Amnistía Internacional vén de facer público o seu Informe 2016/17, que presentou este martes na Coruña a través de Margarita González, portavoz de AI Galicia. Nel denuncia que o sistema español de recepción de solicitantes de asilo segue "practicamente bloqueado". "Aínda que España, no seu discurso, comprometeuse en setembro do 2015 coa Unión Europea á recolocación e reasentamento de máis de 17.000 persoas que foxen da guerra e a persecución, o certo é que só acolleu 1.034 persoas, o 6 % do que prometera. Unhas cifras que son claramente insuficientes", sinalou González.
AI denuncia que o sistema español de recepción de solicitantes de asilo segue "practicamente bloqueado"
A entidade advirte igualmente de que non se garante o dereito á información dos solicitantes de asilo, denuncia que "é excesivo o tempo que permanecen nos Centros de Estancia Temporal de Inmigrantes as persoas solicitantes de asilo dalgunhas nacionalidades", nalgúns casos até máis dun ano". Ademais, alerta de que "non hai garantías de protección para colectivos vulnerables, como as mulleres vítimas de violencia de xénero, as vítimas de trata, ou as persoas do colectivo LGBTI".
Alerta de que "se seguen producindo expulsións colectivas por parte das forzas de seguridade"
A organización denuncia que as fronteiras españolas están "practicamente seladas para migrantes e solicitantes de asilo", especialmente de orixe subsahariana, e que "se seguen producindo expulsións colectivas por parte das forzas de seguridade, a última en xaneiro de 2017, sen ter en conta se estas persoas poderían ser solicitantes de asilo ou estar nunha situación vulnerable".
Amnistía Internacional critica outros incumprimentos dos dereitos humanos e civís en España, comezando pola utilización do delito de enaltecemento de terrorismo "para limitar desproporcionadamente a liberdade de expresión", en referencia á detención dos titiriteiros Alfonso Lázaro de la Fuente e Raúl García Pérez. Así mesmo denuncia numerosos casos de uso desproporcionado da forza por parte de membros das forzas de seguridade, e outros casos de malos tratos que non se investigaron con eficacia e exhaustividade, sinalando por exemplo o caso de Ester Quintana en Cataluña. De igual xeito, sinala que "seguen sen investigarse adecuadamente os crimes contra o dereito internacional, como os cometidos durante a Guerra Civil e o franquismo".
Un mundo "dividido" e "de costas ás atrocidades masivas"
“2016 foi un ano no que o uso cínico dunha retórica do nós contra eles en discursos de culpa, odio e medo adquiriu importancia global a unha escala nunca vista dende a década de 1930"
No informe, Amnistía Internacional alerta de que "os políticos que se valen da retórica tóxica e deshumanizadora do nós contra eles están a crear un mundo máis dividido e perigoso". A entidade sinala que as estratexias que neste momento están dominando "a axenda en Europa, Estados Unidos e outras partes do mundo" fomentan "un retroceso en materia de dereitos humanos e debilitando perigosamente a resposta global ás atrocidades masivas".
“2016 foi un ano no que o uso cínico dunha retórica do nós contra eles en discursos de culpa, odio e medo adquiriu importancia global a unha escala nunca vista dende a década de 1930. Son demasiados os políticos que responden aos temores lexítimos de índole económica e de seguridade facendo unha manipulación velenosa e divisiva da política da identidade co fin de gañar votos”, sinalou Margarita González, portavoz de Amnistía Internacional Galicia. “A política de demonización que se fai na actualidade difunde a perigosa idea de que algunhas persoas son menos humanas ca outras, desposuíndo da súa humanidade grupos enteiros de persoas. Esta práctica ameaza con desatar os aspectos máis negativos da natureza humana”, engadiu.
"A política de demonización que se fai na actualidade difunde a perigosa idea de que algunhas persoas son menos humanas ca outras, desposuíndo da súa humanidade grupos enteiros de persoas"
O Informe Anual de Amnistía Internacional documenta como 36 países violaron o dereito internacional devolvendo ilicitamente a persoas refuxiadas a países onde os seus dereitos humanos corrían perigo, convertendo decote os refuxiados e refuxiadas en "chibos expiatorios". Sinala os casos de Trump nos Estados Unidos, pero tamén da UE a través do seu acordo con Turquía.
“No 2016, estas formas especialmente tóxicas de deshumanización convertéronse na forza dominante na política convencional global. Os límites do que se considera aceptable cambiaron. Os políticos lexitiman desvergonzada e activamente todo tipo de retóricas e políticas de odio baseadas na identidade das persoas, como a misoxinia, o racismo e a homofobia”, afirmou Margarita González. Neste senso, outro trazo da política do máis forte foi -denuncia a entidade- o aumento da retórica antifeminista e anti LGBTI, que se manifestou, por exemplo, no intento de reducir os dereitos das mulleres en Polonia, ao que se respondeu con protestas multitudinarias.
Outro trazo da política do máis forte foi -denuncia a entidade- o aumento da retórica antifeminista e anti LGBTI
“Sen vontade política dos líderes mundiais para exercer presión sobre os Estados que violan os dereitos humanos, están en xogo principios básicos que abarcan desde a rendición de contas por atrocidades masivas até o dereito de asilo”, subliñou González, que engadiu que "cantos máis países dean marcha atrás nos seus compromisos fundamentais cos dereitos humanos, maior será o risco de que se produza un efecto dominó de líderes que anime a retirar garantías de protección dos dereitos humanos xa establecidas".
"Cos políticos cada vez máis dispostos a demonizar grupos enteiros de persoas, poucas veces resultou tan evidente a necesidade de que todas as persoas loitemos polos valores básicos da dignidade humana"
Amnistía Internacional pídelle á xente que opoña resistencia en todo o mundo aos cínicos intentos de retirar dereitos humanos consolidados pola difusa promesa de prosperidade e seguridade. “Non podemos depender pasivamente dos gobernos para defender os dereitos humanos; somos as persoas as que temos que facer algo. Cos políticos cada vez máis dispostos a demonizar grupos enteiros de persoas, poucas veces resultou tan evidente a necesidade de que todas as persoas loitemos polos valores básicos da dignidade humana e a igualdade en todas as partes”, concluíu Margarita Gonzalez.