Absolta unha xornalista acusada de chamar 'tránsfuga' a un tránsfuga do PSOE en Ourense

Encabezamento da información publicada en El País en 2013 © Praza Pública

O Xulgado do Penal Nº 1 de Ourense vén de decidir a absolución da xornalista Cristina Huete, denunciada por calumnias e inxurias graves con publicidade por referirse ao denunciante -Francisco Cougil- como "tránsfuga do PSOE" nunha información publicada en 2013. A xuíza concluíu que a mención ao seu carácter de tránsfuga é “un feito de carácter obxectivo” e non ten "carácter ofensivo ou insultante” como para dirimirse pola vía penal.

Escribir nun medio de comunicación, relatar a realidade, pode levar aparellados riscos persoais, sobre todo cando se tratan temas sensibles coma a corrupción. Mesmo cando o único que se fai é constatar feitos obxectivo. En abril de 2013 a xornalista Cristina Huete publicou en El País unha información sobre a colección de coches antigos que posúe o ex presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar Pumar. No texto, El tesoro del cacique Baltar, explicábase que o xa retirado político gardaba en dúas naves en Esgos un cento de vehículos de diferentes marcas e gran valor, a maior parte ao seu nome e algún a nome dunha serie de colaboradores. 

Foi a mención a un destes colaboradores o que lle trouxo problemas a Huete. Na información detallaba que un dos vehículos figuraba legalmente como propiedade de Francisco Cougil, ex edil do PSOE no Concello de Ourense, que abandonou a formación socialista na metade da lexislatura 1999-2003, presentándose posteriormente aos comicios cunha marca independente que lle restou votos ao PSOE e, finalmente, sendo contratado pola Deputación Provincial presidida por Baltar. A información refírese a Cougil como "un tránsfuga del PSOE", e foi esta mención vinculada á contratación de Cougil na Deputación e á propiedade do vehículo  o que motivou a denuncia á xornalista por calumnias e inxurias graves con publicidade ante o Xulgado do Penal.

A denuncia puido ser desestimada con rapidez. Porén, o xuíz decano de Ourense, Leonardo Álvarez, decidiu a apertura de xuízo oral, a pesar da oposición da Fiscalía

A denuncia puido ser desestimada con rapidez. Porén, o xuíz decano de Ourense, Leonardo Álvarez, decidiu a apertura de xuízo oral, a pesar da oposición da Fiscalía. Agora o Xulgado do Penal Nº 1 de Ourense vén de decidir a absolución de Huete, subliñando na sentenza que a xornalista recolle na información “un feito de carácter obxectivo” (a condición de tránsfuga), polo que “non supón a atribución de ningún feito delitivo, nin ten un carácter ofensivo ou insultante”. Igualmente, a maxistrada di que o feito de que a xornalista diga que Cougil foi contratado pola Deputación "non supón a atribución de ningún feito delictivo, nin ten un carácter ofensivo ou insultante", o mesmo que o feito de atribuirlle a propiedade dun vehículo. A maxistrada salienta ademais que “o Tribunal Constitucional ten declarado reiteradamente que o recoñecemento constitucional das liberdades de expresión e de información modificou profundamente o xeito de afrontar o axuizamento dos delitos contra o honor naqueles supostos nos que a conduta a considerar teña sido realizada en exercicio de ditas liberdades”. E rexeita finalmente que algún dato erróneo ou inexacto no artigo fose, por si mesmo, susceptible de reproche penal.

O CPXG sinala que "a alternativa penal, como instrumento coercitivo contra xornalistas ten que ser inadmisible en democracia porque representa un perigo real para o desenvolvemento do dereito fundamental á información"

A xuíza tamén se refire á vía escollida para realizar a denuncia -penal- e sinala que a xurisdición civil, se o denunciante o considera oportuno, é a máis axeitada para o caso. Neste senso, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) valora satisfactoriamente o ditame, mais ao mesmo tempo destaca a súa "fonda preocupación polo uso que se fai da vía penal desde o ámbito político para intimidar a xornalistas, limitar o exercicio da liberdade de expresión e, por tanto, poñer en risco o dereito á información". O Colexio considera "alarmante" que "a pesar da ampla xurisprudencia existente haxa aínda xuíces que dean cobertura a iniciativas que perseguen fins claramente antidemocráticos". E conclúe que "a alternativa penal, como instrumento coercitivo contra xornalistas ten que ser inadmisible en democracia porque representa un perigo real para o desenvolvemento do dereito fundamental á información".

 

Encabezamento da información publicada en El País en 2013 © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.