Este xoves a Xunta aprobou o novo Plan Igualdade do Goberno galego, obrigado por lei, coa loita contra a violencia de xénero como eixo principal. Porén, o plan non inclúe medida ningunha contra a segregación por sexo nos centros de ensino, nin a Xunta ten previsto deixar de subvencionar os colexios privados segregadores. Afirmouno Alberto Núñez Feijoo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta: "A consellería ten decidido proseguir co que temos feito na Xunta dende sempre, que é non facer ningún tipo de diminución da liberdade dos pais cando decidan a que colexios envían os seus fillos".
Os dous deputados de AGE fixeron fincapé nos 237 millóns de euros cos que a Xunta subvencionará o ensino privado e concertado
Tamén este xoves AGE anunciou a presentacións de dúas proposicións non de lei no Parlamento relativas ao financiamento público dos centros de ensino privados e ao pago de cartos públicos para o sostemento das clases de Relixión. A formación insta a Xunta de Galicia a suspender progresivamente os concertos educativos con centros privados reservando os recursos detraídos para o mantemento da rede pública de centros, e que os cartos destinados a relixión se destinen a convocar ofertas públicas de emprego. En definitiva, as dúas propostas buscan defender o carácter público e laico do ensino.
Os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez denunciaron neste senso "a situación de emerxencia na que se atopa o ensino público" e salientaron a “salvaxe redución de 149 millóns de euros” nos Orzamentos, “unha auténtica asfixia e colapso do sistema educativo público que se produce cada ano de xeito sucesivo”. En contraposición, os dous deputados de AGE fixeron fincapé nos 237 millóns de euros cos que a Xunta subvencionará o ensino privado e concertado.
Ramón Vázquez denunciou que “o modelo educativo que sustenta o Goberno do PP caracterízase pola hexemonía dos centros privados e concertados que copan as zonas máis céntricas das cidades e pon cada vez máis atrancos ás escolas no rural”
Neste senso Ramón Vázquez denunciou que “o modelo educativo que sustenta o Goberno do PP caracterízase pola hexemonía dos centros privados e concertados que copan as zonas máis céntricas das cidades e pon cada vez máis atrancos ás escolas no rural”. Vázquez engadiu que nos últimos catro anos pecharon 322 aulas en escolas de toda Galicia e 46 centros de ensino público, mentres que se realizaron 27 novos concertos educativos con centros privados.
Os deputados de AGE criticaron tamén a partida orzamentaria de 27 millóns de euros para o pago ao profesorado de relixión. Vázquez denunciou que “o trato privilexiado e preferencial que recibe a relixión católica e o seu tratamento no ensino público, constitúen unha desviación do marco constitucional e estatutario, polo que debe ser abordado de xeito urxente”.