"Ademais das penais, hai responsabilidades políticas. E deben dar explicacións no Congreso"

Protesta das vítimas na Praza do Obradoiro © Plataforma de vítimas do Alvia

A Plataforma Víctimas Alvia 04155, que agrupa a máis de 150 vítimas directas (e os seus familiares) do accidente que no verán de 2013 acabou coa vida de 81 persoas en Angrois, entregará este martes no Congreso as máis de 115 mil sinaturas que nos últimos meses recolleu a través de change.org en demanda dunha comisión parlamentaria de investigación sobre o sinistro. A entidade considera que aínda non foron aclaradas e explicadas suficientemente varias das causas da traxedia, e que tampouco se asumiron as responsabilidades políticas esixibles, comezando polos presidentes das empresas públicas implicadas directamente, ADIF e RENFE. Poucos días despois do accidente PP, PSOE, CiU e PNV puxéronse de acordo para impedir a creación desta comisión no Congreso dos Deputados.

No acto, representantes da plataforma lerán un manifesto no que, ademais da demandar a creación da Comisión de Investigación, esixirán que se "depuren responsabilidades políticas do Goberno actual do PP e do Goberno anterior do PSOE". A entidade subliña que ano e medio despois do sinistro "tras coñecerse informes periciais que demostran neglixencias, falta de avaliación de riscos, asunción de riscos intolerables e enganos, aínda no se deu ningunha explicación convincente das causas por parte dos responsables políticos, nin se produciu ningunha dimisión nin cese de quen estaban e están á fronte do Ministerio de Fomento nin de ADIF e RENFE".

Jesús Domínguez, un dos voceiros da plataforma, explica que "entendemos que ademais das responsabilidades xudiciais, que as hai e que tardarán en resolverse, hai tamén responsabilidades políticas, porque falamos de empresas públicas". Para a plataforma de vítimas, a reclamada comisión de investigación "acada aínda máis relevancia polos informes periciais que acabamos de coñecer, sobre todo o de César Mariñas, o perito independente que ningúen puxo en cuestión". "Eses informes deixan claro que ADIF non fixo ben o seu traballo e que a súa actuación e o feito de ter ignorado as advertencias puxo en risco as vidas dos pasaxeiros", sinalan

Lerán un manifesto no que, ademais da demandar a creación da Comisión de Investigación, esixirán que se "depuren responsabilidades políticas do Goberno actual do PP e do Goberno anterior do PSOE"

Recentemente, os informes dos peritos encargados de estudar o accidente sinalaron que ADIF non analizou suficientemente as condicións das vías e o risco que implicaba un exceso de velocidade na curva da Grandeira. O maquinista foi sinalado pola xustiza como o único responsable do sinistro, de xeito que unha ducia de antigos directivos de ADIF imputados en primeiro termo foron eximidos da súa responsabilidade, pois as irregularidades da vía e do trazado non supuñan o incumprimento de norma ningunha. Porén, os recentes informes periciais volverían sinalar á xestora de infraestruturas. Polo tanto, no accidente tería intervido non só o exceso de velocidade, senón outras circunstancias, coma a modificación do proxecto inicial, a desconexión do ERTMS, a falta de sinalización na curva ou a falta de análise de risco.

No accidente tería intervido non só o exceso de velocidade, senón outras circunstancias, coma a modificación do proxecto inicial, a desconexión do ERTMS, a falta de sinalización na curva ou a falta de análise de risco

Para Jesús Domínguez, os informes periciais confirman "as mentiras sobre a alta velocidade que nos quixeron vender". "Hai claras responsabilidades políticas, ademais das penais, que pode habelas ou non" -subliña- "e debe ser no Congreso dos Deputados, con luz e taquígrafos, onde se deben dar as explicacións".

Os informes periciais permítenlles ás vítimas e aos seus familiares ser "algo máis optimistas", afirma. "Pero temos que nos enfrontar a dificultades moi grandes: pelexamos contra todo o aparato do Estado" -di- "Falamos de Fomento, de Renfe, da Alta Velocidade..., é un tema que claramente non queren que se toque. PP e PSOE teñen un acordo tácito para non facelo". "Témolo difícil", conclúe. 

A Plataforma dirixiu unha carta pública á Fiscalía encargada do caso, sinalando que "faltan probas e testemuñas cruciais do accidente do AVE Ourense-Santiago que o fiscal debe esixir antes de falar de reparación". Denuncian a este respecto as dificultades e obstáculos que veu atopando para atopar información ou afondar nas investigacións, unhas dificultades que mesmo foron cuestionadas por un senador norteamericano a instancias dunha das vítimas. De igual xeito, critican que varias das persoas que sinalan como responsables non só non foron castigadas, senón que polo contrario foron "premiadas" con novos cargos ou con ascensos, coma no caso de José Blanco (ministro de Fomento no momento da inauguración da liña e hoxe eurodeputado), Rafael Catalá (daquela secretario de Estado de Infraestruturas e hoxe ministro de Xustiza) ou Julio Gómez-Pomar (antigo presidente de Renfe e agora secretario de Estado de Infraestruturas).

O 24 de xullo poderá verse un adianto do documental Frankenstein-04155

Ademais, nos últimos meses a plataforma levou a cabo unha campaña de crowdfunding para conseguir financiamento para elaborar e difundir un documental e un libro sobre o accidente, baixo o títulos de Frankenstein-04155. En total, recadaron máis de 50 mil euros, que permitirán que o filme se poida ver despois do verán. Antes, o 24 de xullo, e coincidindo co segundo aniversario da traxedia, amosarase un adianto. A plataforma quere que o documental participe en festivais internacionais e teña difusión nas semanas previas ás eleccións xerais.

Protesta das vítimas na Praza do Obradoiro © Plataforma de vítimas do Alvia
Rajoy, en San Caetano tras o accidente do Alvia © Xoán Crespo
A plataforma desenvolveu varias campañas de difusión nas redes sociais © Plataforma de vítimas do Alvia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.