Multas gobernativas, incautacións, sancións por responsabilidades civís e políticas, subscricións patrióticas... O franquismo empregou numerosos instrumentos de represión económica, que se uniron aos restantes mecanismos represores, dende o asasinato á prisión, para castigar os opositores ao golpe de Estado e para intimidar o resto da poboación. Un complexo sistema de control social que se iniciou o mesmo 18 de xullo de 1936 e que, con distintas formas, continuou nos corenta anos de ditadura.
Nos últimos anos avanzouse moito na investigación sobre a violencia directa exercida polos sublevados franquistas, botando luz e restaurando a memoria dos paseados e encarcerados. Porén, a represión afectou a moitas máis persoas e tivo formas diversas. Julio Prada, profesor da Facultade de Historia de Ourense, publica Marcharon con todo. La represión económica en Galicia durante el primer franquismo (Biblioteca Nueva), unha análise da represión económica exercida polos golpistas, dende as multas gobernativas ás incautacións, pasando polas obrigatorias subscricións patrióticas.
Ata 1945 o réxime abriu expediente civil ou político a 14.492 persoas en Galicia
As cifras, necesariamente incompletas dada a dificultade de contarmos con datos exactos avalados por documentación, falan da dimensión e da extensión destas prácticas. Segundo a información achegada na obra de Julio Prada, ata 1945 o réxime abriu expediente civil ou político en Galicia a 14.492 persoas (5132 na provincia da Coruña, 2218 na de Lugo, 2358 na de Ourense e 4784 na de Pontevedra) sospeitosas de ser esquerdistas ou de non ter un comportamento “acorde coas novas circunstancias”. Destes expedientes abertos coñécese o resultado de 7465, dos que 2147 foron condenas; 1748 sobresementos, absolución ou exención de responsabilidade; 3145 sobresementos por insolvencia ou bens inferiores a 25.000 pesetas.
Como curiosidade, a sanción máis alta foi para Manuel Portela Valladares, presidente do goberno entre decembro de 1935 e febreiro de 1936, que ascendeu a 15 millóns de pesetas
Ademais, entre 1936 e 1939 as autoridades impuxeron un total de 5.537 multas gobernativas, equivalentes a case 3,5 millóns de pesetas e unha media de 619 pesetas de sanción por multa. Como curiosidade, a sanción máis alta foi para Manuel Portela Valladares, presidente do goberno entre decembro de 1935 e febreiro de 1936, que ascendeu a 15 millóns de pesetas e que non se chegou a pagar por imposibilidade de facerlle fronte.
Entre 1936 e 1939 as autoridades impuxeron un total de 5.537 multas gobernativas, equivalentes a case 3,5 millóns de pesetas e unha media de 619 pesetas de sanción por multa
Xunto a estas multas, nos primeiros meses de conflito tamén se exerceu a represión con incautacións "regulares” e “irregulares” de toda clase bens. O libro toma, de feito, o seu título dunha destas incautacións, lembrada por Camilo Dios, que asistiu sendo neno ao momento no que os falanxistas entraron na súa casa e “marcharon con todo e nos deixaron sen nada”. A “maquinaria burocrática” da represión económica do franquismo, explica Prada, comeza a funcionar en xaneiro de 1937 coa aplicación "do principio de dereito de responsabilidade civil", segundo o cal quen causa un dano está obrigado a reparalo, sendo neste caso os “esquerdistas” os considerados responsables da Guerra Civil. Deste xeito, resume Prada, "dáselle aparencia de respecto pola legalidade a todo o sistema".
Só ata abril de 1937 a recadación das subscricións patrióticas ascendeu en Galicia a máis de 16 millóns de pesetas e a case 700 quilos de ouro
O outro instrumento de represión económica foron as chamadas subscricións patrióticas, empregadas primeiro para financiar as campañas bélicas dos nacionais, e que só ata abril de 1937 ascenderon en Galicia a máis de 16 millóns de pesetas e a case 700 quilos de ouro, segundo datos recollidos por Manuel Silva Ferreiro. “As responsabilidades políticas incidiron sobre unha poboación psicoloxicamente desarmada, desmobilizada, que precisaba concentrar todas as súas enerxías na hercúlea tarefa de sobrevivir nas difíciles condicións de posguerra mentres os vencedores permanecían en alerta para esmagar a máis pequena mostra de desviación”, destaca Prada.
Os asasinados e asasinadas e as persoas enviadas aos cárcere sufriron unha represión moi dura, evidentemente, pero houbo outros mecanismos de castigo e de control social que afectaron a cantidades moi grandes de poboación e que axudan a explicar a forma en que se conformou o sistema franquista. É importante afondar nestas cuestións para entender a represión na súa totalidade?
É importante completar o cadro con estes aspectos da represión, seguramente menos espectaculares, pero moito máis estendidos. Esta represión económica tiña unha dobre finalidade, económica e política. A económica, para recadar todo o posible durante a guerra e así soster as campañas bélicas. E a política, tanto para castigar os inimigos como para reforzar a solidez da coalición reaccionaria que dá o golpe de Estado, pois estes mecanismos de represión económica son xestionados por comisións nas que en cada vila participan os integrantes de cada grupo.
"Esta represión económica tiña unha dobre finalidade, económica e política"
A que fontes recorriches? Como obtiveches todos estes datos?
O problema da documentación é que está dispersa por moitísimos arquivos de Galicia e do resto do Estado. Pero a primeira dificultade procede xa de que non hai demasiados estudos previos que abordasen as dimensións da represión económica. Había que previamente distinguir as diferentes modalidades de represión, para evitar, por exemplo, mesturar temas de requisas e incautacións, que non teñen que ver unha coa outra. Eu non estudo as requisas, que se baseaban nunha normativa que viña do século XIX e que lles permitía aos exércitos incautar temporalmente gando ou outras propiedades que despois eran reintegradas aos seus donos, que mesmo eran indemnizados. Non as inclúo como parte da represión económica, polo tanto.
