As políticas galegas na folga feminista: do seguimento na esquerda ao rexeitamento no PP

Chao, Pontón, Vilán, Senra, Fernández e Miranda CC-BY-SA Praza Pública

Nesta xornada de folga feminista, as mulleres das formacións políticas galegas apoian con diferente intensidade a protesta. Mentres as deputadas de En Marea e BNG no Parlamento xa anunciaran que secundarán o paro todo o día, as parlamentarias do PSdeG súmanse aos paros parciais e por horas, mentres que as do PPdeG rexeitan a convocatoria, manteñen a súa xornada laboral e limítanse a manifestar o seu "respecto" por aquelas que deciden non traballar como polas que, como elas, si o fan. 

O PPdeG, que leva días deslexitimando a folga e mesmo cualificándoa como unha reivindicación "machista", saltou este 8-M ás redes sociais advertindo de que respecta "que se convoque unha folga para reivindicar a igualdade", pero que agarda "que este Día da Muller marque un cambio na dinámica política e que a igualdade non se vexa como un campo de xogo para gañar votos, senón como unha prioridade que require de acordos". 

O PPdeG "respecta" a folga pero espera "que a igualdade non se vexa como un campo de xogo para gañar votos"

Desde En Marea, a deputada na Cámara galega Paula Quinteiro, xunto coa parlamentaria no Congreso Ángela Rodríguez, explicaran o apoio total das mulleres da formación á folga do 8-M, que secundarán durante toda a xornada, unha actitude que contrapoñía ás compañeiras doutros partidos. “Cristina Cifuentes dicía que as mulleres non tiñamos motivos para facer folga, tamén Ciudadanos pese a recoñecer a desigualdade estrutural dixo que non apoiaría a folga feminista e o PSOE di que só vai apoiar dúas horas de paros dos sindicatos", dicían para advertir da necesidade de que "moitas" paren para "poder mudar a situación".

As deputadas de En Marea e BNG secundan a folga e amosan o seu "apoio total" ao paro deste 8-M

Ademais, as mulleres do grupo parlamentario do BNG Ana Pontón, Olla Rodil, Noa Presas e Montse Prado solicitaron mediante un escrito remitido á Mesa do Parlamento que se lles desconte do seu salario a cantidade correspondente á xornada laboral do día de folga. Con esta petición comunicaron tamén a súa decisión de sumarse á folga "para esixir o remate da discriminación das mulleres a nivel laboral, reivindicar medidas e accións reais de conciliación e loitar contra a violencia de xénero en calquera dos seus graos”. 

Luca Chao, Ana Pontón, Patricia Vilán, Lídia Senra, Alexandra Fernández e Ana Miranda / CC-BY-SA Praza Pública

O PSdeG, pola súa banda, anunciou que se suma "ás accións marcadas polos sindicatos UGT e CCOO" e apoian así o paro laboral de dúas horas, "como unha medida de concienciación e reivindicación ante a situación xeneralizada de desigualdade laboral que teñen as mulleres, e de todas as desigualdades que afectan á condición de ser mulleres no noso país".

O PSdeG súmase ás accións marcadas por UGT e CCOO e apoian o paro laboral de dúas horas

No entanto, en diferentes concellos as representantes socialistas decidiron secundar a folga durante toda a xornada. No Concello de Lugo, por exemplo, o equipo de goberno socialista decidiu renunciar ao soldo correspondente a este día "co fin de apoiar a folga feminista convocada con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora para visibilizar o papel da muller e reivindicar a igualdade social, económica e sexual entre mulleres e homes".

No Congreso e no Senado, as deputadas e senadoras galegas do grupo confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea anunciaron tamén que secundarán o paro e que designarán a súa asignación económica dese día ás organizacións feministas. 

As eurodeputadas Ana Miranda e Lídia Senra secundan tamén a folga feminista e non traballarán nesta xornada

Pola súa banda, no Parlamente europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, súmase ao paro e, xunto a europarlamentaria galesa Jill Evans, tamén da agrupación Verdes-ALE, doará os ingresos correspondentes a esta xornada laboral a colectivos feministas organizadores da folga. No caso da representante galega, a súa asignación irá ao colectivo Galegas8M. “Temos que seguir loitando pola igualdade real. Estamos no longo camiño do empoderamento da muller e temos que seguir avanzando”, subliñou. 

Tamén a outra eurodeputada galega, Lídia Senra, secundará a folga. A representante do GUE/NGL só participará nas actividades organizadas para apoiar o paro e para loitar polos dereitos das mulleres, cancelando todo o resto da súa axenda e todos os actos que podía ter no día. “Sóbrannos razóns para ir á folga”, dixo, tras anunciar que tamén se une á protesta. “Porque queremos que se apliquen as leis de igualdade desde unha perspectiva non machista; porque queremos rematar coa violencia machista; porque queremos acabar coa fenda salarial, coa fenda das pensións tamén; porque queremos  corresponsabilidade nos coidados; porque queremos que se aplique a lei de titulariedade compartida nas explotacións agrarias; e porque as mulleres queremos poder vivir a nosa vida con tranquilidade e sen violencias machistas”, rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.