"As empresas de EUA van usar o CETA como Cabalo de Troia a través das súas filiais canadenses"

Tom Kucharz (Ecoloxistas en Acción) © Attac

Este luns deu comezo en Pontevedra a XXXIV edición da Semana Galega de Filosofía, centrada este ano na saúde. Tom Kucharz (Ecoloxistas en Acción) foi o encargado de ofrecer o relatorio da noite, no que alertou contra as grandes concentracións empresariais na agroindustria e o poder político destas compañías, que presionan a través dunha intensa acción lobbys os Gobernos e os Parlamentos para limitar os controis ao seu negocio.

As negociacións dos acordos de libre comercio entre a Unión Europea e os EE.UU. (TTIP) e entre a UE e Canadá (CETA) foron nos últimos anos escenario desas presións. O TTIP foi paralizado, mais o CETA está camiño de ser aprobado polos distintos países da UE e os seus efectos finais poderían ser os mesmos que os do primeiro tratado. Kucharz debullou os efectos dos procesos de concentración sobre o medio ambiente, sobre a alimentación e sobre os e as produtoras, impoñendo un modelo agrario baseado en monocultivos destinados á exportación e longas distancias e un modelo gandeiro dominado polas grandes explotacións industriais. Este mesmo martes está en marcha unha ciberacción sobre este tema, coa etiqueta #CETAnoalimenta.

"Esta concentración empresarial aumentaría o control corporativo sobre a agricultura: estas tres megaempresas controlarían o 70% dos agroquímicos e o 60% das sementes comercializadas en todo o planeta"

Que efectos teñen as grandes concentracións empresariais na agroindustria?

Actualmente estamos vendo unha enorme concentración do mercado agroindustrial no mundo. Non é só a fusión en Monsanto e Bayer, senón que tamén se está buscando a fusión entre Dow Chemical e DuPont e tamén se están fusionando Syngenta con ChemChina, que é a maior empresa química chinesa. Isto incrementaría os problemas causados pola agricultura industrial, con consecuencias moi negativas para a saúde, para as e os agricultores,  os consumidores, o medio ambiente e a seguridade alimentaria. Isto é debido a que esta concentración empresarial aumentaría o control corporativo sobre a agricultura: estas tres megaempresas controlarían o 70% dos agroquímicos e o 60% das sementes comercializadas en todo o planeta.

"Gañarían tamén poder político, incrementando a súa capacidade de influencia sobre as políticas agrarias e de alimentación de cada país. Xa o estamos vendo co enorme poder que estas empresas e as súas asociacións lobbystas teñen en Bruxelas"

Gañarían tamén poder político, incrementando a súa capacidade de influencia sobre as políticas agrarias e de alimentación de cada país. Xa o estamos vendo co enorme poder que estas empresas e as súas asociacións lobbystas teñen en Bruxelas. Ao mesmo tempo, esta concentración reduciría a capacidade dos e das agricultoras para poder elixir e limitaría a diversidade das sementes. Estas empresas están promovendo tamén paquetes tecnolóxicos: todas as políticas agrarias están pensadas para aumentar a complexidade tecnolóxica e dos insumos que son necesarios para a agricultura industrial, uns insumos que tamén están controlados por estas compañías.

Que efectos teñen para a saúde dos e das consumidoras finais?

As concentracións empresariais reducen tamén as posibilidades de elección dos e das consumidoras. Incrementa ademais o uso de químicos, algún moi perigosos e tóxicos. Entre eles destacan os contaminadores hormonais; un dos principais problemas para a saúde é a aparición dos disruptores endocrinos, que están provocando diferentes cancros, obesidade, defectos nos fetos, problemas de perda de capacidade cognitiva e problemas de fertilidade. E, ademais, un gran custo para os sistemas públicos de saúde, un gasto adicional de 170.000 millóns de euros en todo o mundo. As grandes empresas químicas e da agroindustria levan anos facendo un labor de lobby para que non se prohiban os contaminadores hormonais. Algunhas cartas entre a Comisión europea e estas industrias que se fixeron públicas demostran que esta presión tivo unha grande influencia nas negociacións do CETA.

