As asociacións xornalísticas lémbranlles aos medios a necesidade de respectar a ética na cobertura do atentado

Un quiosco de prensa nas Ramblas © Col.legi de Periodistes

Unha das primeiras vítimas dos atentados terroristas adoita ser nos últimos tempos a ética xornalística. O caso do atropelo masivo de Barcelona non está a ser por desgraza unha excepción e dende a tarde deste xoves son moitos os medios -tanto dixitais, como impresos ou televisións- que veñen difundindo rumores e informacións sen contrastar e, ademais, publicando imaxes dunha crueldade innecesaria. As asociacións xornalísticas contan con documentos de suxestións para a cobertura deste tipo de novas, unhas recomendacións que están lembrando nas últimas horas. O Col.legi de Periodistes de Catalunya elaborou hai uns meses xunto co Consell de l’Audiovisual un documento de moita utilidade, e tamén o Colexio de Xornalistas de Galicia conta cun decálogo para o tratamento de sucesos e catástrofes, que vén difundindo dende onte nos seus espazos nas redes sociais. 

Dende a tarde deste xoves son moitos os medios -tanto dixitais, como impresos ou televisións- que veñen difundindo rumores e informacións sen contrastar e, ademais, publicando imaxes dunha crueldade innecesaria

"A cobertura informativa dun acto terrorista presenta complexidades informativas engadidas, porque require dos xornalistas a atopar o equilibrio entre servir información veraz, precisa e exhaustiva á cidadanía, dunha banda, e defender os dereitos persoais fundamentais, por exemplo a presunción de inocencia e o dereito á privacidade, da outra. Así mesmo, tamén hai outros elementos a considerar, como a conveniencia de non magnificar os acontecementos, para non participar da lóxica desestabilizadora e perversa dos terroristas", sinala o documento catalán na súa introdución. O texto salienta que aínda que os primeiros destinatarios destas suxestións son as persoas que traballan en medios xornalísticos, as recomendacións esténdense "a todos os actores do sistema da comunicación, incluíndo plataformas de intercambio de vídeos, redes sociais, servidores, etcétera". E, polo tanto, tamén a todas as persoas que participen activamente en procesos comunicativos, publicando ou compartindo contidos nas redes sociais.

O documento consta de cinco partes, dedicada a primeira á autoría do atentado, respectando a presunción de inocencia das persoas e evitando difundir os contidos propagandísticos dos seus comunicados, por exemplo. Neste punto pídese tamén que medios e internautas non difundan informacións sobre os operativos policiais que poida ser utilizada polos terroristas. Así mesmo, recoméndase "evitar a difusión de especulacións e rumores sobre a autoría dun acto violento ou posibles motivacións" apostando por "difundir unicamente informacións fundamentadas". O texto lembra igualmente que "os actos terroristas son cometidos por individuos, non por países, etnias ou relixións", pedindo "non adxectivar o terrorismo en función da orixe, etnia ou a relixión", evitando termos como terrorismo islámico, que debe ser substituído por terrorismo yihadista.

"O nivel de dureza ou de impacto das imaxes que se emitan debe estar xustificado editorialmente en función de se achegan elementos informativos relevantes ou non"

O segundo apartado fai referencia ás vítimas do atentado, pedindo respectar a súa privacidade, non difundindo a súa identidade nin imaxes nos que poidan ser recoñecidas. Recoméndase que os medios se absteñan de difundir imaxes de cadáveres das vítimas dun acto terrorista se poden ser recoñecidas, tanto sexa polo rostro como por outros elementos. Por tanto, poderíanse emitir imaxes de corpos cubertos, sempre que a crueza destas imaxes -segundo o criterio dos responsables editoriais de cada medio- non o impida", sinala o documento.

O texto destaca que "o nivel de dureza ou de impacto das imaxes que se emitan debe estar xustificado editorialmente en función da crueza e do morbo das imaxes e de se achegan elementos informativos relevantes ou non".  De igual xeito, pídese respecto para as persoas superviventes, "evitando difundir declaracións das vítimas, especialmente no período inmediatamente posterior aos feitos". "A cidadanía ten dereito a ser informada, pero tamén ten dereito a non acceder a contidos audiovisuais violentos dun acto terrorista", sinala o documento, en referencia ás emisións de radio e televisión dentro do horario protexido para menores (6.00-22.00 horas).

En canto á utilización xornalística de materiais audiovisuais xerados por testemuñas dos feitos e publicados nas redes sociais, o documento pídelles aos medios prudencia e unha serie condicións para a súa difusión: en primeiro lugar, citar a fonte e confirmar a súa autenticidade; segundo, avaliar o seu interese informativo e social e verificar que se respectan os dereitos da vítimas e da audiencia. O texto pídelle esta mesma prudencia aos cidadáns e cidadás que publiquen estes materiais, sinalando que "o empoderamento informativo da cidadanía a obriga tamén a novas responsabilidades".

 

Decálogo do Colexio de Xornalistas

O Colexio de Xornalistas de Galicia publicou en 2008 un décalogo de recomendacións para a o tratamento de informacións de sucesos e catástrofes, que comeza lembrando que "tanto as persoas implicadas directamente na traxedia como os seus achegados e familiares pasan por momentos moi difíciles, e merecen que non deben ser nin expostos á luz pública nin aumentados por ningunha vía". O texto pide respectar o seu dereito á intimidade, sendo recomendable "absterse de utilizar aquelas imaxes que puideran comportar a degradación das vítimas". A publicación das listas de afectados non debería facerse con datos persoais que non son relevantes para o caso, sinala o texto.

O documento pide tamén evitar "as conxecturas e hipóteses" e basearse sempre "en fontes expertas e oficiais"

O documento pide tamén evitar "as conxecturas e hipóteses sobre a traxedia" e basearse sempre "en fontes expertas e oficiais". Demándase "facilitar a información de forma responsable, sen contribuír a crear situacións de psicose". Marcando sempre "a distinción entre reconstrucións, recreación ficticias, hipóteses e feitos". Recoméndase tamén "coidar a linguaxe e evitar recursos espectacularizadores". Así mesmo, indícase que "o uso de material non obtido directamente polo xornalista debe ir acompañado dunha edición que extraia unicamente o que é informativo".

Finalmente, lémbrase que "no caso de traxedias provocadas pola acción humana é necesario expresar con exactitude quen son os implicados", pois "o uso de termos xenéricos como islamitas expande sospeitas e acusacións a amplos sectores da poboación, como neste caso a toda unha congregación de crentes".

 

Portada do documento de recomendacións do Col.legi e do CAC © Col.legi de Periodistes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.