Carmen Seijas, Elvira Varela Bao, Luisa Vázquez e Celsa Cabanela. Son catro mulleres coruñesas, xa anciás. As catro sufriron a represión dos golpistas en 1936 e da posterior ditadura. Elvira Varela viu como a fúa familia era perseguida pola súa militancia política -a súa nai era Elvira Bao, mestra e militante galeguista-. A Celsa detivérona por comunista e a Carmen perseguíana para tentar que delatase os seus irmáns.
A oficina de atención ás vítimas do franquismo encádrase na posta en marcha da Cátedra de Memoria Histórica da UDC
Son algúns dos retallos de memoria que as catro mulleres deixaron este luns na inauguración da oficina de atención ás vítimas da represión do golpe e do franquismo na Coruña, o primeiro servizo coma este en Galicia, que o Concello e a Universidade coruñesa veñen de poñer en marcha na Casa-Museo Casares Quiroga. Unha achega municipal de 40.000 euros a un convenio rubricado polo alcalde, Xulio Ferreiro e o reitor, Julio Abalde, permite abrir a oficina, pero tamén que arrinque a Cátedra Institucional de Memoria Histórica da UDC.
"A oficina -di Ferreiro- é un recurso máis dentro dun proxecto máis amplo", xa que a apertura da Cátedra implica investigación en materia de memoria histórica e a súa posterior divulgación. "Aínda hoxe existen voces que, erradamente, insisten en que en Galicia non houbo represión", algo que "sabemos que non é certo". Ao tempo, subliña o rexedor, continúan a existir "moitas familias que demandan información" sobre o que lles pasou aos seus parentes.
"Aínda existen voces que, erradamente, insisten en que en Galicia non houbo represión"
Esa procura de información, xa iniciada no pasado por outras investigacións como a do desaparecido proxecto interuniversitario Nomes e Voces, realizarase a partir da propia oficina. Alí "recolleranse demandas e achegas sobre as que despois facer pivotar as investigacións a través da Cátedra". Quen procure ou poida ofrecer información sobre a represión franquista na Coruña pode acudir á Casa-Museo Casares Quiroga de luns a venres, de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 20.00 horas.
Segundo o Concello coruñés, a apertura da oficina de atención ás vítimas da represión franquista é "un chanzo máis" en materia de memoria histórica na cidade. Únese, din, a accións máis simbólicas como a eliminación do rueiro de nomes ligados á ditadura e os seus promotores -cambios pendentes dende 2009, cando foran aprobados en pleno- ou a posta en marcha do Consello da Memoria Democrática da Coruña, que comezou a súa actividade recibindo o encargo de elaborar un estudo sobre a casa Cornide, espoliada pola familia Franco.