O pasado 6 de decembro nacía o Centro Social Autoxestionado do Sar, ou Casa de Sar. É unha iniciativa de varios colectivos e persoas que, despois das asembleas abertas en Compostela desde 2011 e adiante, decidiron materializar a creación dun espazo común para todas elas. Ese espazo na cidade compostelá non é unha ocupación ao xeito, é unha cesión de espazo onde desenvolver as ideas do asemblearismo desenvolvido nos últimos anos.
Falamos con xente implicada no nacemento deste centro social: María Díaz, de Stop Desafiuzamentos, Roi Ribeira e Moselén.
"Esta iniciativa naceu grazas á cesión dun espazo, non é unha ocupación típica, en vista de fornecer un lugar para reunión e de convivencia para as diferentes iniciativas sociais de Compostela. Stop Desafiuzamentos tiña necesidade dun espazo físico"
Que é a Casa de Sar?
Roi Ribeira- É un espazo que aínda está moi aberto porque vai depender moito da interacción coa xente do barrio, como tamén con xente que participou na Asemblea aberta e distintas iniciativas sociais. Esta iniciativa naceu grazas á cesión dun espazo, non é unha ocupación típica, en vista de fornecer un lugar para reunión e de convivencia para as diferentes iniciativas sociais de Compostela. Stop Desafiuzamentos tiña necesidade dun espazo físico, o mesmo que outros colectivos tiñamos necesidade dun espazo de reunión.
María Díaz- Dunha necesidade apareceu unha oportunidade como é este lugar, e nós aproveitámola.
"O 15M foi o movemento aglutinador destes colectivos tan diversos. Iso levou a que compartillemos un espazo físico onde autoaxudarnos"
Que colectivos ou xentes están traballando neste espazo?
Moselén- Aquí chega xente que seguiu a reunirse logo das acampadas do Obradoiro no 2011 en diante. Esta xente seguiu a reunirse, por iso isto é unha aglomeración de persoas que seguiron logo das asembleas abertas.
R.R- Xente que viña do 15 M, que foi onde conectamos.
M.D- Ese foi o movemento aglutinador destes colectivos tan diversos. Iso levou a que compartillemos un espazo físico onde autoaxudarnos.
Definídesvos como espazo autoxestionado. Como é o funcionamento deste espazo? Que é o que ofrecedes?
R.R- Aínda estamos arrincando pero procuramos facelo nós mesmos, tentando usar os menos cartos posibles, que sexa un espazo de axuda mutua sobre todo. Será seguido polas persoas que participen mediante unha asemblea de centro que xestionará o local. Ofrecemos un espazo para diferentes actividades culturais e sociais para o barrio.
M.D- É un lugar para que a xente achegue ideas e, ademais, é unha maneira de que os colectivos teñan un lugar de reunión. Tamén un sitio de referencia para achegarse cando estean en situación de por exemplo, reivindicar a súa vivenda.
R.R- É unha palestra para moitas actividades como é o comedor popular, unha idea que estaba no xermolo de Casa de Sar. Tentamos darlle pulo a esa idea pero aínda estamos desenvolvéndoa, pois quedan aínda cuestións técnicas por resolver.
"Non se trata de crear un comedor desde unha perspectiva existencialista, senón de comer xuntas diversas persoas de diversas procedencias, pero a precariedade aféctanos hoxe en día a case todos"
No caso do comedor, a quen vai dirixido?
R.R- A todo o mundo. Non queremos establecer diferenzas entre as persoas que non teñen posibilidade de acceso á alimentación e aos que si temos. Por exemplo, as circunstancias que acompañan ás persoas na vida son moi diversas. Non se trata de crear un comedor desde unha perspectiva existencialista, senón de comer xuntas diversas persoas de diversas procedencias, pero a precariedade aféctanos hoxe en día a case todos.
É posible hoxe en día o asemblearismo sen que acabe en personalismos ou escisións?
R.R- Non houbo polo de agora problemas de escisións ou personalismos.
M.D- Xa vai para dous anos nos que isto se mantén. A base é deixar que todo o mundo, cunhas mesmas crenzas, colabore, e así esta iniciativa non ten por que romper.
"Se hai algo que non convence a unha persoa ou grupo de persoas, téntase debater para chegar a unha solución. As cousas non funcionan se as persoas non se implican no que cren"
Como superastes todos os movementos e persoas que estades aquí as diferenzas que había entre elas?
M.D- Pois coas boas maneiras.
R.R- A técnica do consenso, se hai algo que non convence a unha persoa ou grupo de persoas, téntase debater para chegar a unha solución. As cousas non funcionan se as persoas non se implican no que cren.
"Aceptamos a temporalidade do espazo, mais non do proxecto"
Estades na zona do Sar, aí ao pé estivo a Casa Encantada. Sentídesvos preparados para evitar as manobras que tiraron abaixo con aquela idea?
R.R- En principio non sabemos que pode pasar. Estamos á expectativa. Temos a experiencia doutros centros sociais doutros centro sociais.
M.D- O problema da Casa Encantada era a especulación sobre os terreos que había detrás. Ese era o gran problema. Neste caso pode suceder, en tal caso, morrería o espazo.
R.R- Aceptamos a temporalidade do espazo, mais non do proxecto. As similitudes ou diferenzas son difíciles de valorar, pois aínda estamos comezando.
M.D- Tamén son momentos moi diferentes. Casa Encantada viña dun movemento de ocupación tolerado nun principio do que logo se aproveitaron para a especulación urbanística. Ata que punto esta casa de Sar pode seguir? O espazo é casualidade.
R.R- Temos claro que o espazo non físico terá continuidade.
Pensades que desde aquí poderedes aprenderlle á xente a autoxestión de espazos como barrios, rúas ou zonas amplas dentro da cidade?
R.R- Gústanos máis aprender dos outros. En todo caso, en común coa veciñanza do barrio veremos que é o que nace. Se a veciñanza quere participar. Nesa síntese veremos que pode pasar. Moitas das persoas que impulsamos isto somos deste barrio.
"Moitos espazos culturais eran dunha obra social ligada a unha entidade bancaria agora en mal momento, e faltaban espazos. Sempre houbo un intento de evitar a existencia da cultura de base na cidade"
Esta cidade está centrada sobre todo na hostalaría e turismo. Con Casa Sar queredes ofrecerlle á xente outra idea e visión de Compostela?
R.R- Esta cidade está enfocada a iso e moitos espazos culturais eran dunha obra social ligada a unha entidade bancaria agora en mal momento, e faltaban espazos. Sempre houbo un intento de evitar a existencia da cultura de base na cidade. Nós somos outra iniciativa de cultura de base xunto con outras entidades culturais, veciñais etc.
"Gustaríanos que os propietarios de inmobles parados entendan que, antes de telos así, deteriorando a vida do barrio, a cesión de lugares a iniciativas sociais é unha alternativa"
No caso de crearse unha rede de espazos como este, cales serían os problemas máis fortes que habería para que se levase para adiante?
M.D- Os espazos, é obvio.
R.R- Non sabemos o que pode traer o futuro, non coñecemos os problemas legais aos que poderiamos enfrontarnos, e ver a reacción das persoas que nos apoian.
Arranxar un edificio abandonado e autoxestionalo supón romper normas establecidas. Esperades que haxa máis respostas coma a vosa?
R.R- Gustaríanos moito, tamén, que os propietarios de inmobles parados entendan que antes de telos así, deteriorando a vida do barrio, que vexan que a cesión de lugares a iniciativas sociais é unha alternativa.