Castroverde lembrará este domingo os 15 veciños asasinados polos franquistas en 1937

Monolito en lembranza ás 15 persoas asasinadas © todopueblos.com

Manuel López López, Virginia Meilán Varela, Antonio Pereira Calderón, Manuel Graña Rico, José Blanco García, José Veiga López, José Palmeiro Valcárcel, Carmen Sarille Lenceiro, Manuela Graña Rico, Argimiro Rico Trabada, Domingo Fernández Díaz, José Graña Rico, José Freire Millares, e dous descoñecidos. Ao longo de 1937 15 persoas foron asasinadas na parroquia de Montecubeiro, en Castroverde, a mans dos franquistas. Dende hai dez anos un monolito no lugar lembra os feitos, e este domingo serán de novo homenaxeadas e, con elas, todas as vítimas da ditadura.

Durante a Segunda República Montecubeiro foi unha parroquia moi activa, e aquí formouse unha anticaciquil Unión de Labradores, que mesmo creou unha pequena biblioteca popular na súa sede. Ao igual que noutros lugares de Galicia a represión foi máis cruel e desapiadada, canto máis activo e liberado estaba o lugar. No verán de 1937 estes veciños e veciñas foron asasinadas, en virtude dunha lista facilitada, parece ser, polo crego local e por algún falanxista da zona. Ademais da xenreira previa, produto da actividade sindical destes labregos, os franquistas temían que se formase en Montecubeiro un foco guerrilleiro con apoio dos veciños, despois de que Bonifacio Sarille Lenceiro, líder da Unión de Labradores, fuxise ao monte con dous compañeiros.

Entre as primeiras vítimas estiveron tres mulleres, que hoxe son coñecidas como As mapoulas de Montecubeiro. Tratábase de Virginia Meilán Varela (costureira), Carmen Sarille Lenceiro (irmá moi nova do líder sindical fuxido) e Manuela Graña Rico (moza esquerdista que tiña falado en público nalgunha ocasión). Claudio Rodríguez Fer dedicoulles un poema: "Entre os toxos, sobre a neve, na seca e nas enxurradas, tres mapoulas iluminan noite e día Montecubeiro: Virxinia, Carmen, Manuela. Eran fermosas como pétalos. Perduran como penedos".

Tamén foron executados Manuel López López (labrego) Antonio Pereira Calderón (directivo da Unión), Manuel Graña Rico e José Graña Rico (imáns da devandita moza esquerdista), José Veiga López (muiñeiro), José Palmeiro Valcárcel (fillo dun mestre paseado en 1936) ou Argimiro Rico Trabada (mestre en Baleira). Narciso de Gabriel recolle a historia deste mestre nun libro, no que explica que foi salvaxemente torturado (cortáronlle a lingua e os testículos e quitáronlle os ollos) antes de ser rematado cun disparo de escopeta.

A familia Sarille Lenceiro sufriu durante anos a represión pola actividade de Carmen e Bonifacio. Mesmo o seu can foi aforcado, e Manuel Sarille Lenceiro, neno cando se produciron os asasinatos, foi tamén ameazado de morte. Anos despois publicou a memoria do sucedido na novela Polos fillos dos fillos, publicada en 2004 polo seu fillo, Xosé Manuel Sarille.

Foi precisamente Manuel Sarille Lenceiro quen promoveu en 2003 a instalación en Montecubeiro do monolito de dez toneladas de peso en lembraza "das 15 persoas inocentes asasinadas polo fascismo". O penedo sitúase de costas á igrexa parroquial e de cara á antiga casa da Unión de Labradores.

 

A homenaxe deste domingo

A Iniciativa Galega pola Memoria convoca este acto de homenaxe e dignificación das vítimas do franquismo, como unha denuncia máis da vixencia da Lei de Amnistía do ano 1977

Ás 12.30 horas comezará o Acto Nacional en desgravio ás vítimas do franquismo, organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), no que participán Federico Mayor Zaragoza ou Claudio Rodríguez Fer, ademais do alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e de Mario Outeiro, representante da área de Cultura da Deputación. Mercedes Peón porá a música.

A Iniciativa Galega pola Memoria convoca este acto de homenaxe e dignificación das vítimas do franquismo como unha denuncia máis da vixencia da Lei de Amnistía do ano 1977, "lei que pón no mesmo nivel a vítimas e a verdugos, polo que a IGM pide desde sempre a súa derrogación, precisamente para que estes actos non queden impunes".

Cartaz da homenaxe © Iniciativa Galega pola Memoria
Monolito en lembranza ás 15 persoas asasinadas © todopueblos.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.