Almuíña nega que houbese atraso ningún no subministo de tratamentos contra a hepatite C

Vázquez Almuíña, durante a entrevista na RG Dominio Público @GxDRadioGalega

Nin un reproche, gabanza dos investigados e algunha recriminación ao tratamento das novas sobre o caso. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, seguiu a liña do presidente Núñez Feijóo e defendeu o labor dos dous altos cargos do Sergas investigados agora por un posible delito de homicidio imprudente -ademais de polo de prevaricación tras o auto da Audiencia Provincial da Coruña- no caso dos falecidos pola hepatite C en Galicia. 

Almuíña cualifica os dous altos cargos investigados de "excelentes profesionais" e cre que "apartalos sería un demérito para o Sergas"

Nunha entrevista na Radio Galega, Almuíña asegurou que Félix Rubial, que fora director xeral de Asitencia Sanitaria do Sergas e actual xerente da área sanitaria de Vigo, e Carolina Gómez-Criado, subdirectora xeral de Farmacia, son "excelentes profesionais". Preguntado sobre se comprería afastalos dos seus postos mentres discorre o proceso xudicial, o titular de Sanidade aclarou que "evidentemente" na Consellería non se pensa nesa posibilidade porque "apartalos sería un demérito para o servizo sanitario galego". 

De feito, Almuíña engadiu que o que fixeron os dous altos cargos investigados xunto a outros do Sergas foi "analizar", antes de que o plan estatal establecese os criterios, se eses tratamentos podían ser subministrados porque podía ser que "se complicara a enfermidade ao haber fármacos novos que podían ser prexudiciais". "Analizaban se os doentes se ían beneficiar co tratamento e o que fixeron fixérono ben porque máis de mil doentes foron tratados", insistiu. 

"O proceso foi transparente; demostramos no seu momento que non houbo atraso", asegura o conselleiro

Malia que médicos impulsores da denuncia e familiares de enfermos chegaron a falar de oito meses de atraso na subministración dos medicamentos, Almuíña insiste en que "o proceso foi transparente" e que a Administración "demostrou no seu momento que non houbo atraso". "De feito, a Audiencia da Coruña no seu auto di que non hai causa médica directa que diga que en caso de atraso isto conduciría á morte", asegurou o titular de Sanidade, que lembrou que "houbo mortes antes dos tratamentos, durante aquel períodos e non período actual".  

 O titular de Sanidade cre que o caso da hepatite C é "o paradigmático de como as informacións non chegan á rúa como deben chegar"

"Negamos a maior, non houbo atraso en ningún momento", engadiu Almuíña, que, ao igual que fixera Feijóo, volveu aludir ao tratamento que do caso se está a dar nas diferentes informacións. "O caso da hepatite c é o caso paradigmático de que as informacións non chegan á rúa como teñen que chegar", asegurou o titular dunha consellería que vén sendo reticente a facilitar datos ao respecto. 

O pasado xoves, Feijóo declarárase "sorprendido" de que o auto que imputa os dous cargos do Sergas por posible homicidio "se interprete de forma negativa cara aos investigados" e chegou a "suxerir" a quen teña interese que lese a resolución xudicial. "Pido a todo o mundo que sexamos coherentes ao avaliar os autos e gustaríame que antes de facelo a xente os lera con atención; é a única orma de non ser inxustos fronte a persoas que están a ser investigadas", comentou quen considera que os dous acusados pola Fiscalía "cumpriron co seu traballo". 

Vázquez Almuíña, durante a entrevista na RG Dominio Público @GxDRadioGalega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.