As Marchas da Dignidade volven á rúa o 29 de novembro

Cartaz da convocatoria CC-BY-SA Marchas da Dignidade

Despois da primeira experiencia das Marchas da Dignidade confluíndo nunha multitudinaria manifestación en Madrid e tras os actos en torno ao Parlamento de Galicia o movemento xurdido en torno ao 22-M volverá ás rúas con formato de marcha en diferentes territorios do Estado. Será o 29 de novembro e, no caso galego, a aposta é confluír ás doce do mediodía desa xornada na compostelá Praza do Obradoiro como culminación a seis marchas iniciadas dende diferentes puntos do país. De novo, trátase de reclamar "pan, traballo e teito".

Viveiro, O Barco de Valdeorras, Verín, Tui, Noia e Ferrol son os lugares propostos como puntos de partida para reivindicar que "seguimos a padecer" unha "grande estafa provocada polo poder económico para manter os seus insultantes privilexios". "Nós, a xente do común -di o manifesto da convocatoria- temos que seguir a loitar contra estes criminais porque non podemos consentir que nos rouben o que é noso". Cando aínda ecoa a promesa de novos recortes prometidos por Mariano Rajoy ante Angela Merkel dende o 22-M sinalan que "o inimigo non é pequeno nin está pouco preparado" pero "as Marchas da Dignidade amosaron que derrotar o poder é posible".

A proposta son seis marchas que conflúan na compostelá Praza do Obradoiro

"Non pode ser -afirman- que o Goberno teña a desvergoña de manter uns privilexios inxustos nas elites mentres temos máis de dous millóns de nenas e nenos en todo o Estado español que pasan fame" e mentres os bancos "botan a xente á rúa". "Estannos a deixar sen pan, traballo e teito" e por iso consideran que "rebelarnos" é "unha obriga". O tratado de libre comercio entre os Estados Unidos e a UE ou os "privilexios" dos bancos son, para o 22-M, motivos dabondo para manifestarse nun contexto no que, ademais, "levan por diante o medio ambiente": "Non lle simporta facer minas descomunais e perigosas ou facer autoestradas que destrúan paraxes tan importantes como a Ribeira Sacra". "Se non son criminais, son imbéciles, porque non se lle pode chamar doutro xeito a quen destrúe o medio no que vive".

Dado que "a estratexia do poder económica é clara", as Marchas da Dignidade cren necesario ter claro tamén que nesta crise o plan é "que o pobo perda dereitos, e cando xa non os teñamos dirán que a crise rematou, pero eses dereitos nunca volverán se non loitamos por eles, se non botamos fóra do Goberno esta panda de mafiosos, corruptos e ladróns". Desta volta, afirman, a Praza do Obradoiro será onde se "loite polo que é noso" e para "ter pan, traballo e teito".

Cartaz da convocatoria CC-BY-SA Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.