"A Xunta non se decata de que algúns nenos só comen en condicións no colexio"

Comedor nun colexio galego © CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)

O pasado marzo a Consellería de Educación decidía disparar o prezo dos comedores escolares nun 40,2%. En aras da omnipresente "austeridade" e "sostibilidade", a Xunta revolucionaba un sistema que ata daquela permitía que o 91,82% do alumnado xantase de balde no seu centro educativo público. Agora só se libran de pagar as que o Goberno considera "rendas baixas", familias cunha renda per cápita inferior a 7.000 euros anuais -por exemplo, unha parella cun fillo ou filla que non ingrese máis de 583 euros ao mes-. Se nunha familia de tres membros os dous adultos cobran pouco máis de 1.100 euros a factura chega aos 90 euros mensuais. Neste contexto, as asociacións de pais e nais e os sindicatos educativos inician o curso coas alarmas prendidas.

"Non se decatan de que hai nenos e nenas que a única comida en condicións que fan é no colexio", resume a presidenta de CONFAPA Galicia, Helena Gómez Vecino. En conversa con Praza Pública a responsables das ANPAS do ensino público explica que, en plena crise, a suba das tarifas supón un enorme obstáculo para moitas familias que, ademais, temen que "o seguinte recorte sexa no transporte escolar". Por que? Coas novas normas o alumnado usuario do transporte público xa non ten, automaticamente, comedor de balde. Polo tanto, se un neno ou nena vai en autobús ao colexio e a súa familia non é quen de pagar o comedor pódense dar situacións de "fame", di. "E diso a responsable subsidiaria é a Consellería", dado que se trata "de centros públicos".

"Quen vai atender os nenos e nenas que non comen no comedor pero levan un bocadillo da casa?"

Esta circunstancia tamén é censurada dende o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG). "O transporte e o comedor sempre foron unidos", lembra José Cabezudo, quen se pregunta "que vai pasar agora" especialmente no rural, onde o uso do comedor é "obrigatorio" a efectos prácticos. "Imos ter nenos da mesma clase que comen e outros que non comen porque non poden pagar? Quen atende os nenos e nenas que non comen no comedor pero levan un bocadillo da casa?". Estas preguntas, sinalan dende a central sindical, fóronlle formuladas directamente ao departamento que dirixe Jesús Vázquez sen que, a piques de comezar o curso, tivesen aínda resposta.

Todas estas circunstancias, unidas a outros incrementos de gasto como na compra de libros de texto, son a mostra do que o secretario nacional da CIG Ensino, Anxo Louzao, define como unha "política educativa alicerzada nos recortes aos servizos públicos e que repercute grandemente sobre as clases populares". O curso 2013-2014, sinala, é o do "encarecemento do gasto escolar", ata o punto de que xa é posible afirmar que "a gratuidade do ensino xa non se dá nin nos niveis obrigatorios". No caso dos comedores, subliña, a fin da gratuidade para "o alumnado transportado" é a mellor mostra da dirección política dun Goberno que ademais, censura, subiu os prezos "de maneira desorbitada".

Pais e nais atendendo o comedor por "cursos de formación"

A suba dos prezos non é o único que preocupa ás familias no ámbito dos comedores escolares. Tampouco é cuestión menor o feito de que a Xunta asegure que vai asumir a xestión de boa parte destes servizos mentres, ao tempo, afoga o financiamento dos comedores que xestionan directamente as ANPAS. Os comedores das ANPAS, di Gómez Vecino, sáenlles ás familias por "uns 80 euros ao mes" mentres que os da Xunta chegan aos 90. "Saen máis baratos" e ademais, explica, están "atendidos por monitores e monitoras que están asegurados" polo seu traballo".

"Ás ANPAS obrígannos a ter todo en regra e a Xunta, coma sempre, é a primeira en incumprir"

A Xunta, pola contra, "non ten monitores" senón que "pon a pais e nais" a atender o comedor "e nin lles fan contrato nin os asegura". Simplemente "págalles seis euros ao día e a tres meses vista". Pero "na transferencia" bancaria que reciben estas persoas os cartos non figuran como o pagamento por atender o comedor, senón "como cursos de formación". "A nós obrígannos a ter todo en regra e eles, coma sempre, son os primeiros en incumprir". E mentres todo isto acontece, lamenta, "seguen concertando con centros que segregan por sexo, incumprindo a sentenza do TSXG". Os cartos que reciben estes centros cada ano, arredor de 3 millóns de euros, servirían para pagar 650.000 menús escolares.

Comedor nun colexio galego © CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.