AGE e BNG levan ao Parlamento a nova ameaza megamineira na Costa da Morte

Área de exploración mineira 'Isabela II' © Salvemos Cabana

AGE e BNG levan ao Parlamento os seus temores sobre a nova ameaza megamineira na Costa da Morte. Alternativa vén de presentar unha pregunta á Cámara na que solicita á Xunta que tipo de información ten sobre o proxecto do Grupo M-FM 2001, cuxa solicitude de investigación sobre máis de 4.300 hectáreas foi admitida pola Consellería de Economía e Industria. O Bloque, pola súa banda, presentou diversas iniciativas nas que reclama a paralización deste proxecto Isabela II, así como o de novas autorizacións de investigación de proxectos de megaminería en Galicia.

AGE e BNG levan ao Parlamento os seus temores sobre o novo proxecto megamineiro e piden que se paralicen estas iniciativas

Na súa reclamación, AGE advirte que a mesma empresa -que prevé investir máis de medio millón de euros na primeira exploración- ten aínda pendente outra solicitude de exploración (Livia) que aumentaría nunhas 4.500 hectáreas máis o espazo onde procurar ouro e que se inclúe dentro dun proxecto máis amplo (Zas-Santa Comba). 

O BNG, pola súa banda, lembra a "forte contestación social" que xa espertaron en Galicia outros proxectos semellantes como o de Corcoesto e advirten na proposición non de lei de que, tal e como aseguran os expertos, a nova iniciativa megamineira requiriría o uso de cianuro e a construción dunha planta de tratamento. O voceiro parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, rexeita que se reactive un modelo “esquilmador dos nosos recursos, do noso territorio e da nosa riqueza natural, que destrúe máis postos de traballo dos que crea, e que fai que os beneficios emigran e os custos se internalicen".

O administrador do proxecto xa fora condenado por grave delito medioambiental e a súa empresa abonou máis de 1 millón de euros entre multa e indemnización

 

Un administrador xa condenado por delito medioambiental

"A minería de ouro ten unha clara compoñente especulativa e a súa viabilidade está exclusivamente condicionada pola cotización do metal nos mercados internacionais de capitais", indica Jorquera. Tanto AGE como BNG advirten tamén da solicitude por parte dunha empresa que recibiu subvencións de centos de miles de euros por parte do Estado e cuxo administrador único, Antonio Miranda, foi dono de Tico, compañía condenada por un grave delito medioambiental en Madrid, sancionada con 280.000 euros e que tivera que pagar 830.000 euros en concepto de indemnización.

Tivo que asumir a compañía máis de 1 millón de euros entre sanción e indemnización logo de que extraese áridos ilegalmente nun municipio madrileño e sen contar coa preceptiva declaración de impacto ambiental. Afectou unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) entre dous ríos e unha zona que tamén é Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). A superficie afectada foi de 29.000 metros cadrados e o recurso da empresa mineira foi desestimado hai ano e medio polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. Antonio Miranda, administrador úico de M-FM 2001, está vinculado a construtoras, inmobiliarias e empresas extractivas.

Salvemos Cabana lembra que un trámite semellante deu inicio ao proxecto de Corcoesto

Desde a plataforma Salvemos Cabana, e ante as voces que aseguran que este trámite non supón aínda risco ningún, lembran que o proxecto de Corcoesto "tamén comezou cunha etapa de exploración" pero na fase de explotación que lle seguiu "prevía a utilización anual de inmensas cantidades de reactivos, empregando 546.000 quilos de cianuro de sodio, 798.000 de sosa caústica ou 357.000 de ácido clorhídrico, xerando un inxente volume de residuos tóxicos, de 100.000 toneladas por exercicio durante o desenvolvemento dos labores mineiros, calculado en 8,1 anos".

Ademais, o colectivo lembra que durante esta lexislatura "a oposición á megaminería do ouro e os seus efectos foi unánime en todos os grupos da Cámara a excepción do PP". "Tanto AGE como PSdG e BNG mostraron o seu rexeitamento ao proxecto da mina de ouro de Corcoesto polos impactos ambientais e sociais que este puidese carrexar", conclúe. 

Protesta contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA BNG
Área de exploración mineira 'Isabela II' © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.