Palabra, música, análise e uns resultados electorais sorprendentes. Foron os principais ingredientes que o pasado 25 de maio configuraron a estrea de Radio Praza, a emisión radiofónica lanzada dende Praza Pública para seguir os comicios ao Parlamento Europeo que agora está dispoñible para a súa escoita en rede.
Caxade, Ataque Escampe ou Pony Bravo puxéronlle banda sonora a máis de catro horas de radio que, conducidas por David Lombao e Iago Martínez e con Marcos Paino no control técnico, comezaron cun repaso á xornada e ás valoracións dos líderes políticos a pé de urna. Este foi tamén o espazo para botarlle unha ollada á abstención, que finalmente non foi tan histórica como se prognosticara, senón menor á habitual nuns comicios coma estes.
A palabra falada, como a escrita, está cargada de futuro
Carlos Neira, David Rodríguez, Mercedes Rosón, Ana Luísa Bouza, Xulia Guntín, Filipe Diez ou Luís Villamor foron algunhas das voces que, dende a mesa de debate de Radio Praza, guiaron a análise dunha noite cuxo guión mudou ás once, cando se fixeron públicos os resultados. A irrupción de Podemos, a caída do PP ou o xiro do electorado galego cara á esquerda protagonizaron o programa dende ese momento. Culminou así a primeira experiencia radiofónica de Praza. A palabra falada, como a escrita, está cargada de futuro.