Cataluña márcalle o camiño a Galicia para abolir as touradas

Concentración de Touradas Fóra de Pontevedra CC-BY TFP

A iniciativa do BNG, o pleno do Parlamento galego debaterá por primeira vez unha proposta de lei destinada a prohibir as touradas en Galicia. O grupo nacionalista rexistrou unha iniciativa que prevé a modificación da Lei de Protección de Animais para acabar coa excepción que permite o espectáculo das corridas e o sufrimento público do animal, ao tempo que se castiga o maltrato de cans ou gatos. "Será moi importante, tamén para ver quen se posiciona en defensa deste maltrato animal", asegurou Rubén Pérez, voceiro da plataforma Galicia Mellor Sen Touradas (GMST) durante as xornadas pola abolición celebradas este venres na Coruña e organizadas por AGE. Confía en que este sexa o primeiro paso para un futuro veto legal que "nos engrandecería como sociedade".

"A abolición das touradas engrandeceríanos como sociedade", di Galicia Mellor Sen Touradas

O exemplo está perto. O Parlamento catalán aprobou a abolición das corridas de touros no seu territorio no verán de 2010 a partir dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) organizada pola plataforma Prou! Dúas das personalidades máis activas do movemento antitaurino catalán, e protagonistas na súa vitoria parlamentaria, explicaron na Coruña o camiño seguido para acabar coas touradas e desmontaron un a un os argumentos a favor dun espectáculo que en Galicia conta aínda con moito menos apoio que en Cataluña e que na maioría das partes do Estado.

Mesmo unha enquisa do Ministerio de Cultura aseguraba que o 99,2% dos galegos declarara non asistir a touradas enre 2010 e 2011, polo que o teórico apoio do 0,8% da poboación semella xustificar unha actividade que carece de tradición, afección e público no país. "O sufrimento do animal é algo evidente, pero o que é evidente tamén é que sen subsidio público, as touradas en Galicia xa non existirían", insistiu Rubén Pérez, que revelou que deputados galegos que forman parte do Espazo Parlamentar na Defensa dos Animais xa teñen recibidos cartas e incluso ameazas por parte do lobby taurino que ve na súa conformación unha ameaza para a súa festa. Varios deles, parlamentarios de AGE como Yolanda Díaz, Antón Sánchez e Eva Solla, estiveron este venres na Coruña.

Anna Mulà lembra que as touradas son "unha excepción": "Se os touros fosen cans, as corridas serían un delito"

"Os argumentos empregados a prol das touradas ían desaparecendo e todos eles tiñan resposta", explicou na Coruña Anna Mulà, avogada, representante da ILP presentada no Parlament e encargada de defender a proposta na Cámara catalá, que volveu lembrar que as touradas son "unha excepción continua" en todas as leis de protección animal alegando ao seu aspecto "cultural". "É un dano inxustificable e gratuíto e unha exaltación e aplauso público que embrutece a sociedade; que sexa legal non é máis que un agravante porque se o maltratado fose un can, as touradas serían un delito", asegura.

Para Mulà, a sociedade galega "xa ten aceptado moi maioritariamente que é detestable o sufrimento do touro" e insistiu en que é "unha minoría" a que apoia un espectáculo que se defende aludindo ao seu valor cultural, á liberdade individual ou á creación de riqueza e traballo. "O lobby taurino defende o dereito á liberdade, pero a lei pode restrinxir este dereito se o beneficio é maior para a sociedade", recorda, ao igual que Leonardo Anselmi, activista animalista, impulsor da ILP en Cataluña e experto no tema. "Iso é demagoxia; os verdadeiros defensores da liberdade son os que a defenden e a limitan para que no seu nome non se cometan atrocidades", engadiu, tras preguntarse se houbo algún atentado á liberdade ao prohibir as pelexas de cans cando estas "son apoiadas por bastantes persoas".

