Milladoiro acolleu este venres a segunda xornada da campaña de difusión "Preparando Ames para un futuro sen petróleo", realizado pola asociación Ames Pospetróleo en colaboración co Concello. Hai dúas semanas Bertamiráns acollera un primeiro evento, que serviu como presentación da propia asociación.
Na cita que tivo lugar este venres na Casa de Cultura do Milladoiro o alcalde José Miñones recibiu unha copia do informe Límites revisitados, sobre a fin do crecemento económico, publicado polo Parlamento Británico e que vén de ser traducido ao galego. Ademais, a asociación Véspera de Nada, representada polo profesor Xoán Doldán (USC), presentou o libro Guía para o descenso enerxético, do que se levan vendidos uns 1.500 exemplares e que recentemente foi traducido ao catalán polos activistas de Argelaguer en Transició. O evento tamén serviu para unha nova presentación da asociación Ames Pospetróleo, a cargo do seu presidente Emilio Román Leis. Trala proxección da película de animación Non hai mañá (Dermot O'Connor, 2012) iniciouse un debate no que interveu o público asistente.
Doldán sinalou que "ao ser a nosa unha auténtica petroeconomía, é dicir, un sistema que só sabe medrar e que só o pode facer a base de petróleo, basicamente, o devalar da dispoñibilidade de petróleo para as nosas economías abócanos a un futuro “que pode ser moi dramático”. No debate falouse deste problema e das diversas perspectivas que se abren a nivel mundial, galego e local diante desta situación. Falouse tamén da necesidade de promover non só o comercio senón tamén a produción local e dunha das medidas que Ames Pospetróleo recomendara nas súas xuntanzas previas ás eleccións municipais a todos os grupos políticos: elaborar unha guía completa dos produtores e produtoras de Ames, mais non só de alimentos senón de todo tipo de materiais e produtos, especialmente aqueles máis imprescindibles para a sociedade amesá.
Tamén se abordou a necesidade de volver a ollada ao rural, para rehabitalo (“se cadra máis que plans de urbanización os concellos tiñan que comezar a facer plans de ruralización”, comentou Doldán), para recuperar o sentido e prácticas comunitarias vivas até non hai moito no noso país e para coidalo como un elemento crítico para o futuro (“nunca na historia humana tanta xente se desvencellara da produción de alimentos, e hoxe en día a metade da humanidade vive en cidades e non se dedica a producir alimentos”).
Ames Pospetróleo naceu hai uns meses para traballar na adaptación do concello de Ames e da súa veciñanza "para vivir con pouco e caro petróleo, é dicir, para a era pospetróleo, poscrecemento e postindustrial derivado do Peak Oil ou Teito da extracción mundial do petróleo". "As consecuencias que vai ter a nivel mundial e a nivel galego, nós preocupámonos de tentar albiscalas a nivel local e pensar cómo lles facermos fronte", destacan. O colectivo realizoi unha batería de propostas de acción municipal para que fosen asumidas polos diversos grupos políticos que se presentarían ás eleccións municipais de maio de 2015.