800 e 1.900 traballadoras e traballadores, dos que preto de 800 non teñen a condición de fixos. De feito, moitos e moitas non traballan máis de tres meses en todo o ano, o que impide ademais que teñan dereito a cobrar unha prestación por desemprego. Outra parte importante deses 800 traballan un máximo de 9 meses, o que provoca, segundo Dorado, “unha enorme inseguridade laboral e desprotección”.
CIG e CSIF subliñan que "unha administración pública non pode permitir que parte do seu persoal estea nunha situación laboral como esta" e exixen a convocatoria desta OPE que posibilitaría "a progresiva conversión en persoal laboral fixo destes traballadores e traballadoras". Unha medida que non só melloraría as condicións laborais do persoal, senón que tamén "permitiría reforzar os labores de prevención durante os meses previos á tempada de alto risco", ao contar con persoal suficiente no dispositivo ao longo de todo o ano.
A convocatoria de prazas "permitiría reforzar os labores de prevención durante os meses previos á tempada de alto risco", ao contar con persoal suficiente no dispositivo ao longo de todo o ano
O persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) manifestarase este venres polas rúas de Santiago de Compostela (saída ás 10.30 horas da estación de autobuses) denunciando este incumprimento levado a cabo polo Goberno galego. A convocatoria da mobilización foi acordada na asemblea de traballadores e traballadoras que tivo lugar o pasado día 21 de xuño, unha xuntanza na que tamén se acordou unha recollida de sinaturas entre o persoal do SPDCIF, unhas sinaturas que serán presentadas no rexistro da Xunta coincidindo coa mobilización.