"O PP atrasou en nove ocasións o trámite da ILP protaurina; o seu contido é inaplicable"

Malia o descenso de público e apoio ás touradas, o seu lobby logrou que se tramitase no Congreso dos Deputados unha ILP que pretende declarar Ben de Interese Cultural (BIC) as corridas, pero que o PP "atrasou ata en nove ocasións", consciente "do deficiente" dunha propota que non convence nin a moitos dos eternos defensores do espectáculo. "A relación lobby taurino-Partido Popular vai acabar mal e iso é unha moi boa noticia", insiste Anselmi, que considera "unha torpeza" para os defensores das touradas a admisión a trámite dun proxecto que "non hai por onde collelo".

"O seu contido é inaplicable", explica Anna Mulà, que lembra que aprobar o texto suporía "obrigar a todas as administracións a inxectar cartos nas touradas, instar a Unesco a queu a recoñeza como patrimonio da Humanidade e incluso incluír unha materia dedicada á festa taurina na educación pública e na Universidade". "O que queren son máis cartos e subvencións públicas", manifesta.

"Os promotores desta ILP saben que non poderán recuperar as corridas en Cataluña porque a competencia é autonómica; a súa proposta responde á grave ameaza que hai sobre unha actividade que hai tempo que deixou de ser rendible", insiste Mulà, que cre que a abolición das touradas non sería máis que "un progreso moral" para a sociedade galega e española.

"A abolición será un progreso moral para a sociedade galega", insiste Mulà

 

Os argumentos desmontados

Leonardo Anselmi, ademais, lembra que os argumentos dos protaurinos foron desmontados un a un durante o debate que se deu en Cataluña tras a proposta de abolición. Este mesmo venres, na Coruña, retou os asistentes ao coloquio a recordar todo o argumentario para ilo rebatendo un a un. Abofé que lle puxo énfase.

Así, en canto a aquel que di que a desaparición das corridas implicaría tamén a desaparición do touro de lidia, Anselmi lembra que este touro "nin é unha especie nin unha raza" e que só é froito de mesturar "desde hai 500 anos" os animais máis bravos. "Non pode desaparecer o que non existe", aclara. Ademais, tamén rexeita a idea que insiste en que os astados viven ben. "Teñen coartada a súa liberdade de especie xa que, por exemplo, non poden copular coas vacas", di.

Tamén se mostra en conta sobre aquela idea que asegura que o touro é "un animal con orgullo e honra" porque "turra e loita para non morrer". "Que fai un cervo cando despois de escapar dun lobo acaba acurralado? Pois dá a volta e turra coa súa cornamenta, igual que fai un touro cando está atrapado na praza", asegurou referíndose a varios estudos de expertos.

Para Anselmi, o feito de que as corridas sexan sempre unha excepción nas leis de protección de animais "demostra que está fóra da moralidade da época". "Os taurinos non aceptan nin que se cambie o modelo de touradas, pero ningún deles aturaría unha corrida de principios de século, onde os cabalos acaban destripados e había moito máis sangue", explica, tras lembrar tamén que "na Inquisición queimábase xente; normal que non se considerasen violentas outras cousas". "A visión do mundo que temos uns e outros é moi diferente", insiste.

"As touradas son un espectáculo público que morren de sinceridade", di Anselmi

En canto aos correbous, que non foron prohibidos en Cataluña, Anselmi lembra que son un espectáculo "que case non era coñecido ata que a prensa de Madrid o empregou como argumento para situarse contra a abolición". "Non lles queda moito porque nós estamos en contra deles e loitaremos contra eles, pero á hora de presentar a ILP tiñamos que ser pragmáticos e asegurarnos un rexeitamento social masivo", explica este activista, que cre que é o feito de que as touradas "sexan un espectáculo público e incluso protagonista das revistas do corazón" o que explica que todo o mundo teña claro "en que consiste este maltrato animal". "Poucas familias volverían cos seus fillos ao circo se soubesen o que se lle fai aos elefantes e algo semellante ocorre cos correbous, pero as corridas de touros morren de sinceridade", remata.

Xornadas pola abolición, con Mulà e Anselmi CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.