Para a análise das subscricións patrióticas boto man da prensa da época, porque se publicaban todas as listas de contribuíntes, e tamén doutras informacións parciais, que podían aparecer en informes militares e policiais ou en expedientes de responsabilidades políticas. Para as multas tiven que consultar a documentación dos antigos Gobernos Civís, das delegacións militares e da sede da División Militar, porque a partir do outono de 1936 se intenta centralizar dende A Coruña a imposición de multas. Por último, está o tema das responsabilidades civís e das responsabilidades políticas, que aparecen en expedientes que se conservan moi dispersos.
"Quen non contribuía segundo as súas posibilidades económicas ás subscricións patrióticas era multado"
Ao igual que os asasinatos buscaban castigar unha persoa concreta, pero tamén xerar medo no resto da veciñanza, tamén estas fórmulas de represión económica tiñan como obxecto incrementar o control da poboación, fose ou non multada ou expedientada?
Convén distinguir moi ben cada unha destas modalidades represivas porque a súa finalidade non era exactamente coincidente, pero a intención coercitiva está clara. Por exemplo, as subscricións patrióticas en teoría disfrázanse de voluntarias e polo tanto teñen un enorme efecto propagandístico para xerar lealdades sociais. Pero a realidade é que esas subscricións eran todo menos voluntarias, pois quen non contribuía segundo as súas posibilidades económicas era multado. Esas multas tamén se publican na prensa e teñen un efecto claramente intimidatorio.
No caso das multas gobernativas búscase en primeiro lugar castigar á xente máis significada polo seu carácter esquerdista. Nos primeiros meses de represión estas multas son moi frecuentes nas zonas da Coruña, Ferrol e Lugo, castigándose o compromiso social e político anterior ao golpe de Estado. Tamén se empregan estas multas para castigar unha serie de condutas, nun proceso de creación dun imaxinario e dun sistema novo: dende blasfemar ou inxuriar os curas ata actividades relacionadas co contrabando. Finalmente, están as sancións de responsabilidades civís e políticas que unen un obxectivo recadatorio e unha clara finalidade política.
O grao de dureza da represión económica ía ligada á forza dos apoios á Fronte Popular en cada zona?
Non exactamente. No caso das multas gobernativas dependía moito da actitude de cada comandante militar. Máis adiante, cando se comezan a impoñer as sancións de responsabilidades civís e políticas, si que a súa intensidade se identifica coa fortaleza previa dos apoios á Fronte Popular ou coa forza da resistencia ao golpe de Estado, o que é lóxico, porque as dúas razóns principais para as sancións eran o feito de ter sido encausado por un tribunal militar e o feito de ter desempeñado un cargo político ou administrativo na República.
"As sancións que entre 1939 e 1945 impoñían os tribunais de responsabilidades políticas podían ir acompañadas dunha inhabilitación para o desempeño de cargo público ou da expulsión do posto de traballo"
Podemos establecer unha periodización para estes instrumentos de represión? Cando comezan e rematan en cada caso?
Hai unha secuencia moi clara. Dende xullo de 1936 ata 1937 claramente dominan esas multas gobernativas por comportamentos contrarios ao movemento ou por simplemente blasfemar. A partir de xaneiro de 1937 comezan a aplicarse con máis frecuencia as sancións de responsabilidades civís, que en febreiro de 1939 son substituídas polas sancións de responsabilidades políticas, que chegan ata 1945. No caso das subscricións patrióticas, esténdense no tempo dende o mesmo golpe de Estado ata o remate da Guerra Civil e mesmo despois continúan, reconvertidas con outro nome: por exemplo o auxilio de inverno, xestionada por Falanxe, e se non contribuías, eras multado.
Entran no teu estudo as depuracións profesionais: de funcionarios, mestres...?
Non, iso xa non o estudamos como represión económica, senón como represión administrativa. O que pasa é que as sancións que entre 1939 e 1945 impoñían os tribunais de responsabilidades políticas podían ir acompañadas dunha inhabilitación para o desempeño de cargo público ou da expulsión do posto de traballo. Este tipo de represión administrativa segue un camiño distinto á económica, aínda que moitas veces van en paralelo, e para cada profesión (mestres, xuíces, fiscais...) réxese por unha normativa específica.
"A partir de 1942 ordénase que non se incoen máis expedientes porque esta xurisdición especial está absolutamente colapsada e a xente que está pendente de ser xulgada ten moi poucos recursos económicos"
Falamos de cifras moi importantes, por exemplo de 14 mil expedientes en toda Galicia, unha mostra de que esta represión económica directa afectou a moita xente, amosando o peso dos opositores ao golpe de Estado...
E esa é a cantidade da que temos noticia a través da documentación coa que contamos, poden ser bastantes máis. Ademais, cómpre salientar que non houbo tempo material para encausar a todos os suxeitos pasivos da propia lei. A partir de 1942 ordénase que non se incoen máis expedientes porque esta xurisdición especial está absolutamente colapsada e a xente que teoricamente está pendente de ser xulgada é xente con moi poucos recursos económicos, que non xustifica o esforzo, máis aló da súa finalidade política. A eses 14 mil hai que sumar varios miles que foron multados gobernativamente e centos ou milleiros que sufriron incautacións irregulares por falanxistas das que non quedou máis que testemuña oral. Números que multiplican as mortes producidas pola represión.