As críticas ás proxeccións da Escola Unitaria provocan un 'efecto Streisand' que multiplica as mensaxes por Galicia

As proxeccións que realiza a Escola Unitaria recibiron apoios en toda Galicia ©

Dende o inicio do confinamento, as proxeccións nas fachadas convertéronse nun espazo para a creatividade, a comunidade entre a veciñanza e para o humor, amplificado a través das redes sociais, que conseguiron que aquilo que só podía observado en directo un número reducido de veciños e veciñas puidese ser visto por todo o mundo. Hai unhas semanas falabamos con algunhas das persoas que estaban a realizar proxeccións, entre eles Fer, da Escola Unitaria de Compostela, que destacaba pola variedade de mensaxes proxectadas e polo humor presente nelas.

Porén, hai uns días El Correo Gallego criticou as súas proxeccións nunha noticia na que afirmaba que o xornal recibira "queixas de varias familias polo contido dalgunhas das mensaxes". A Policía Local de Santiago chegou a persoarse na vivenda dende a que Fer realiza as súas proxeccións para informarlo destas queixas, que en ningún momento se converteron en denuncias. Fer recoñece que a aparición dos axentes "non foi agradable" pero restoulle importancia.

A situación ficou nunha anécdota á que o propio alcalde Xosé Sánchez Bugallo quitou ferro, recoñecendo estar "sorprendido" pola dimensión que acadara esta cuestión, que zanxou afirmando que "se debe respectar o exercicio da liberdade de expresión", aínda que recomendou "ser coidadoso" co que se proxecta.

Unha das últimas proxeccións realizadas na rúa Concheiros © Escola Unitaria

Nos últimos días puidemos ver un un aumento das proxeccións en distintos puntos de Galicia, solidarizándose con Fer e criticando os intentos de "censurar" esta vía de expresión

En resposta ás críticas de El Correo Gallego e á propia visita policial, nas redes sociais lanzouse a iniciativa #plantandolumens (o lumen é a unidade de medida empregada para avaliar a potencia luminosa da lámpada do proxector), animando a todas as persoas que conten nas súas casas cun proxector a repetir o que se está a facer dende a Escola Unitaria e dende outros lugares. 

Así, nos últimos días puidemos ver un un aumento das proxeccións en distintos puntos de Galicia, solidarizándose con Fer e criticando os intentos de "censurar" esta vía de expresión durante o confinamento e lanzando mensaxes de ánimo ás veciñas e veciños. Tamén se proxectaron numerosas imaxes de apoio ao persoal sanitario e a outros colectivos (como as caixeiras dos supermercados) e en varios do lugares fixéronse visibles as reivindicacións do sector da cultura e dos seus e as súas profesionais, co hashtag #nonnoscanceles.

Houbo, polo tanto, unha caste de Efecto Streisand, que dende a Escola Unitaria xa rebautizaron como "efecto Concheiros" nunha das súas proxeccións

Houbo, polo tanto, unha caste de Efecto Streisand, que dende a Escola Unitaria xa rebautizaron como "efecto Concheiros" nunha das súas proxeccións. O Efecto Streisand é un mecanismo comunicativo polo cal o intento de censura ou de ocultamento dunha información por parte dunha persoa ou institución se volve na súa contra, provocando o efecto contrario e facendo que a noticia, ás veces de difusión moi limitada nun principio, multiplique os seus receptores por mor da denuncia desa censura. O efecto leva o nome de Barbra Streisand dende que a artista denunciou en 2003 a un fotógrafo por tomar unha imaxe aérea da súa casa; a fotografía, nun comezo intranscendente, deu a volta ao mundo a consecuencia da demanda xudicial iniciada.

En calquera caso, Fer sinala que vai seguir realizando as súas proxeccións "algúns días máis", recollendo as mensaxes que a xente lle manda polas redes sociais, pero que despois deixará de facelas. "Son xa moitos días e a verdade é que estou un pouco canso", recoñece.

Queres proxectar sobre a Catedral de Santiago?

Ademais, dende este domingo calquera persoa que o desexe pode facer as súas proxeccións de mensaxes nas fachadas de edificios ou monumentos moi simbólicos de case todas as cidades galegas. Berto Yáñez publicou un xerador de proxeccións que permite amosar unha frase iluminada sobre a Torre de Hércules, a Catedral de Santiago, o Teatro García Barbón, o Teatro Jofre (Ferrol), a Muralla de Lugo, o Edificio La Torre (Ourense) ou sobre unha fachada calquera. Proxeccións virtuais para días de confinamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.