Cando este venres Alberto Núñez Feijoo, criticando sobre todo a actuación "dalgún médico", cualificou de "calumnias" e "insidias" as denuncias que sinalan que a decisión de non aprobar tratamentos provocou o falecemento de pacientes, o presidente da Xunta non centrou as súas acusacións en nomes concretos. Pero Evaristo Varo, voceiro de Batas Blancas e xefe da Unidade de Transplante Abdominal do CHUS, sentiuse necesariamente aludido. Foi unha denuncia de Batas Blancas a que acabou por facer actuar á Fiscalía no caso dos atrasos no acceso ao tratamento por parte de varios enfermos de hepatite C. E o propio Varo atendeu persoalmente a varios dos afectados e afectadas. A un deles conseguiu salvarlle a vida tras enviar, xunto a outros dous compañeiros, unha carta ao Sergas saltando todos os protocolos oficiais. Falamos con Varo sobre a intervención radiofónica do dirixente do Partido Popular.
Como valora as palabras de Núñez Feijoo, comezando por esa cualificación de "calumnia" e "insidia" en relación coas denuncias que moitos profesionais realizaron?
Nós non mentimos. O único que fixo Batas Blancas foi constatar que había uns feitos anormais, que supostamente podían ser delitivos, e puxémolo en coñecemento da Fiscalía. E a Fiscalía, despois de varios meses de investigación xunto coa Policía Xudicial, despois de pedir probas e visitar a Consellaría, acusou estes altos cargos, nuns casos nos que se puido ter chegado ao homicidio.
"O único que fixo Batas Blancas foi constatar que había uns feitos anormais, que supostamente podían ser delitivos, e puxémolo en coñecemento da Fiscalía. E a Fiscalía acusou estes altos cargos"
O presidente da Xunta tamén suxire nas súas declaracións que os enfermos fan o que nós lles dicimos, o que é falso. A Plataforma de Afectados é anterior á propia existencia de Batas Blancas e leva moito tempo mobilizándose. Tamén dá a entender que estamos atacando a sanidade pública. Todo o contrario! Esta denuncia diríxese unicamente a uns xestores concretos e temporais da administración sanitaria pública. A medicina pública española é extraordinaria, é unha das mellores do mundo. A pena é que levamos uns anos en Galicia cuns xestores pésimos. O que dicimos é que a xestión do señor Feijoo neste tema foi nefasta. Díxeno eu mesmo xa algunha vez e repítoo, porque o vivín na propia pel e na propia vida dos enfermos.
"Crearon unha comisión presidida por políticos, seguindo criterios economicistas e non aplicaron nin sequera os criterios que recomendaba a Axencia Española do Medicamento"
Afirma tamén Núñez Feijoo que "quen receita o tratamento son os médicos e non o presidente nin o conselleiro" e subliña que os especialistas "prescriben libremente os transplantes de fígado", dando a entender que isto determina a súa posición neste asunto...
Cada vez que Núñez Feijoo fala da Hepatite C, mete a pata. Xa pronunciara unha vez unha frase moi desafortunada, sinalando que eu prescribía transplantes. Eu non prescribo transplantes. O transplante é un proceso que implica a moitísimos profesionais, e a decisión de transplantar ou non tómaa un comité de transplante hepático, un comité no que non hai políticos, senón que está formado por profesionais expertos. Esta comisión o que fai é seguir unhas guías, que rexen a nivel de toda España, a partir dos criterios das sociedade científicas españolas e europeas. Séguense, pois, protocolos en base a criterios científicos, xusto o contrario que fixo a subcomisión que creou a Xunta para o virus C: crearon unha comisión presidida por políticos, seguindo criterios economicistas -como quedou demostrado e como subliña a Fiscalía- e non aplicaron nin sequera os criterios que recomendaba a Axencia Española do Medicamento e o Ministerio de Sanidade, xestionado polo propio PP. A Xunta aplicou uns criterios restritivos, completamente diferentes aos aplicados no resto do Estado español.
"Coas súas palabras Feijoo desprezou o labor que realizan moitísimos profesionais, desprezou o que se consegue cun órgano que unha persoa doou para poder salvar unha vida"
Coas súas palabras Feijoo desprezou o labor que realizan moitísimos profesionais, desprezou o que se consegue cun órgano que unha persoa doou para poder salvar unha vida, desprezou o traballo que realiza a Sociedade Española de Transplantes, líderes a nivel mundial en transplante hepático. Non sei onde están eses nove anos de xestión sanitaria dos que presume Núñez Feijoo. Din que nós decidimos a vida e a morte. Nós damos vida! Son eles os que decidiron a vida e a morte de varios enfermos, por non darlles unhas pastillas. Na súa conciencia quedarán as mortes que houbo por non ter actuado ben.
"As súas palabras non son adecuadas para un presidente autonómico. Debería dicir, unicamente, que espera que a xustiza actúe, non que cre que se vai arquivar o caso"
Núñez Feijoo tamén se refire ao propio proceso xudicial, afirmando que "o que dixo o fiscal é unha cousa pero o xuíz xa dixo outra", e amosando a súa confianza en que os cargos da Xunta non serán condenados. Como valora este aspecto?
Si, efectivamente: na entrevista o señor Feijoo tamén parece negar que os altos cargos da súa administración estean imputados, dicindo algo como “imputados non, están chamados a declarar”. En absoluto: están investigados, imputados, non van ir ao xuízo de paseo. As súas palabras non son adecuadas para un presidente autonómico. Debería dicir, unicamente, que espera que a xustiza actúe, non que cre que se vai arquivar o caso. Non sei que lle parecerá todo isto ao xuíz.