As vítimas de Angrois ven outra investigación "máis necesaria ca nunca" tras a imputación do xefe de Adif

Vítimas de Angrois, no lugar do accidente o pasado xullo CC-BY-SA Praza Pública

"O xuíz ratifica o que as vítimas vimos denunciando dende hai tres anos e medio". A citación como investigado -antiga imputación do ex-xefe de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, como presunto "autor dos delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave" no accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas e resultaron feridas outras 144, vén de achegar ás vítimas do accidente os folgos que veñen perdendo no ámbito político. "Viñemos denunciando reiteradamente que o fallo humano do maquinista non era a única causa do accidente" e este movemento xudicial "vén darnos a razón" e fai "máis necesaria ca nunca" a apertura de senllas investigacións política e técnica sobre o accidente, afirman.

Tras coñeceren o auto do xuíz Andrés Lago Louro os membros da Plataforma Víctimas Alvia 04155 coidan que o instrutor da causa, reaberta en maio de 2016 por orde da Audiencia da Coruña, deixa "meridianamente clara" a existencia dun "comportamento neglixente e irresponsable" por tras do sinistro, e que este inclúe "os altos directivos de Adif, pertencente ao Ministerio de Fomento e cuxos altos cargos son nomeados polos propios ministros". Ao contrario do sostido no revogado peche da instrución, subliñan, o maquinista non é o único responsable porque "non se realizou a análise de riscos que era preceptiva" antes de poñer en servizo a liña ou "cando se produciron modificacións significativas" nela, "como a desconexión do sistema de seguridade que evitaría o accidente", ordenado polo ex-xefe agora imputado.

"O xuíz ratifica o que vimos denunciando dende hai tres anos e medio", di a Plataforma Víctimas Alvia 04155

As circunstancias que Lago Louro reflicte agora neste xiro da investigación xudicial, resalta a plataforma de vítimas, foron obviadas pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios, o órgano dependente de Fomento e que, tal e como acreditaron a Audiencia da Coruña e a Axencia Ferroviaria Europea, non era independente do Goberno de España no momento de realizar o seu informe. Nas súas 266 páxinas de análise sobre o acontecido na compostelá curva da Grandeira "non se refiren en ningún momento á análise de riscos, elemento esencial na investigación, tal e como ratificaron os peritos e o xuíz no seu auto".

A CIAF "non analizou as causas raíz" do descarrilamento e agora, que fica constatado que cómpre ir alén do maquinista, a plataforma ve imprescindible que se atendan as súas demandas. Por unha banda, no que atinxe á apertura "dunha comisión técnica independente á marxe da investigación xudicial", a mesma que "se nos nega reiteradamente, mentindo de maneira pertinaz". Por outra, a aprobación dunha comisión de investigación parlamentaria "para depurar responsabilidades políticas", a comezar polos propios responsables do Ministerio de Fomento en cada momento, dende a apertura da liña (2011) ata a desconexión do sistema de freado automático (2012). "O xuíz danos a razón, como xa fixeron en Europa", resumen.

Reaccións políticas

Ana Pontón: "A imputación abre unha porta á esperanza, é evidente que houbo decisións políticas que provocaron o maior accidente ferroviario da historia de Galiza"

A citación como investigado de Cortabitarte, que se negou a declarar cando fora imputado polo primeiro xuíz da causa e sobre quen tamén pesa outra imputación por un accidente acontecido en Arévalo (Ávila) no ano 2010, supón para as forzas políticas que veñen defendendo a apertura dunha comisión de investigación sobre o acontecido, En Marea e BNG, unha reafirmación desta tese.

Así, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, ve constatado que "a Xustiza tenta" achegar a "verdade" que "se nos negou unha e outra vez" no Parlamento galego e no Congreso cos "sucesivos" bloqueos da comisión de investigación. O proceso xudicial, subliña, avanza tras "anos de loita das vítimas e os seus familiares" e de "mentiras de PP e PSOE", que "denegan o acceso á verdade".

Luís Villares: "A Xustiza tenta achegar a verdade que se nos negou unha e outra vez"

Neste sentido, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ve aberta "unha porta á esperanza" que "debería abrirse moito máis" ata chegar a "investigar a quen tiñan responsabilidades políticas máis claras". "Esta imputación -sinala Pontón- abre claramente a vía de que hai responsabilidades políticas e pon de novo sobre a mesa a necesidade de que se reabra o debate sobre a apertura de comisións de investigacións no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados".

"Se PP e PSOE non teñen nada que ocultar -agrega a nacionalista- deberían abrilas, porque é evidente que houbo decisións políticas que reduciron a seguridade dos trens que circulan por Galiza e que esta redución da seguridade provocou o maior accidente ferroviario da historia do noso país", conclúe.

 

Vítimas de Angrois, no lugar do accidente o pasado xullo CC-BY-SA Praza Pública
Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, nun cartel de protesta das vítimas de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.