A Xunta sementa dúbidas sobre Corcoesto ao non aclarar ao Valedor se a DIA segue vixente

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

A Xunta respondeu por fin, e logo de inxustificados atrasos, aos requirimentos que o Valedor do Pobo lle fixo sobre a validez ou non da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto mineiro de Corcoesto que foi cancelado. Pero nada aclarou. A Consellería de Economía e Industria limitouse a enviar os motivos da resolución de suspensión que lle fora comunicada á empresa Edgewater, pero "sen aclarar oficialmente se a devandita anulación implica ou non o decaemento da tramitación ambiental".

A Xunta, logo de varios atrasos, limitouse a informar dos motivos da cancelación do proxecto sen aclarar se a DIA está vixente

Así o asegura a plataforma Salvemos Cabana, que foi informada polo propio Valedor desta resposta da Xunta que non resolve a dúbida que todos os colectivos contrarios á mina de Corcoesto teñen desde que o Executivo anunciou a cancelación definitiva do proxecto: Segue a DIA, que ten cinco anos de vixencia, en vigor? Edgewater asegurou hai tan só dúas semanas que xa negocia cun socio para relanzar o proxecto mineiro e lembrou que o Goberno galego, "logo de recentes consultas", confirmoulle que a tramitación ambiental "ten validez durante cinco anos, ata decembro de 2017". Incluso o alcalde de Cabana de Bergantiños, onde se asentaría a maioría da mina a ceo aberto, manifestara queu a paralización da iniciativa "só é o punto de arranque dun novo proxecto". A "falta de transparencia" e opacidade da Administración autonómica continúa a sementar dúbidas sobre o futuro da mina a ceo aberto.

Agora, e tal e como sinala o escrito remitido polo Valedor a Salvemos Cabana, no informe da Xunta tan só "se resolve a denegación da aprobación do proxecto ante a insuficiente acreditación da solvencia económica e técnica do solicitante", sinalando que esta decisión deuse "en aplicación da lexislación sectorial vixente e co apoio expreso dun informe da asesoría xurídica da Xunta de Galicia e outro do IGAPE, este último relativo aos aspectos técnicos". Nada se di na DIA e, polo tanto, de se a chegada dun novo proxecto mineiro só depende da súa capacidade financeira.

A opacidade da Xunta arredor da DIA sementa dúbidas sobre un posible relanzamento da mina a ceo aberto

A Oficina do Valedor considera que a Xunta non ten a obriga de aclarar se a DIA segue en vigor na resolución enviada á empresa mineira "pois ese tema non forma parte do resolto de forma congruente co solicitado". Non obstante, o Alto Comisionado fai patente que mantén o criterio xurídico ao respecto feito público en outubro de 2013, cando sinalou que "dado o rexeitamento global do proxecto, este ten como consecuencia que decaian todos os actos de trámite deste, entre eles a avaliación ambiental" pois "non resulta aplicable o previsto para a posible caducidade das declaracións, posto que a pervivencia durante un prazo prevese para os casos en que se deu a autorización ou aprobación do proxecto e este non comezase a executarse (art.14 do Real Decreto Lexislativo 1/2008)" o que ademais foi reiterado esta semana no informe anual da institución.

Xa que logo, o Valedor considera que a DIA non está vixente en ningún caso porque estaría vinculada unicamente ao proxecto. No caso de que outra empresa apostase por unha mina a ceo aberto, tería que empezar de cero. Malia todo, a Xunta segue sen aclarar se iso é así.

O Valedor segue a considerar que a DIA non está vixente, pero a Xunta non llo aclara

Ante esta situación, Salvemos Cabana "lamenta unha vez máis a opacidade da Consellería de Economía e Industria en todo o que rodeou dende o principio ao proxecto mineiro de Corcoesto e as trabas impostas para acceder ao expediente". Ademais, advirte que estudará "todas as vías legais ao seu alcance para que se fagan valer os seus dereitos e a poboación poida estar informada sobre un tema de primeira orde debido ás súas numerosas implicacións socioambientais non só na comarca de Bergantiños, senón a nivel galego".

"As actuais autoridades da Xunta parecen obviar que, tal como sinala a Lei 19/2013, a transparencia, o acceso á información pública, e as normas do bo goberno deben de ser os eixos fundamentais de toda acción política", insiste a plataforma, que lembra que "os países con maiores niveis en materia de transparencia e normas de bo goberno contan con institucións máis fortes, que favorecen o crecemento económico e social e permiten unha mellor fiscalización da actividade pública, o que contribué á necesaria rexeneración democrática e promove a eficiencia e eficacia do Estado".

O Valedor, nun acto público recente © Xunta
Pintada nun sinal de tráfico contra a mina de Corcoesto © Corcoesto Si

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.