"O CETA é un Cabalo que Troia, polo que Monsanto e outras grandes empresas norteamericanas, a través das súas filiais canadenses, van tentar modificar a lexislación dos distintos países europeos"

Paralizado o TTIP, o CETA é agora mesmo o problema máis urxente, o mecanismo que as grandes compañías queren empregar para reducir os controis legais á súa acción?

Si, a través do CETA as empresas transnacionais de Canadá poderían demandar o Goberno español antes os tribunais de arbitraxe se este aplicase nalgún momento algunha medida restritiva para a súa acción ou limitase o uso dalgunha substancia que xa se demostrou nociva para a saúde humana ou para o ecosistema, por exemplo as que están acabando coas abellas. O CETA é un Cabalo que Troia, polo que Monsanto e outras grandes empresas norteamericanas, a través das súas filiais canadenses, van tentar modificar a lexislación dos distintos países europeos, desmontando as actuais regulacións que aínda que non sexan perfectas si supoñen unha protección da saúde e do medio ambiente.

"O CETA é un auténtico golpe contra a democracia parlamentaria e a soberanía popular que se está discutindo case sen presenza nos medios"

Se se ratifica este tratado, que agora mesmo se atopa no seu trámite parlamentario, onde hai un silencio tremendo sobre o asunto, abriríase un buraco enorme por onde se poderían coar cambios lexislativos moi importantes sen participación democrática. O CETA é un auténtico golpe contra a democracia parlamentaria e a soberanía popular que se está discutindo case sen presenza nos medios, en boa medida porque a maioría de PP, PSOE e Ciudadanos na Mesa do Congreso acurtou o período de presentación de emendas.

"As actuais políticas públicas favorecen este sistema agroalimentario que está a envelenar unha parte da poboación porque priorizan os intereses económicos dunha minoría sobre a saúde e o benestar da maioría"

O camiño para a oposición a este modelo pasa por unha unión de produtores e consumidores, de que estes se decaten de que os problemas da agricultura teñen efectos directos na súa saúde?

Si, por suposto. O que pasa é que cando se fala destes e doutros problemas, parece que sempre se delega a solución na responsabilidade dos e das consumidoras, como se fose un problema individual de elección. Pero a realidade é que é un problema político que se soluciona xerando mobilización social, resistencia e cambios radicais na forma de producir e consumir. Isto é o contrario da actual forma mafiosa de facer política que practican tanto a UE coma o Goberno español, onde as políticas públicas só buscan os intereses dunha minoría. Aprobáronse lexislacións que provocaron a morte de milleiros de persoas, sobre todo das persoas que viven na pobreza, que son quen teñen unha peor alimentación e sofren máis os seus efectos. As actuais políticas públicas favorecen este sistema agroalimentario que está a envelenar unha parte da poboación porque priorizan os intereses económicos dunha minoría sobre a saúde e o benestar da maioría.

"Ademais da presenza institucional, necesitamos máis autoorganización da sociedade civil, necesitamos redes que empurren dende abaixo"

Como se constrúe e fortalece un modelo alternativo ao proposto polas grandes empresas?

O máis importante é a organización e a creación de ferramentas dende a sociedade civil organizada. A curto prazo temos que tentar impedir a ratificación do CETA. E a medio prazo o que temos que facer é cambiar o Goberno central e os gobernos autonómicos retrógrados, seguindo o exemplo que están dando dende o 2015 os goberno municipalistas. Hai experiencias moi interesantes en varias cidades de aposta pola compra pública de alimentos para comedores, pola agroecoloxía, a aposta polos mercados locais e os mercados campesiños, o rexeitamento da contratación pública con empresas que actúen en paraísos fiscais... As cidades do cambio están creando redes moi interesantes para apostar pola soberanía alimentaria e por un modelo agroalimentario xusto. Ademais da presenza institucional, necesitamos máis autoorganización da sociedade civil, necesitamos redes que empurren dende abaixo. E necesitamos unha boa coordinación entre todos os países, cun espírito internacionalista.

 

Tom Kucharz (Ecoloxistas en Acción) © Attac

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.