Auga doce, algo amarga, no Gaiás

Imaxe coa que Contraminate protesta contra a mostra © Contraminate

Este venres inaugúrase na Cidade da Cultura a mostra Auga Doce, unha exposición que reúne unha 700 obras de 140 artistas ao redor deste elemento, entre eles os contemporáneos David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgoise, Martín Chirino ou Chema Madoz e clásicos como Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon. A mostra, patrocinada por Gas Natural Fenosa, Fundación Aquae e Banco Sabadell, será inaugurada polo príncipe Felipe na mañá deste venres. A exposición ten un custe de máis de medio millón de euros.

Porén, non todo será doce. Contraminate, o colectivo de Laxe oposto aos proxectos de minaría aberta que nos últimos tempos veñen querendo estenderse por Galicia, protesta contra o que consideran un "evento hipócrita" e "unha provocación para os colectivos que loitan pola salvagarda dos bens naturais, e moi particularmente da auga". Contraminate lembra a política permisiva e de apoio do Goberno galego a estes proxectos mineiros e a outros igualmente nocivos par ao medio ambiente e subliña o prexuízo que xeran nos recursos hídricos que esta exposición busca homenaxear.

"Observamos con desconcerto e profunda indignación como a Xunta pón en marcha con enorme despliegue de medios económicos, comunicativos e institucionais a mostra Auga Doce, unha mostra que se quere solidaria e reivindicativa e tan falsamente cosmopolita e internacional que nin sequera mira para os conflitos que ten no seu territorio", din. Salientan especialmente "o problema da minaría a ceo aberto", e máis específicamente "o conflito de Corcoesto, no que como sabedes a mineira (Edgewater ou a que estea por vir no seu posto, ou ao lado dela) pretende aproveitar os recursos hídricos da zona facendo desaparecer o regato Lourido, contaminar o Anllóns e, augas abaixo, a ría de Corme e Laxe".

Nun manifesto, Contraminate critica "o comercio da auga" e a "farsa no Gaiás" que ao seu ver supón esta exposición. "Edgewater, auga límite, é o nome da empresa que fura os montes de Corcoesto. Auga fronteira escribe e dirixe o guión, co obxecto de extraernos as entrañas e a auga. Para abrir esa mina a ceo aberto proponse secar un río e contaminar o Anllóns, as fontes de Corcoesto, Cereo, Valeza e Coristanco, degradando a ría de Corme e Laxe. Esta cobiza non coñece límites. E este é o primeiro capítulo da serie", denuncian. Tamén sinalan que "regatos pequenos como o Lourido seguen ameazados de morte". E pregúntanse "que fai a Xunta entrementres?". "Unha homenaxe a auga doce" -din- "Ignorando o seu problema, o dos seus ríos. Quere facernos crer que auga pasada non move muíños".

Imaxe coa que Contraminate protesta contra a mostra © Contraminate
Xesús Vázquez, co delegado xeral de Gas Natural Fenosa en Galicia, Manuel Fernández Pellicer, na sinatura do acordo de patrocinio da mostra © Xunta
Convite para a inauguración da mostra Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.