Abel Caballero e as asociacións veciñais: relación 'complicada'

Abel Caballero, en rolda de prensa © Concello de Vigo

"O movemento veciñal en Vigo sempre foi dos máis activos e fortes de Galicia e de todo o Estado, e nestes momentos o movementos non se atopa na súa mellor situación. E Caballero quere aproveitar esa debilidade para facerse co control das asociacións. Nese obxectivo nós somos o inimigo a bater. Este só convoca as asociacións que lle rin as grazas. Iso cos sindicatos non se atreve a facelo". Así falaba hai case un ano en entrevista con Praza Anxo Iglesias, secretario da Asociación de Veciños de Teis. Iglesias facía estas declaracións no marco do conflito creado polo alcalde de Vigo tras decicir a privatización da xestión do Centro Cívico do barrio. Era o enésimo enfrontamento da lexislatura entre o Goberno municipal vigués e asociacións e grupo veciñais, enfrontamentos que continuaron nos meses seguintes.

En paralelo, cinco das entidades que formaban parte da Federación Veciñal (Valadares, Beade, Fonte do Galo, A Miñoca e San Gregorio) abandonaron a plataforma nos últimos meses, recibindo xestos de apoio do propio alcalde. Un capítulo máis dunha guerra que incluíu a filtración á prensa de supostas irregularidades, acusacións de denegación de subvencións municipais ás que as asociacións veciñais terían dereito, concentracións e protestas nos pleno.

Este mércores a Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (FAVEC), que nestes momentos reúne 29 asociacións, presentou no xulgado unha denuncia contra Abel Caballero, contra o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Rodríguez, e contra o xefe de servizo desta concellaría, acusándoos de "ningunear" a Federación, "vetala" e tratar de "afogala economicamente". Sinala que o Concello leva tempo bloqueando fondos que lles pertencen e que están previstos nos orzamentos municipais, ao redor de 70 mil euros correspodentes a 2013 e outros 98 mil de 2014.

A presidenta da Favec, María Pérez acusou a Caballero de actuar contra a Federación como "represalia" pola actitude crítica da entidade en relación con varias decisións do seu Goberno

A presidenta da FAVEC, María Pérez acusou a Caballero de actuar contra a Federación como "represalia" pola actitude crítica da entidade en relación con varias decisións do seu Goberno. Ademais, a propia María Pérez é testemuña noutro proceso aberto contra membros do Goberno local, pola suposta contratación irregular dunha cuñada de Carmela Silva, brazo dereito de Caballero.

Carmela Silva ten outras frontes abertas, a nivel persoal, con colectivos veciñais da cidade. Hai unhas semanas a tenente de alcalde chamoulles "nazis" aos opositores da colocación do barco Bernardo Alfageme na rotonda de Coia, acusándoos ademais de impoñer a súa opinión ”exercendo a violencia”. A Asemblea Aberta de Coia vén de anunciar, este mesmo xoves, que presentará unha denuncia penal colectiva contra Silva "pola comisión dun delito de inxurias e calumnias contra as integrantes do noso movemento".

A Asemblea Aberta de Coia presentará unha denuncia penal colectiva contra Silva "pola comisión dun delito de inxurias e calumnias contra as integrantes do noso movemento"

"Parécenos intolerable que unha representante da cidadanía, cun cargo como o de Tenente de Alcalde, fale neses termos de persoas que non fan máis que denunciar a ineficacia e insuficiencia da política social do Concello. A chamada loita da rotonda foi dende un principio e até o de agora un movemento reivindicativo pacífico e comunitario, no que diversas xentes do barrio de Coia e da cidade, intentamos visualizar a situación de precariedade e empobrecemento no que vive unha importante parte da cidadanía", destacan.

Abel Caballero, en rolda de prensa © Concello de Vigo
Concentración ante o Concello de Vigo © ODS-Coia
Mobilización dos e das veciñas de Teis ante o Concello © AA.VV. de Teis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.