A xustiza absolve a Nicanor Acosta tras ser multado por intentar parar un desaloxo

Nicanor Acosta, nunha concentración © Antía García Sendón

A xustiza decidiu absolver Nicanor Acosta, coñecido activista coruñés de 76 anos, da sanción de 600 euros que lle fora imposta pola Subdelegación do Goberno por "provocar reaccións que alteran a orde pública" durante a protesta que intentou deter o desafiuzamento da anciá Aurelia Rey en febreiro de 2013. Logo de recorrer a multa e de comparecer no xulgado do contencioso administrativo número 4 o pasado 13 de outubro, ao home foille retirada esta sanción, unha das varias que acumula por participar en diferentes mobilizacións. 

A xustiza absolve a Nicanor Acosta, que fora sancionado con 600 euros pola Subdelegación do Goberno por mobilizarse contra o desafiuzamento de Aurelia Rey

Nicanor Acosta é un coñecido activista da Coruña, presente en todas as manifestacións, concentracións e loitas sociais da cidade. Sempre co seu megáfono, lanzando proclamas ou cedéndoo para que outros se expresen. Comprometido politicamente cos máis desfavorecidos desde a ditadura, mantén ese compromiso e colabora con múltiples colectivos, desde Stop Desafiuzamentos ata as plataformas dos preferentistas ou a Marea Atlántica, cuxa lista electoral integrou nas pasadas eleccións municipais. É, ademais, Republicano de Honra de 2015, galardón concedido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. Este mesmo sábado será o encargado de ler o manifesto final na mobilización das Marchas da Dignidade en Compostela

O pasado día 13, con motivo da súa comparecencia ante a xuíza, membros de Stop Desafiuzamentos da Coruña e de Ferrolterra, representantes das plataformas de preferentistas e numerosos veciños participaron nunha protesta á que acudiron tamén tres concelleiros do goberno local da Coruña da Marea Atlántica (Rocío Fraga, Daniel Díaz e María García), a edil do BNG, Avia Veira; o ex concelleiro de EU, César Santiso; os deputados de AGE, Yolanda Díaz e Antón Sánchez; a responsable local de Podemos, Isabel Faraldo; ou o bombeiro Roberto Rivas, que se negara a facilitar o desaloxo de Aurelia Rey na mesma acción e que tamén fora sancionado por "provocar reaccións" na cidadanía presente.

A absolución de Nicanor Acosta contrasta coa sanción a Roberto Rivas, multado coa mesma cantidade e polo mesmo cargo

Durante a vista, Acosta explicou á xuíza que naquel febreiro de 2013 "sinxelamente ía relatando o que pasaba co megáfono". Xa á saída da comparecencia, asegurou que "os desafiuzamentos non teñen sentido, e menos o dunha anciá". Xa daquela dicía "confiar na xustiza" e prometeu seguir na loita social. "Ata o final da miña vida dedicareime a que se faga xustiza", insistiu

Nesta ocasión, o recurso si foi aceptado. Non foi así no caso do bombeiro Roberto Rivas, ao considerar a xuíza probado que a súa actuación "produciu unha alteración da orde pública" e condenalo a pagar 600 euros de multa a este activista, que acusou a policía de cambiar a versión dos feitos, tal e como recoñeceu o xulgado no caso do deputado Francisco Jorquera, que non foi sancionado.

Nicanor Acosta, nunha mobilización © Antía García Sendón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.