Cara a uns concellos verdadeiramente laicos

Europa Laica pide que os cargos públicos non participen en actos relixiosos. Na imaxe, Javier Losada cando era alcalde da Coruña © Concello da Coruña

Europa Laica propuxo hai unhas semanas a creación dunha Rede de Municipios por un Estado Laico, co obxectivo de "defender e fomentar a liberdade de conciencia de todas as persoas" establecendo a "lexitimidade secular das institucións públicas no ámbito municipal", lembrando que España é un Estado aconfesional "e que os concellos forman parte do Estado". A entidade quere que a Rede, á que se poden adscribir concellos e grupos municipais, se poida presentar publicamente antes das eleccións do 20 de decembro, para realizar a súa primeira asemblea no primeiro trimestre de 2016.

A entidade quere que a Rede, á que se poden adscribir concellos e grupos municipais, se poida presentar publicamente antes das eleccións do 20 de decembro

A asociación presentou unha primeira proposta de principios, obxectivos e compromisos, que quere debater coas localidades interesadas en participar na rede. Trátase, en esencia, que acadar unha completa separación entre o poder público e a Igrexa no ámbito local, eliminando toda simboloxía relixiosa e suprimindo as subvencións públicas e beneficios fiscais das que na actualidade goza as institucións eclesiásticas.

Esa supresión "de todo tipo de simboloxía relixiosa nos actos oficiais e nos espazos de titularidade pública que dependan das administracións" é o primeiro punto da proposta, que pide que os actos oficiais sexan "exclusivamente civís, sen connotacións relixiosas ou ideolóxicas de calquera natureza". "Ningunha autoridade pública ou funcionario participará, en calidade de tal, en actos de carácter relixioso", sinala, engadindo que "os membros da corporación local e o persoal ao servizo da administración municipal non mostrarán, no exercicio do seu cargo ou das súas funcións, ningún xesto de submisión ou veneración de persoas ou imaxes relixiosas". De igual xeito, na proposta "quedan suprimidas, con carácter retroactivo, todas as honras ou votos públicos a advocacións, santos, imaxes ou simboloxía representativa relixiosa".

Na proposta "quedan suprimidas, con carácter retroactivo, todas as honras ou votos públicos a advocacións, santos, imaxes ou simboloxía representativa relixiosa"

O segundo gran bloque de propostas é de ámbito económico e nel aparecen seguramente as iniciativas de maior calado. Sinálase que "non se doará, nin se facilitará solo público nin locais, nin se concederá financiamento público ou exencións fiscais municipais para a instalación de infraestruturas ou realización de actividades a ningunha confesión ou institución relixiosa". Pídese igualmente que as confesións relixiosas sexan obrigadas a pagar todos os impostos municipais, incluído o de Bens Inmobles (IBI), que se deriven da súa actividade, xa sexa de carácter relixioso ou mercantil. Os concellos da rede elaborarán un censo público das propiedades da Igrexa católica e doutras confesións que están na actualidade exentos de pagar o IBI e tamén elaborarán onde corresponda un censo das propiedades rústicas e urbanas das que se apropiou a Igrexa católica, mediante o sistema de inmatriculación.

Así mesmo, os poderes públicos locais, no marco das súas competencias en materia de Educación, velarán pola laicidade dos ensinos impartidos nos itinerarios oficiais, dentro dos centros educativos de titularidade pública e dos privados sostidos con fondos públicos.

Pídese igualmente que as confesións relixiosas sexan obrigadas a pagar todos os impostos municipais, incluído o de Bens Inmobles

A proposta engade outras iniciativas, tamén de carácter simbólico, apostando por favorecer dende os concellos as cerimonias civís de acollida (equivalentes aos bautizos católicos), matrimonio e funerais. Con respecto aos funerais, pídese que os concellos garantan que nos cemiterios e tanatorios os familiares das persoas difuntas poidan celebrar as cerimonias que lles parezan oportunas, sen ser obrigados a contar con simboloxía relixiosa. Así mesmo, incorporaranse referencias e conmemoracións de carácter civil ao calendario oficial, centros públicos e aos rueiros, declarando festas locais "en referencia a acontecementos que unan a todos os cidadáns e cidadás e non os referentes a unha parte da cidadanía que ten unhas determinadas crenzas".

 

As decisión políticas en favor da laicidade, convertidas en polémicas

Un informe de Europa Laica difundido hai uns meses denunciaba que as administracións públicas españolas entregan cada ano á Igrexa católica 11.000 millóns de euros

Nos últimos anos, cada vez que unha administración pública adoptou calquera decisión tendente a garantir a separación entre Estado ou Igrexa ou encamiñada a retirarlle ás institucións católicas algún dos privilexios dos que goza, as medidas foron respondidas con grande escándalo dende colectivos sociais, partidos políticos conservadores (nomeadamente o PP) e a propia xerarquía eclesiástica. Ben se trate de iniciativas situadas no plano simbólico, ben afecten a cuestión económicas, os grupos católicos adoitan recibilas como un ataque á súa "liberdade relixiosa" ou ás "tradicións seculares", aludindo ao necesario papel da relixión na sociedade.

En Galicia vivimos estas polémicas nos últimos meses, coas decisións dos alcaldes da Coruña, Santiago ou Ferrol de non acudir en representación dos seus concellos a actos relixiosos, unhas polémicas -amplificadas polo Partido Popular- que para as comunidades cristiás de base e mesmo para a igrexa compostelá non o eran tanto.

Máis importantes resultan ser sempre as discusións nas que entra en xogo o diñeiro, ben sexa coa participación da Igrexa no ensino, nos debates sobre as exencións fiscais das que goza ou nos cartos públicos destinados ás confrarías de Semana Santa. Un informe de Europa Laica difundido hai uns meses denunciaba que as administracións públicas españolas entregan cada ano á Igrexa católica 11.000 millóns de euros. Esta cantidade, que supón o 1% do PIB, significa que cada cidadán -católico ou non- lle achega ás organizacións e institucións confesionais uns 240 euros anuais.

A Semana Santa ferrolá recibe cada ano 145.000 euros en subvencións

Nos últimos días os grupos católicos están alentando en Ferrol unha nova polémica, relacionada coas subvencións que reciben as confrarías da Semana Santa, uns 75.000 euros cada ano que se unen aos 40.000 euros achegados pola Xunta (dos que 24.000 van directamente á CRTVG para pagar a retransmisión dos pasos) e aos 30.000 da Deputación (para a edición dunha revista e a impresión de carteis). O Goberno local aprobou unha moción na que se garante que as achegas das tres administracións superarán os 75 mil euros, instando ao Goberno galego a incrementar a súa achega, hoxe reducida a 16.000 euros, descontada a transmisión da televisión pública. As confrarías, aínda que meses atrás aceptaran os compromisos do novo goberno municipal, semellan agora ter mudado a súa postura. Beatriz Sestayo, tenente de alcalde, acusou o PP de "buscar confrontación e rendibilidade política" alentando o enfrontamento.

As batallas políticas relacionadas coa Semana Santa non son exclusivas de Ferrol. Nas últimas semanas o novo Goberno municipal de Cádiz recibiu numerosos ataques cando anunciara recortes nas achegas públicas ás confrarías. Finalmente manterá os ao redor de 125 mil euros de subvención directa, aínda que reducirá outros gastos complementarios (de organización) nun 20%. Nas vindeiras semanas coñecerase a evolución que seguen os orzamentos de Sevilla nesta cuestión, despois da polémica que na pasada lexislatura espertou a decisión do goberno do Partido Popular de elevar de 36 mil a 132 mil os cartos públicos dedicados á celebración.

 

 

Relixiosidade en descenso na sociedade

Un 58% dos católicos galegos defínese directamente como "non practicante"

España segue sendo un país maioritariamente católico, aínda que ano tras ano descende, de forma inexorable, o número de persoas que seguen algunha relixión. Ao redor de 8 de cada 10 persoas en Galicia decláranse crentes, segundo os estudos do CIS, que de forma periódica introduce unha pregunta sobre a relixiosidade da poboación. No conxunto de España, os crentes (principalmente católicos) fican no 72%, cun 26% de agnósticos ou ateos. En Galicia, a porcentaxe de non-crentes é menor (ao redor do 17%), pero creceu moito na última década: en 2001 era tan só do 10%. Nas xeracións máis novas a realidade vai mudando: en 2012 o 28% dos galegos e galegas entre 18 e 24 anos declarábase "non crente" ou "ateo", o mesmo que o 31% dos que se situaban entre 25 e 34 anos e o 23% dos que están entre 35 e 44 anos.

Mantéñense (de momento) as crenzas, pero decaen de forma moi rápida as prácticas ligadas a elas e, en xeral, o papel que a Relixión tiña na sociedade. En 1994, o 40% dos católicos e católicas galegas afirmaba asistir á misa cando menos unha vez por semana, segundo os estudos do CIS. En 2001 os crentes galegos de misa semanal eran xa só o 25%. E no estudo máis recente do CIS que preguntaba por esta cuestión, publicado este mesmo ano 2015, a porcentaxe caeu ata o 12%. Un 58% dos católicos galegos defínese directamente como "non practicante" e outro 30% afirma acudir a actos relixiosos algunha ou varias veces ao ano. Nas xeracións máis novas de católicos e católicas, podemos comprobar como a porcentaxe de "non practicantes" é aínda maior: 80% entre os 18 e os 24 anos, 71% entre os 25 e os 34 anos, e 66% entre os 35 e 44 anos.

Tres de cada catro vodas celebradas en Galicia son exclusivamente civís. Hai 19 anos, oito de cada dez vodas (79,8%) aínda pasaban polas igrexas

Outra estatística que amosa claramente a perda de influencia da relixión nas prácticas sociais é a referida aos matrimonios. Segundo as cifras do INE, tres de cada catro vodas celebradas en Galicia son exclusivamente civís, e non realizaron polo tanto unha segunda cerimonia relixiosa para consagrar a unión. En 1996, hai 19 anos, oito de cada dez vodas (79,8%) aínda pasaban polas igrexas. E o mesmo sucede co estudo da materia de Relixión: mentres que no curso 2001-2002, o 90% dos matriculados e matriculadas en Primaria cursaba Relixión, dez anos máis tarde xa só o facía o 75%, e segundo as últimas cifras que manexa a Consellaría, neste curso a porcentaxe xa baixa do 70%.

Alcaldes e alcaldesas, a pasada lexislatura, na ofrenda ao Santísimo Sacramento en Lugo © Concello de Santiago
Europa Laica pide que os cargos públicos non participen en actos relixiosos. Na imaxe, Javier Losada cando era alcalde da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.